A Primeira República Española: Constitución, Conflitos e Caída

Historia3,37 KB

A Primeira República Española (1873-1874)

Esta constitución seguía as liñas da do ano 1869, en relación coa implantación da democracia e o recoñecemento de amplos dereitos e liberdades. A República tería un presidente, e en canto ás Cortes, manteríanse as dúas cámaras, o Senado e mais o Congreso. Así mesmo, declarábase a liberdade de culto e a separación da Igrexa e o Estado; ratificábase a abolición da escravitude nas colonias e a supresión das quintas, e a reforma dos impostos e o inicio dunha lexislación proteccionista no ámbito laboral foron as leis máis innovadoras.

A Sublevación Cantonal: Crise e Conflito

A sublevación cantonal foi o conflito máis grave que se produciu no breve período republicano e o que provocou a maior situación de crise para o goberno. O cantonalismo era un fenómeno complexo no que se mesturaban as aspiracións autonomistas propiciadas polos republicanos federais intransixentes coas aspiracións de revolución social inspiradas nas novas ideas internacionalistas. Nas zonas con forte implantación republicana, a poboación, radicalizada polas aspiracións revolucionarias espalladas polos núcleos anarquistas da Internacional, alzouse en cantóns independentes.

Protagonistas e Desenvolvemento do Cantonalismo

Os protagonistas dos levantamentos cantonalistas eran un conglomerado social composto por artesáns, pequenos comerciantes e asalariados, e foron dirixidos en xeral polos federais intransixentes, decepcionados polo rumbo dos acontecementos da nova República. O presidente Pi i Margall opúxose a sufocar a revolta polas armas e dimitiu, sendo substituído por Nicolás Salmerón, quen deu por rematada a política de negociación cos cantóns e iniciou unha acción militar contra o movemento cantonalista. Salmerón dimitiu a principios de setembro dese mesmo ano porque non se sentía moralmente capaz de asinar as penas de morte que impuña a autoridade militar contra os activistas cantonalistas. A presidencia recaeu entón en Emilio Castelar, dirixente do republicanismo unitario, moito máis conservador en cuestións sociais. A partir de aí, a República comezou un progresivo desprazamento cara á dereita. O novo presidente intentou aplicar unha política de autoridade e forza para controlar os problemas que afectaban o país, especialmente a grave situación de Cartaxena.

O Fin da Primeira República Española

Desde setembro de 1873, a República deu unha clara viraxe conservadora, co novo goberno de Castelar. Este non tiña a maioría nas Cortes e, temendo ser destituído pola maioría federal, suspendeu as sesións parlamentarias e gobernou de maneira autoritaria, amparando os sectores máis conservadores e concedéndolles amplas atribucións aos xefes de guerra. Ante esta situación, o día 3 de xaneiro de 1874, abríronse as Cortes, e o goberno de Castelar foi derrotado. O 29 de decembro de 1874, o pronunciamento militar de Arsenio Martínez Campos, en Sagunto, proclamou rei de España a Afonso XII, dando fin á Primeira República Española.

Descargar

PDF Word HTML