Poesía e teatro galegos: fins do S.XX e inicios do S.XXI

Lingua e literatura3,57 KB

A poesía galega de fins do s. XX e comezos do XXI

O último terzo do s. XX e os principios do s. XXI caracterízanse por unha eclosión poética e por un forte cambio temático e formal. Isto supón a decadencia da poesía socialrealista e a aparición dunha maior diversidade temática e formal.

O cambio de rumbo de 1976

Supón un fito histórico na literatura galega coa publicación dos poemarios de Ferrín e Arcadio López Casanova. Os autores deste período reúnense en colectivos para seren máis efectivos na loita antifranquista e para darse a coñecer dunha maneira máis eficaz, apoiándose entre si. Os colectivos de maior relevancia son:

  • Grupo poético Cravo Fondo: enmarcado nunha liña intimista e lírica, que derivará nunha tendencia ao cultismo e ao clasicismo.
  • Grupo poético Alén: caracterizado pola renovación estética e lingüística.
  • Grupo poético Rompente: reacciona bruscamente ante toda a poesía anterior, cunha temática na que se inclúe o medio urbano galego e a asimilación das vangardas.

A poesía dos oitenta

Esta denominación refírese aos autores que comezan a publicar a principios desta década, que rexeitan a estética socialrealista e que comparten uns trazos comúns, como son: o culturalismo, a preocupación formalista e a apertura temática.

A década dos noventa

Seguen publicando os poetas anteriores e aparecen outros escritores novos que, sen formaren escola, amosan unha actitude dinamizadora, tratando temas eternos de forma renovadora, cun uso esmerado da linguaxe á procura dun lector apaixonado e sensible. É posible agrupar os poetas desta década tendo en conta a postura con respecto á linguaxe; distínguense tres grupos:

  • O discurso natural: mergúllanse no discurso cotiá e botan man de recursos conversacionais.
  • O discurso libertario: a linguaxe é un instrumento de poder, de dominio, que actúa como unha forza emancipadora e unha nova forma de resistencia.
  • O discurso hermético: fan poemas dificilmente intelixibles debido ao seu extremado cultismo, ao carácter denso e autorreflexivo, á ausencia de orde lóxica das secuencias, ao desvío da norma e á polisemia.

O panorama teatral galego de fins do s. XX e comezos do XXI

O teatro foi o xénero que menor grao de desenvolvemento acadou dentro da nosa literatura. Durante esta etapa continúase co proceso de normalización da escenografía galega, que non ten tanta eclosión coma os outros xéneros literarios. O teatro actual caracterízase por catro liñas perfectamente delimitadas: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta. Outra das características do noso teatro é a intertextualidade; son moitas as pezas que adoptan como referente as grandes obras do teatro universal.

A promoción dos 80

Constitúen esta promoción un grupo de autores nados nos anos cincuenta que comparten características como o desencanto fronte á utopía das esquerdas; a importancia do individuo, do subxectivismo e individualismo; a defensa do espazo urbano; a incorporación do humor, o onírico, o irracional e o inconsciente; unha preocupación pola intertextualidade e a forma teatral.

A promoción dos 90

Agrúpanse nesta denominación autores nados nos anos sesenta e que comezan a publicar nos anos noventa. Todos eles comparten as seguintes características: unha maior preocupación pola dimensión formal e a exploración de novos subxéneros e estéticas.

Descargar

PDF Word HTML