Presenza Musulmá en Galicia e Galicia Medieval: Historia

Historia5,11 KB

Presenza musulmá en Galicia

A presenza musulmá en Galicia foi escasa e as transformacións que orixinou foron máis bien superficiais. O territorio galego non foi afectado de igual modo pola presenza musulmá, diferenciándose tres áreas:

  1. A occidental: que non foi nin conquistada nin ocupada.
  2. A norte: practicamente abandonada polos musulmáns tras a primeira expedición. Esta escasa ou nula presenza musulmá permitiu ao rei Afonso I incorporar estes territorios galegos ao seu reino e iniciar a súa repoboación.
  3. A sur: especialmente a que comprendía o antigo convento romano bracarense, foi a máis afectada. O val inferior do Miño quedou parcialmente despoboado e os musulmáns asentáronse na zona de Braga, Coimbra e Viseu.

Os emires cordobeses enviaron razzias para tentar frear o avance cristián, con escaso éxito. No século IX, algúns nobres musulmáns rebeldes aos emires de Córdoba buscaron refugio en Galicia, onde foron acollidos polos reis cristiáns; entre eles destacaron Mahamud e Abd al-Rahman ben Meruan. A partir do século X, a presenza musulmá foi completamente esporádica, limitándose aos sucesos das razzias.

A Galicia medieval

1. Un reino sen rei

A conquista musulmá da península trouxo consigo a desarticulación da vella Gallaecia romana e suevo-visigoda. O carácter marxinal que tivo para o poder musulmán permitiu que os reis asturianos fosen incorporando as terras galaicas ao seu dominio. Esta integración no reino asturiano realizouse en varias fases:

A Galicia nororiental

A primeira incorporación foi realizada a partir do 750 por Afonso I, que repoboou a zona litoral cantábrica e a cidade de Lugo. Co seu sucesor, Fruela I, o val medio do Miño e a zona oriental, onde se produce a repoboación do mosteiro de Samos, pasaron a formar parte do reino asturiano. Esta política de asentamento nestas terras de mozárabes que viñan do sur contou coa oposición dos nobres locais, que se enfrontaron aos monarcas asturianos e perderon.

A Galicia occidental

Con Afonso II produciuse a anexión da zona occidental e costeira de Galicia. Foi durante o seu reinado cando se descubriu a suposta tumba do apóstolo Santiago (813).

A Galicia meridional e as terras alén do Miño

Realizouse con Ordoño I e Afonso III, quen cos seus condes conquistaron e repoboaron as terras comprendidas entre o val inferior do Miño e os vales do Douro e do Mondego.

Desde o século IX o termo Galicia quedou restrinxido a designar as terras situadas desde o Mondego e o Douro ata o Cantábrico, diferenciadas das terras de Asturias e León. Tras a morte de Afonso III foi creado o reino de Galicia. Como reino independente mantívose en varios momentos, sempre de xeito efémero e como consecuencia dos repartos hereditarios realizados polos monarcas astur-leoneses:

  • Entre 910 e 914, Galicia tivo como monarca propio a Ordoño II; tras a morte dos seus irmáns reuniu de novo todos os territorios baixo o seu mandato.
  • En 926, os fillos de Ordoño repartiron os territorios, sendo Sancho Ordóñez rei de Galicia ata 929. Despois da súa morte, reunificáronse os distintos reinos con Ramiro II de León.
  • A derradeira ocasión tivo lugar no século XI, cando Fernando I repartiu en 1065 o seu reino entre os seus fillos, correspondendo a García o reino de Galicia. En 1071 foi destronado polo seu irmán Sancho II de Castela; o seu asasinato permitiu que outro irmán, Afonso VI de León, volvese reunir baixo o seu mando todos os territorios do seu pai.

Dentro de Galicia, as terras entre o Mondego e o Miño foron progresivamente denominadas co termo de Portugal.

2. Os señores de Galicia

Os señores laicos

Entre os séculos VIII e X, en paralelo co avance reconquistador en Galicia, xurdiu unha elite de magnates que se fixo co control político e social do territorio e defendeu as terras fronte ás ameazas dos musulmáns e normandos. Conseguiron formar grandes patrimonios territoriais grazas ás doazóns reais como pagamento de servizos prestados. Esta nobreza condal tivo un forte protagonismo político, sendo constantes os seus enfrontamentos cos reis e a súa participación nas disputas dinásticas.

A crise social do século XIV variou o protagonismo da nobreza galega. A vella nobreza condal foi desprazada pola aparición de novas liñaxes: a chamada nobreza dos cabaleiros, que se beneficiou da loita dinástica que enfrontou a Pedro I con Henrique de Trastámara. Os Altamira, Lemos, Soutomaior, Moscoso, Sarmiento, Ulloa ou Andrade competían entre si e disputábanse o dominio sobre terras e castelos, creando un malestar social que orixinou a protesta dos Irmandiños.

Os eclesiásticos

Os mosteiros acumularon inmensas riquezas, directa ou indirectamente, das terras, como os foros aos campesiños. Outro grupo importante foron os bispos: en Galicia existiron cinco sedes episcopais (Santiago, Tui, Ourense, Lugo e Mondoñedo), que dominaron extensos territorios. Entre os señores eclesiásticos destaca Diego Xelmírez.

Descargar

PDF Word HTML