Paises mais densamente poboados do mundo
1. Antecedentes do conflito. A comezos do s. XIX Europa atopábase nun período coñecido como a Paz Armada, onde as tensións entre os estados crearon un clima propicio para os enfrontamentos. Francia e Reino Unido temen o crecemento e a forza do Imperio Alemán, sendo os motivos variados: • A derrota francesa ante Alemaña de 1871 leva á perda de Alsacia e Lorena, e ó desexo de revancha contra os alemáns. • O territorio dos Balcáns crea tensións entre o Imperio Ruso e o Austrohúngaro. • A rivalidade económica Alemaña-Reino Unido era grande, temendo o Reino Unido a expansión alemá e a perda de influencia colonial. O chanceler alemán Bismarck establece dende a década de 1870 os Sistemas Bismarckianos, alianzas para manter o equilibrio en Europa sen chegar a guerras, pero cando o káiser Guillerme I de Alemaña sube ó trono en 1890 comeza a súa política expansionista e o abandono dos acordos. Así, comezan a formarse alianzas entre países: a Tripla Alianza (Imperio Alemán, Imperio Austrohúngaro e Italia, 1882) e a Tripla Entente (Francia, Gran Bretaña e Imperio Ruso, 1907). O temor mutuo leva á carreira de armamentos, aumentando os exércitos nacionais e preparándose as alianzas para a guerra inminente. Nos anos 1870-1914 destacan unha serie de conflitos, as crises de preguerra, sendo as máis importantes a marroquí e a dos Balcáns. A crise marroquí foi de carácter colonial, cando Guillerme II de Alemaña se posiciona a favor da independencia de Marrocos (colonia francesa) para debilitar ós seus inimigos. Na Conferencia de Alxeciras (1906) créase o protectorado hispano-francés a cambio de concesións comerciais e coloniais a Alemaña. Buscaba debilitar a alianza Francia-Reino Unido, pero acaba reforzándoa. A crise dos Balcáns estala en 1908, cando Austria-Hungría anexiona Bosnia e Hercegovina, protestando o resto de potencias (salvo Alemaña). A conflitividade continuará nos anos 1912-1913, coa Primeira e Segunda Guerra dos Balcáns, claros antecedentes da Primeira Guerra Mundial polo enfrontamento das potencias. 2. O estalido da Gran Guerra. O 28 de xuño de 1914 son asasinados en Saraxevo (Serbia) os herdeiros ó trono austrohúngaro, o Arquiduque Francisco Fernando e a súa muller. Austria, co apoio alemán, dá un ultimatum ó goberno serbio e ameaza coa guerra se non lle permite participar na investigación do asasinato, o cal é rexeitado por Serbia co apoio ruso
, estalando o conflito. Rusia mobilízase en apoio a Serbia, e ó sentirse acurralada , Alemaña decláralle a guerra. Francia e Reino Unido tamén entran no conflito, mentres Italia queda de lado ó non apoiar ás súas aliadas. Comezara a Primeira Guerra Mundial. O conflito enfronta ós Imperios Centrais contra a Tripla Entente, dous bloques que buscan novos aliados, mundializando a guerra coa participación dos imperios coloniais. Foi unha guerra total, que usa todos os recursos humanos, económicos e técnicos dos países belixerantes. 3. Fases da guerra. 3.1. Guerra de movementos (1914). Ambas partes pensaban que a guerra sería un conflito rápido. Alemaña, co Plan Schlieffen, pensaba derrotar Francia nas primeiras semanas para logo centrarse na fronte oriental, pero os franceses véncenos na batalla do Marne, fracasando a ofensiva alemá. Na fronte oriental, as tropas rusas lanzan unha ofensiva contra Alemaña, tendo que desviar os alemáns tropas cara o leste, axudando a Francia. 3.2. Guerra de posicións (1915-1916). Dende 1915 a guerra de movementos fracasa e as frontes estabilízanse nas trincheiras. Os avances das frontes foron escasos a pesar dos intentos dos dous bandos (batallas de Verdún e do Somme), sumando centos de miles de mortos. Na fronte oriental destaca a descomposición do réxime ruso. Tentarase romper a estabilidade das frontes con ataques en zonas secundarias, como o Mediterráneo ou Oriente Próximo; e no mar recórrese á guerra submarina, bloqueando a chegada de suministros para a poboación inimiga cos ataques navais. Finalmente, esta táctica fracasa cos avances tecnolóxicos en armamento e defensa. 3.3. Crise de 1917 e fin da guerra (1917-1918). En 1917 hai dous feitos destacables: o estalido da Revolución bolxevique en Rusia, cando as novas autoridades sacan o país da guerra asinando o Tratado de Brest-Litovsk (paz con Alemaña e desaparición da fronte oriental); e a entrada dos EEUU na guerra, logo do afundimento do Lusitania e o Vigilantia pola guerra submarina alemá e polo descubrimento do Telegrama Zimmermann (Alemaña tenta meter a México na guerra como aliado en caso de que os EEUU entren no conflito do lado de Francia e Gran Bretaña). Con estes feitos, os imperios centrais non resisten a forza da ofensiva, polo que acaban rendéndose, chegando a guerra ó seu fin co armisticio asinado por Alemaña o 11 de novembro de 1918.
