A Primeira Guerra Mundial: Causas, Desenvolvemento e Consecuencias

Historia3,49 KB

A Primeira Guerra Mundial

En agosto de 1914 estalou en Europa a que despois seria coñecida como a 'Gran Guerra'. Nela combateron entre si dous grupos de países: o bloque dos imperios centrais, constituido por Alemaña, Austria-Hungría, Bulgaria e o imperio otomano; e o bloque aliado, formado basicamente por Francia, Gran Bretaña, Rusia e os Estados Unidos.

As Orixes

Aínda que a causa inmediata da guerra foi o chamado atentado de Sarajevo, os historiadores coinciden en sinalar, sen embargo, outras causas máis profundas.

(1º) Nos Anos Anteriores à Guerra

Os estados europeos formaran complexos sistemas de alianzas militares, como a Triple Entente e a Triple Alianza. Esta situación podía dar lugar a que calquera incidente local chegase a xeneralizarse e alcanzase dimensións internacionais. Ademais, entre 1890 e 1914, as grandes potencias incrementaran o seu presuposto militar nunha carreira armamentista coñecida como a 'Paz Armada'.

Os conflitos políticos entre os estados eran tamén motivo de preocupación. Francia reivindicaba Alsacia e Lorena, en poder de Alemaña, e Italia facía o propio con Istria e Trento, en mans austriacas. As rivalidades económicas, finalmente, acrecentáronse desde principios do século XX, xa que Francia e Gran Bretaña observaban con receo o crecemento da economía alemá e a súa forte presenza nos mercados coloniais.

(2º) Desenvolvemento do Conflito (1914-1918)

A guerra comezou case de maneira simultánea en duas frontes, a Occidental e a Oriental, con grandes ofensivas das tropas alemanas e rusas. Sen embargo, tras as primeiras batallas, ataques e contraataques, no Nadal de 1914 as frontes estabilizáronse. A primitiva guerra de movementos transformouse, así, nunha guerra de posicións (1915). Nesta, os soldados dun e outro bando 'enterráronse' sobre o terreo para poder resistir, co que as frontes se converteron en inmensas liñas de trincheiras protexidas por metralhadoras e aramadas.

Durante máis de tres anos (de novembro de 1914 a marzo de 1918), as frontes non se moveron, a pesar das grandes batallas de Verdun e do Somme (1916). Nos países implicados, a loita transformouse agora nunha guerra total: produciuse unha mobilización masiva e todas as actividades, incluídas as industrias, quedaron subordinadas ás necesidades bélicas. A partir de 1915, a entrada de novos países na contenda (Italia, Turquía, Bulgaria, Rumanía e Estados Unidos, entre outros) ampliou o seu campo de operacións e converteuna nun conflito mundial.

A finais de 1918 os aliados lanzaron unha ofensiva xeral, inclinando o conflito ao seu favor. Alemaña asinou un armisticio aceptando as condicións aliadas. A guerra terminara.

A Perda da Hexemonía Europea

O balance da guerra foi desolador desde os puntos de vista demográfico, económico e social.

Europa perdeu máis de nove millóns de habitantes, mozos na súa maioría, aos que había que unir multitude de órfãos, viúvas e millóns de inválidos. Non menos afectadas quedaron as economías dos distintos países, como consecuencia das destrucións e dos gastos ocasionados pola guerra. Durante o conflito producíronse tamén importantes cambios sociais: incorporación masiva das mulleres ao mundo laboral, empobrecemento das clases medias, aparición de novos ricos como resultado da especulación, etc.

Como consecuencia de todo isto, Europa perdeu o seu lugar hexemónico no mundo, e foi substituída polos Estados Unidos.

Descargar

PDF Word HTML