Os principais tipos de clima en Galicia

Xeografía2,52 KB

Tipos de clima en Galicia

Pola súa posición xeográfica, Galicia inclúese dentro das rexións de clima oceánico, que se caracterizan por contar cunha amplitude térmica reducida, con invernos suaves, veráns frescos e precipitacións abundantes regularmente repartidas durante todo o ano.

1. Galicia occidental

As temperaturas medias sitúanse arredor dos 12 °C, mentres que as precipitacións poden chegar a superar os 1500 mm anuais. Nas Rías Baixas rexístranse temperaturas elevadas durante gran parte do ano e, aínda que o total de precipitacións é similar ao resto da fachada, existe unha forte tendencia á aridez estival, debido á maior influencia do Anticiclón das Azores.

2. Fachada cantábrica

A Mariña lucense presenta un descenso relativo das precipitacións, que se sitúan entre os 800-1000 mm anuais, con respecto á fachada atlántica, aínda que sen aridez estival. As temperaturas mantéñense, así e todo, en valores semellantes, con invernos frescos e veráns suaves.

3. Áreas de montaña

En Galicia, o clima oceánico de montaña sitúase, en xeral, por riba dos 700 metros de altitude, aínda que as súas características esenciais (aumento xeral da oscilación térmica anual e diaria, e maior frecuencia das precipitacións en forma de neve) rexístranse fundamentalmente nas serras orientais e sudorientais.

4. Galicia interior

A distancia ao mar e a protección das serras nos sectores da Terra Chá, Chantada, Terra de Lemos, Arnoia e A Limia fan que as chuvias sexan inferiores ás dos outros dominios e que aumente a oscilación térmica, que se aproxima aos 14 °C, con invernos rigorosos e veráns que poden chegar a ser bastante cálidos, especialmente no sur da comunidade.

5. Vales e depresións do sector meridional

Os vales do Miño medio e do Sil, así como as pequenas depresións do sur, constitúen os sectores máis áridos de Galicia, sobre todo durante a época estival. En xeral, as precipitacións adoitan ser inferiores a 700-800 mm e rexístrase un aumento xeneralizado das temperaturas, cunha media anual superior aos 14 °C.

Descargar

PDF Word HTML