4. Características da guerra. A Gran Guerra, como era coñecida no momento, foi unha auténtica Guerra Mundial que implica ás potencias europeas, as súas colonias e aliados por todo o mundo, nun conflito total que implica tanto ós combatentes como á poboación civil, que por primeira vez na historia se converte en obxectivo. Os dous bandos intentan asfixiar os recursos económicos do inimigo con bloqueos comerciais, provocando a desmotivación da poboación civil por medio do desgaste, a propaganda... Establécese a economía de guerra, intervindo os Estados na súa economía e reorientando a produción para abastecer as necesidades do exército. A poboación sofre o racionamento, e a mobilización de soldados foi a maior ata a data, sendo sobre todo poboación civil masculina en idade militar. A falta de man de obra masculina leva á incorporación da muller ó traballo. Aparecen novos armamentos e vehículos, como os submarinos, a aviación, os gases tóxicos... 5. Consecuencias da guerra. 5.1. A Paz de París (1919-1920). O presidente dos EEUU, Woodrow Wilson, expón no Congreso os seus Catorce Puntos, que deberían organizar a paz mundial xusta. En xaneiro de 1919 iníciase a Conferencia de Paz de París, na que se asinarán cinco tratados para establecer as condicións de paz: os de Versalles (con Alemaña), Saint Germain (Austria), Trianon (Hungría), Sévres (Turquía) e Neuilly (Bulgaria). Os países vencidos soamente estiveron presentes para asinar os tratados, polo que non puideron negociar as condicións da paz. Os obxectivos foron: • Impedir o rexurdimento alemán mediante perdas territoriais, reparacións de guerra, desmilitarización de Renania e limitación do exército. Isto crea graves problemas económicos para o país, nacendo o revanchismo alemán. • Lograr o equilibrio de poderes entre os vencedores para evitar posibles novos conflitos. • Manter illada a Rusia comunista e evitar o contaxio revolucionario, creando estados-tapón. Tamén se acorda crear a Sociedade de Nacións, organización internacional inspirada polos Catorce Puntos, que quere normalizar as relacións internacionais, manter a paz e resolver os conflitos por medio da negociación. A súa eficacia foi limitada ó non poder impoñer o cumprimento das súas resolucións e ó non participar nela EEUU, Rusia ou os países vencidos.
