O Prerrexurdimento Galego: Contexto Histórico e Social (Século XIX)
O Prerrexurdimento
O Prerrexurdimento comeza na Idade Contemporánea. O Romanticismo espallou por Europa o desacordo coa sociedade establecida. Algunhas ideas se tiveron en conta no transcorrer do século, e axudaron a que no país se producise o renacer da cultura e da literatura galegas.
Na literatura do século XIX cómpre distinguir dúas etapas: o Prerrexurdimento e o Rexurdimento. O Prerrexurdimento constitúe o período que vai desde comezos do século XIX ata a publicación de Cantares gallegos (1863).
Contexto Histórico
Na primeira metade do século XIX hai que subliñar dous feitos principais:
- A Guerra da Independencia: Nela, os franceses entraron en Galicia (1809), pero en cinco meses foron expulsados grazas a unha loita guerrilleira e a unha mobilización xeral da poboación contra o invasor.
- O Movemento Provincialista: En 1846, o comandante Solís encabezou un levantamento progresista contra o goberno reaccionario dos moderados. O seu fracaso provocou o fusilamento dos dirixentes da revolta. Estas ideas fixeron agromar o Rexurdimento.
A Sociedade Galega
Era unha sociedade rural na que moita da poboación vivía da agricultura. A maioría dos campesiños non eran donos das terras que cultivaban, senón que eran vítimas do sistema de foro. A propiedade da terra estaba nas mans da Igrexa e dos fidalgos, e os campesiños estaban obrigados a pagarlles unha importante suma de cartos.
A Situación Lingüística
Durante o S. XIX, o galego foi a lingua de uso da maioría da poboación ("de campo"). Con todo, o castelán foise consolidando como idioma das cidades e das clases máis acomodadas. A marxinación do galego creou unha serie de prexuízos na sociedade que aumentaron o seu desprestixio, como era a falsa idea de que se trataba dunha fala rústica e aldeá, pouco axeitada para o progreso.
Diante deste estado de cousas, os sectores máis concienciados, de orixe galeguista, reaccionaron para lle facer fronte á situación. A reivindicación do idioma empezou sendo un acto culturalista. A medida que foi avanzando o tempo, fóronse gañando espazos de uso.
A Literatura Galega
Houbo dúas etapas principais:
Literatura de Circunstancias
Abrangue un conxunto de textos escritos en galego con carácter propagandístico que xorden ao abeiro dos acontecementos políticos do momento. Ao lado da literatura política, agrupamos outras manifestacións literarias.
Etapa dos Precursores
Dáselles este nome a unha serie de escritores en galego que publicaron textos anteriores a 1861. Foron destacados:
- Xoán Manuel Pintos, que publicou A Gaita Galega (primeiro libro de literatura galega contemporánea).
- Francisco Añón, que sufriu desterro por mor da súa participación na revolta provincialista de 1846.