Promoción e Dignificación do Galego no Primeiro Terzo do Século XX

Lingua e literatura4,7 KB

A Situación Lingüística do Galego no Primeiro Terzo do Século XX

Neste tema imos falar da situación lingüística do galego durante o primeiro terzo do século XX e sobre as tres organizacións encargadas da promoción da lingua galega, que son: as Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.

No primeiro terzo do século XX, Galicia segue tendo unha situación diglósica. O galego é a lingua maioritaria, pero considérase unha lingua inferior ao castelán. Prodúcense unha serie de cambios sociopolíticos:

Cambios Sociopolíticos Relevantes

  • O Agrarismo: É un movemento social que ten lugar no primeiro terzo do s. XX en Galicia. Consiste na loita do campesiñado (que abranguía o 90% da poboación) contra o caciquismo, xa que as terras pertencían aos fidalgos, quen vivían grazas ao traballo dos campesiños. En 1926 xa esmoreceran a maioría das agrupacións que defendían este movemento, polo que non se cumpriu o obxectivo principal. Pese a isto, o Agrarismo foi importante para a lingua, xa que moitos escritores apoiaron este movemento e escribiron textos sobre el.
  • Pensamento Nacionalista: A maior parte dos escritores seguen as ideas do pensamento nacionalista, desenvolvido polas Irmandades da Fala e polo Partido Galeguista máis tarde. Ambas defenderon o galego como elemento clave da identidade colectiva galega. No Estatuto de Autonomía de 1936 establécese a cooficialidade do galego e o castelán.

O proceso de dignificación da lingua comezou en 1906, cando se fundou a Real Academia Galega, pero non foi relevante xa que non era unha institución oficial. Os organismos que se encargaron da promoción da nosa lingua foron as Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.

Organizacións Promotoras da Lingua

As Irmandades da Fala foron creadas en 1916 por Antón Villar Ponte na Coruña. Promoveron o emprego da lingua naqueles ámbitos dos que estivese marxinado ata ese momento: nos actos públicos, no ensaio político, no xornalismo (destaca a creación dos primeiros medios de prensa en galego, como o xornal A Nosa Terra) e nos textos científicos (cómpre lembrar que os primeiros textos científicos en castelán son do s. XII). No terreo da cultura fundan editoriais, publican periódicos en galego e modernizan e impulsan o teatro. Reivindícase o galego como lingua cooficial de Galicia. Para prestixiar o idioma, promoven a elaboración de dicionarios e gramáticas, a creación de editoriais (como Céltiga e Lar); defenden a galeguización do ensino e a utilización do teatro cunha finalidade didáctica.

En 1920 nace a revista Nós en Ourense, por iniciativa dun grupo de intelectuais ourensáns vinculados ás Irmandades da Fala, como Risco, Otero, Cuevillas... Foron os creadores da prosa de calidade contemporánea galega. Era publicada completamente en galego, e nas súas páxinas encontramos tratados científicos, novelas, etc. Grazas a ela conseguiuse o propósito das Irmandades de crear unha prosa moderna en lingua galega tanto literaria como científica.

O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi constituído en 1923 por universitarios da USC. Desexaban unha institución que fixese posible o estudo e a divulgación do patrimonio cultural de Galicia. En 1933 publicaron Algunhas Normas para a Unificación do Idioma Galego, o primeiro intento de estandarización da lingua galega.

Impacto e Desafíos da Normalización

O incremento da cantidade e calidade de obras escritas en galego nestes anos apréciase nos case cen volumes que saíron só do prelo de Ánxel Casal, creador da editorial que acabou por facerse cargo da revista Nós.

A aplicación do galego a novos ámbitos de uso (tanto escritos como orais) necesitaba dotárono dun nivel de elaboración do que carecía ata o momento, tanto na súa unificación como no enriquecemento do seu vocabulario. Isto provocou que os escritores buscasen unha purificación do idioma eliminando os castelanismos, polo que apareceron hipergaleguismos (por exemplo: *calquera*). A toma de contacto co galego portugués medieval e a necesidade de cubrir baleiros básicos levaron ao emprego de formas arcaicas e lusismos.

Conclusión do Período

En conclusión, esta época foi un gran avance cara á normalización, xa que o galego comezou a empregarse en funcións sociais das que ata ese momento estaba marxinado. Con todo, comezouse a perder un importante número de falantes debido á emigración ás cidades e á ruptura do proceso de transmisión interxeracional.

Descargar

PDF Word HTML