5.2. Efectos socioeconómicos do conflito. A guerra deixou máis de 8 millóns de mortos, 20 millóns de feridos e mutilados, aparte de que as deficiencias alimentarias e sanitarias facilitaron a propagación da gripe de 1918, que causou 22 millóns de mortos. Estes feitos levan ó desequilibrio entre a poboación masculina e feminina, o descenso da natalidade e a redución da poboación activa nos anos posteriores. As perdas materiais foron importantes, e para sufragar os gastos da guerra pedíronse préstamos a outros países, sobre todo a EEUU, polo que o endebedamento a altura de 1918 era enorme. As mulleres ocuparan os postos que os homes, ó estar mobilizados, deixaran vacantes, e ó final da guerra máis do 30% da man de obra era feminina. Isto foi un importante estímulo para que se retomase a loita pola emancipación feminina, conseguíndose o sufraxio feminino en países como Alemaña (1918) ou EEUU (1920). 6. As Revolucións Rusas e a Guerra Civil. 6.1. O Imperio Ruso antes de 1917. Rusia era un gran Imperio, de enorme extensión, numerosos pobos... Onde perduraba o Antigo Réxime. A monarquía era absoluta, co tsar Nicolás II, autócrata (ten todo o poder), e perduraban o réxime señorial, a sociedade estamental e a economía de subsistencia. A sociedade estaba atrasada, era pobre e, polo xeral, campesiña e analfabeta, e soamente destacaba o proletariado industrial nas grandes cidades, con pésimas condicións laborais. O inicio do movemento obreiro vémolo co nacemento dos partidos marxistas, destacando os socialdemócratas (POSDR), dentro dos que gañarán unha importancia vital os bolxeviques de Lenin. Será perseguido e terá que exiliarse do país. O declive do réxime comeza xa en 1904-1905, cando Rusia sae derrotada da Guerra Ruso-Xaponesa e se enfronta a unha grave crise económica e social. En 1905 estala a revolución, con protestas obreiras e campesiñas, destacando o Domingo Sanguento, cando o exército dispara contra a manifestación pacífica en Petrogrado. Para calmar a situación, o tsar acepta unha serie de reformas, como a creación da Duma (parlamento), o recoñecemento de certos dereitos... Pero en realidade segue tendo o poder absoluto. A comezos da Primeira Guerra Mundial o país seguía estando atrasado, o exército estaba en pésimas condicións, e co tempo as numerosas mortes, a escaseza de alimentos, a inflación... Crean un forte descontento entre a poboación.
6.2. Revolución de Febreiro. Unha folga nunha fábrica de armamento de Petrogrado acaba derivando en folga xeral en febreiro de 1917, a cal é fortemente reprimida polo exército. Ante a dureza, os militares únense finalmente á folga tamén. Foi unha revolución popular que forza a abdicación do tsar, iniciándose un goberno provisional parlamentario. Sen embargo, hai problemas que seguen afectando ó país: non se sae da guerra (era a maior demanda social); hai un forte descontrol, e nas principais cidades gobernan os soviets (asembleas de obreiros e soldados de ideoloxía bolxevique), con tanto poder que o goberno debe consultarlle certas decisións. Lenin volve do exilio axudado por Alemaña, e xunto con Trotski (presidente do Soviet de Petrogrado) publica as Teses de Abril, nas que se declara a favor da revolución proletaria que lle dea o poder ós soviets. Promete saír da guerra, paz, pan e terras. 6.3. Revolución de Outubro. Ante a lentitude das reformas e a insatisfacción popular, o 24 de outubro os soviets toman os puntos estratéxicos da capital, entre eles o Palacio de Inverno, deteñen o goberno provisional e fan triunfar a revolución. Fórmase un novo goberno, o Consello de Comisarios do Pobo, presidido por Lenin, que automaticamente negocia a saída da guerra polo Tratado de Brest-Litovsk. Decreta as expropiacións dos latifundios, reparte a terra entre o campesiñado e dálle o control das fábricas ós proletarios. Tamén recoñece o dereito á soberanía dos pobos de Rusia. 6.4. Guerra Civil rusa (1918-1921). O novo goberno comunista crea unha forte división interna no país, aparecendo dous bandos diferenciados na poboación: o Exército Branco, formado pola burguesía, a nobreza...; e o Exército Vermello, composto polo groso da poboación e os bolxeviques, dirixido por Trotski. Os brancos contan con axuda estranxeira ó rematar a Primeira Guerra Mundial, posto que temen a expansión da revolución por Europa. Durante o conflito, instáurase o comunismo de guerra, nacionalizando a industria, requisando colleitas e impedindo o libre intercambio de bens... O que provoca a gran fame de 1921. O “terror vermello” será a forte represión a todo contrario á revolución, que remata co asasinato da familia imperial en 1918. Finalmente, séntanse as bases do novo Estado: un único partido, o Partido Comunista, instaurándose a ditadura que duraría ata finais do s. XX. 7. Economía e política no período de entreguerras (1919-1939).
