Historia e normativización da lingua galega: da Guerra Civil á actualidade

Lingua e literaturaActualizado o 6,58 KB

Resumo

O documento repasa a evolución da lingua galega desde a Guerra Civil ata a actualidade, cos seus momentos de represión, exilio e recuperación cultural. Tamén explica a evolución da ortografía e da morfosintaxe e o proceso de normativización lingüística en catro etapas. Ao final, aborda as interferencias e desviacións que afectan á lingua.

Puntos clave

  • A Guerra Civil e a ditadura franquista eliminaron os avances de recuperación lingüística do período 1916-1936, e o Estatuto de Autonomía non chegou a entrar en vigor.
  • Nos anos sesenta xurdiron asociacións culturais e partidos galeguistas, e o galego converteuse en lingua vehicular da oposición á ditadura.
  • Na década dos setenta, a Lei Xeral de Educación permitiu o estudo das linguas vernáculas nos centros de ensino.
  • Entre 1936 e 1975 consolidouse a ortografía moderna, con supresión da maioría dos diacríticos como o apóstrofo, o guión e os acentos grave e circunflexo.
  • A normativización lingüística é a fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos, e o galego iniciouse nela no século XIX co Rexurdimento.
  • As etapas do proceso son: galego popularizante, enxebrizante, protoestándar e estándar.
  • As interferencias son o influxo doutra lingua, e as desviacións son voces que non se axustan á normativa (vulgarismos, dialectalismos, arcaísmos, hipergaleguismos).

Ponte á proba

A lingua galega desde a Guerra Civil ata a actualidade

A Guerra Civil española afectou de maneira directa ao proceso de emerxencia que o galego vivira no primeiro terzo do século XX. O Estatuto de Autonomía, que establecía a cooficialidade da lingua galega, non chega a entrar en vigor. Todos os esforzos de recuperación lingüística e identitaria do período 1916-1936 son eliminados, ben pola represión dos protagonistas (Ánxel Casal, Alexandre Bóveda...), ben polo exilio forzado (Castelao) ou o silencio do exilio interior (Otero Pedrayo) dos líderes galeguistas.

O exilio e a resistencia cultural

Neste período o galego desaparece practicamente da escrita e trasládase á Galicia do exilio. A estrea de Os vellos non deben de namorarse ou a publicación de Sempre en Galiza de Castelao son boa mostra desta actividade cultural. Na Galicia dos anos corenta a promoción pública do idioma é mínima: os libros publicados son poucos e de escaso valor literario. Nos anos 50, tralo ingreso de España na UNESCO, as medidas represivas contra o galego atenúanse. Isto permite a aparición de Bibliófilos Gallegos en Santiago, a Editorial Monterrey de Xosé María Álvarez Blázquez, pero sobre todo a fundación da Editorial Galaxia.

A recuperación nos anos sesenta e setenta

Nos anos sesenta xorden por toda Galicia asociacións culturais que terán un papel fundamental na defensa da cultura propia e na recuperación da autoestima lingüística. Destacan O Galo e O Facho. É tamén nos anos sesenta cando comezan a organizarse partidos políticos galeguistas que desde a clandestinidade denunciarán a represión lingüística e defenderán a oficialidade do galego. O galego convértese así na lingua vehicular dos grupos de oposición á ditadura e propiciará que mozos de formación universitaria e co castelán como lingua inicial recuperen a lingua materna. Acontecementos sinalados desta década son tamén a instauración pola Real Academia Galega do Día das Letras Galegas.

É na década dos setenta cando se produzan cambios significativos na situación do galego, pois coa Lei Xeral de Educación permitirase o estudo das denominadas “linguas vernáculas” nos centros de ensino. A morte do ditador e a chegada da democracia incrementarán as posibilidades sociais do idioma. Un ámbito no que o galego vai experimentar un cambio considerable será o da investigación científica sobre a lingua. Hai outros factores, ademais da represión e propaganda franquista, que repercutirán negativamente na consideración social do galego: o ensino, os medios de comunicación e a emigración.

Evolución da ortografía e a morfosintaxe

No período 1936-1975 consolídanse algúns dos trazos básicos da convención ortográfica moderna. O cambio máis visible é, se cadra, a supresión da maioría dos diacríticos que inzaban os textos de preguerra como marca de encontros gráficos e fonéticos. Esta tendencia irase consolidando nas décadas posteriores ata chegar aos anos setenta como unha tendencia gráfica consolidada e de uso xeral. Desta maneira, o apóstrofo (n'outras, n'un), o guión (d-este, co-a), o acento grave (à, às) e o acento circunflexo (sô, pôr) que caracterizan a imaxe gráfica dos documentos do século XIX e do primeiro terzo do XX irán sendo eliminados nestes anos ata chegar á ortografía depurada de diacríticos que caracteriza a escrita actual: noutras, nun, deste, coa, á, ás, só, pór.

No relativo á morfosintaxe, atopamos nos escritos a variación dialectal. Canto ao léxico, ao igual que na época anterior, continúa a presenza de arcaísmos, lusismos e hipergaleguismos. O galego escrito neste período recibe o nome de galego protoestándar.

A diversidade e a variedade estándar do galego

Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar —a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas— contribúe a frear esa dispersión. A construción da variedade estándar é o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.

A maioría das linguas románicas fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa —imprescindíbel para a súa normalización social— ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.

Etapas do proceso de normativización

Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:

  • a) Galego popularizante (ata fins do s. XIX): Non existe realmente unha intención normativizadora; utilizan o galego oral no seu rexistro popular, cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
  • b) Galego enxebrizante (ata 1936): Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista que marque distancias co castelán. As súas características son a busca dun galego supradialectal, a eliminación de castelanismos e o uso do portugués como modelo de lingua culta.
  • c) Galego protoestándar (ata fins dos 70): Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego.
  • d) Galego estándar (ata a actualidade): O mellor coñecemento lingüístico axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións das etapas anteriores.

Interferencias e desviacións lingüísticas

As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil. Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).

Descargar

PDF Word HTML

Preguntas frecuentes

Por que o galego non se normativizou durante a Idade Media?

Segundo o texto, cando o galego comezou a sufrir o proceso de minorización, as demais linguas románicas xa fixeran esa tarefa durante a Idade Media. A normativización do galego non se emprendeu ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.

Que é o galego enxebrizante?

É a etapa anterior a 1936 en que os autores sentiron a necesidade dunha norma escrita e optaron por un modelo diferencialista que marcase distancias co castelán. Buscaban un galego supradialectal, eliminaban castelanismos e usaban o portugués como modelo de lingua culta.

Que son as interferencias lingüísticas?

Son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico. Afectan sobre todo á lingua máis débil.

Ponte á proba

Tarxetas de repaso

Preme nunha tarxeta para ver a resposta.

Test

1. Que acontecemento impediu a entrada en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia?
2. Que lei permitiu o estudo das linguas vernáculas nos centros de ensino?
3. Que etapa do proceso de normativización se caracteriza polo uso do galego oral popular, cheo de vulgarismos e castelanismos?
4. Que fenómeno ortográfico se eliminou na convención moderna entre 1936 e 1975?
5. Que son os hipergaleguismos?
6. Que organismo ou medida acompañou a relaxación das medidas represivas contra o galego nos anos 50?

Preguntas xeradas con IA a partir do documento: comproba as respostas co texto.