A Poesía Galega Contemporánea: Finais do XX e Comezos do XXI
Poesía Galega: Finais do Século XX e Comezos do XXI
1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e comeza para Galicia e para España a etapa democrática máis extensa da súa historia. A presenza da lingua e literatura galegas no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso para a promoción da literatura galega.
No eido da poesía, Con pólvora e magnolias foi quen marcou ese cambio. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político-social, redescobre a linguaxe e presenta un novo estilo máis culturalista.
Características da Poesía Galega nos Anos Oitenta
- Ruptura co socialrealismo. Distanciamento entre o poeta e a sociedade.
- Busca de novos suxeitos líricos (negación da perspectiva autobiográfica).
- Experimentación e interdisciplinariedade (coa música, a plástica...).
- Culturalismo e intertextualidade (emprego de referencias culturais variadas).
- Integración de elementos da cultura urbana e marxinal.
- Incorporación do erotismo explícito.
- Recreación mítica.
- Preocupación formalista, barroquismo.
Autores e Colectivos Relevantes dos Anos Oitenta
Aínda que é moi difícil, faremos unha selección dos autores máis importantes.
Aínda a cabalo entre o socialrealismo e as novas tendencias, atopamos a Darío Xohán Cabana. Moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos. Gran dominador do verso e da linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca. Os primeiros intentos renovadores virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente, Alén e Cravo Fondo.
A partir de 1980, consolídase a renovación. Entre os autores máis relevantes están:
- Manuel Vilanova: mítico e simbolista, autor de E direivos eu do mester de cobras.
- Xosé Mª Álvarez Cáccamo: aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das Furnas.
- Miguel Anxo Fernán-Vello: o amor, o corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
A Poesía Galega nos Anos Noventa e Comezos do XXI
A partir dos anos noventa, as tendencias comúns son máis difíciles de identificar dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a nota dominante.
Desde o punto de vista formal, atopamos desde propostas clásicas ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima, atopamos poetas case narrativos. Ao lado da expresión directa, a presenza do símbolo e o hermetismo.
Desde o punto de vista temático, algúns autores adoptan unha actitude desmitificadora ou provocadora (no sexual, no ideolóxico...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, morte...).
Características Adicionais da Poesía Actual
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o oínte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: ecoloxismo, feminismo.
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto, audio e vídeo.
Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, o que proporciona unha nova vertente feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...). Seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores, como Luísa Villalta e Chus Pato.