7. Economía e política no período de entreguerras (1919-1939). 7.1. Crise e recuperación económica. Os felices anos 20. Coa Gran Guerra rompe o sistema económico anterior a 1914, con Europa como principal potencia industrial e financeira do mundo. Os EEUU toman agora ese papel, mentres as economías europeas se readaptan á paz nun proceso longo e difícil, polas consecuencias da destrución, a inflación (aumento constante dos prezos) e o paro. Sobre todo destaca a dureza da crise en Alemaña. Con todo, dende 1924 a situación mellora en xeral, cunha recuperación económica menos intensa que en América, posible grazas ós préstamos de capital británico e estadounidense. En 1922-1924 vemos un forte crecemento industrial nos EEUU, grazas ás técnicas do traballo en cadea, a produción estandarizada, os investimentos das grandes empresas, a construción... Aumenta o nivel de vida e nace a sociedade de consumo, democratizándose as comodidades que antes soamente eran da clase alta. Desenvolvemento brutal da publicidade, aparecendo tamén os créditos bancarios e a compra a prazos, nacendo unha vaga de consumismo. O “modo de vida americano” estendeuse por todo o mundo. Na sociedade tamén vemos cambios, co nacemento dunha nova burguesía adiñeirada (os “novos ricos”), a caída da poboación agraria e o crecemento da clase obreira e do sector servizos, que compoñen a crecente clase media. 7.2. A Gran Depresión. O 24 de outubro de 1929, o xoves negro, comeza a venda masiva de accións na Bolsa de Nova York. As accións perden o seu valor, e as empresas e os investidores arruináronse, comezando unha grave crise mundial. As causas do crac de 1929 son a sobreprodución e a especulación. A sobreprodución dáse cando os países que estiveran na guerra comezan a producir de novo todo tipo de bens, os que sumados ós que xa producían os países que foran neutrais, crean excedentes ós que non se dá saída. A especulación deriva da concesión de créditos bancarios nos anos 20 a empresas e particulares, que eran invertidos en Bolsa e xeraban altos rendementos. Dende mediados da década, as empresas comezan a ter dificultades, pero o valor das accións segue subindo e non se corresponde co valor real dos beneficios. Cando as empresas precisan cartos para pagar, teñen que vender as súas accións, e a venda masiva fai que o valor das mesmas caia en picado.
A caída da Bolsa produce a crise económica, a Gran Depresión. Os bancos dos EEUU afunden pola retirada masiva de capitais e por non recuperar o diñeiro prestado en créditos, mentres que a caída do consumo fai caer tamén os prezos e que se acumulen stocks. O paro aumenta, e a crise esténdese por todo o mundo porque as importacións ós EEUU se frean e os préstamos a Europa se acaban. En 1933, o presidente Roosevelt pon en marcha o New Deal, un programa de reformas económicas que fan aumentar a intervención do Estado na economía, con investimento en obras públicas, subvencións á agricultura, melloras das condicións laborais e reestruturación do sistema financeiro. Estas medidas buscaban crear emprego, reactivar o consumo... 7.3. A crise das democracias. Na época de entreguerras implantáronse réximes democráticos en moitos países, pero eran democracias fráxiles. Os primeiros anos de crise económica traen tensións sociais, con levantamentos obreiros e campesiños influenciados polo triunfo bolxevique en Rusia. O temor ó contaxio revolucionario levou á aparición de ditaduras conservadoras en países como Italia, España, Iugoslavia... A crise de 1929 soamente afonda a crise política: a poboación perde a confianza na democracia e aposta por partidos extremistas (as clases obreiras inclínanse polos partidos comunistas, mentres as clases medias e altas optan pola extrema dereita, que acaban derivando nos fascismos). Nos anos trinta hai unha nova vaga de ditaduras, coas de Alemaña, Austria, Grecia, España... Con tres modelos de réxime novos dependendo do lugar: o fascismo en Italia, o nazismo en Alemaña e o estalinismo na URSS. A pesar das diferenzas ideolóxicas, son totalitarismos: un partido único ten todo o poder, controla tódolos aspectos da vida, suprime as liberdades e rexeita os dereitos humanos.