A Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais
A Promoción de Enlace
Os autores que se reúnen baixo esta denominación non gardan coherencia de grupo; cada quen trata de buscar o seu estilo. Aínda así, é posible atopar neles algúns puntos en común. Naceron entre 1920 e 1930. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illada da cultura europea. Destacan:
- Luz Pozo Garza
- Antón Tovar
- Manuel Cuña Novás
Manuel Cuña Novás (Pontevedra, 1926-1992) é representante da Escola da Tebra. A súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras e de escuridade.
Luz Pozo Garza
Nace en Ribadeo no seo dunha familia que, trala guerra, sufriu a represión franquista. Estudou piano, maxisterio e filosofía e letras. A súa obra é intimista e nela o tema predominante é o amor. Destacan obras como “O paxaro na boca” (1952) e “Códice Calixtino” (1986).
A Xeración das Festas Minervais
Baixo esta denominación reunimos os poetas máis novos da posguerra. Os trazos que mellor os caracterizan como grupo son:
- Naceron case todos entre 1930 e 1940, polo que, na práctica, non chegaron a vivir a guerra.
- Déronse a coñecer a través dos certames literarios celebrados en Santiago nos anos 50 (Festas Minervais).
- Teñen como mestres os autores da Xeración do 36 e tamén as figuras históricas ligadas á editorial Galaxia.
Desenvolven dúas liñas poéticas:
- A Escola da Tebra, onde predomina a poesía intimista e os temas da morte, a soidade e a desesperanza.
- O social-realismo: poesía de denuncia social onde se tratan os temas da represión, a guerra e o sentimento de Galicia.
Compoñentes desta xeración son:
- Manuel María (1930-2004)
- Bernardino Graña
- Uxío Novoneyra
- Méndez Ferrín
- Manuel María
Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei en 1930. Nunha primeira etapa fixo poesía existencialista (na liña da “Escola da Tebra”) onde manifestaba a dor do eu poeta. A continuación, fixo unha poesía social que pretende chegar facilmente ao lector para facelo consciente da súa identidade galega e da necesidade de aspirar á liberdade. Os seus traballos máis representativos da primeira etapa son: “Muiñeiro de Brétemas” (1950) e “Morrendo a cada intre” (1952). A partir de “Documentos persoais”, publicado en 1958, ábrese ao socialrealismo, tendencia que seguirá cultivando en “Mar maior” (1963) e “Proba documental” (1968).
- Uxío Novoneyra
Naceu no Courel en 1939. A súa poesía recibe influencias da lírica paisaxística de Noriega Varela e A. Iglesia Alvariño, pero cunha personalidade propia. A paisaxe é contemplada como algo místico, un todo no que o home se integra. As súas obras son: “Os eidos” e “Os eidos 2”. Ademais dese persoal paisaxismo, a súa poesía reflicte o seu compromiso coa realidade social de Galicia.
- Xosé Luís Méndez Ferrín
Naceu en Ourense en 1938. Sendo universitario, participou na fundación do Grupo Brais Pinto e, con outros membros do grupo, fundou en 1964 a Unión do Pobo Galego (UPG), xerme do nacionalismo galego moderno xunto ao Partido Socialista Galego. A pesar de ser máis voluminosa a súa literatura en prosa, os seus poemarios son clave para entender a evolución da poesía galega moderna. En 1957 publicou Voce na néboa, libro onde está presente a liña existencialista de tanta influencia desde a Escola da Tebra. En 1972, o poeta desdóbrase baixo o heterónimo de Heriberto Bens e publica “Antoloxía popular”, e no ano 1980, a “Poesía enteira de Heriberto Bens”. Son obras de marcado ton reivindicativo en harmonía coa súa militancia marxista e independentista. Foi Presidente da Real Academia Galega (RAG). En 1976 viu a luz “Con pólvora e magnolias”, Premio Nacional da Crítica, que supuxo a fin da poesía socialrealista. Esta obra marca a definitiva renovación da poesía galega. Mentres que no socialrealismo a estética quedaba descoidada e primaban os contidos, agora volvemos a unha poesía preocupada polo rigor formal, a musicalidade do ritmo e a forza expresiva da linguaxe. Sen prescindir da reivindicación (pólvora), o poeta abre paso a novos temas como o pasado, o amor e o tempo (magnolias).