Oposición ao franquismo: resistencia, exilio e transición
Oposición ao franquismo
O franquismo foi o nome do réxime instaurado en España por Francisco Franco tras a vitoria na Guerra Civil, e prolongouse ata a súa morte. Trátase dun réxime ditatorial e antidemocrático que se mantivo durante tanto tempo grazas á constante represión dos opositores, aos apoios das clases dirixentes e á complicidade das potencias mundiais. O réxime suscitou movementos de oposición tanto desde o interior como desde o exterior.
A primeira fase da oposición caracterizouse pola fragmentación e a escasa efectividade. A partir dos anos 60, as forzas de oposición recompóñense e a resistencia increméntase.
A resistencia no interior
A actuación da resistencia interior foi moi limitada, pero destacou a dos maquis, guerrilleiros que empregaron a loita armada actuando nas zonas rurais e montañosas. A acción máis importante foi a invasión do Val d'Aran, dirixida polo PCE, que acabou en fracaso.
En 1948, comunistas e anarquistas abandonaron a loita armada. Ao mesmo tempo, sectores monárquicos democráticos organizáronse para tentar restaurar a monarquía e constituíron a Alianza Nacional de Forzas Demócratas, integrada por socialistas e republicanos. Porén, a represión policial liquidou toda a resistencia política interior.
A oposición no exilio
No exilio desenvolveuse unha importante oposición antifranquista: as institucións republicanas seguiron funcionando e a maioría das organizacións políticas e sindicais mantiveron as súas estruturas. A oposición manifestouse desde o ámbito político e cultural, pero as discrepancias entre as diferentes forzas do exilio dificultaron a creación de plataformas unitarias e a elaboración de programas de acción comúns para loitar contra o franquismo.
Os anos 60: transformacións sociais e novas formas de protesta
Nos anos 60 aumentou a oposición franquista como resultado das transformacións sociais. Destacou o importante movemento estudantil, que se opuxo ao SEU; posteriormente, os movementos de protesta radicalizáronse, sufrindo unha gran represión policial.
O movemento obreiro convocou numerosas folgas por reivindicacións laborais que integraban demandas de liberdades políticas. En 1964 créanse as Comisións Obreiras (CCOO).
ETA, a Igrexa e a oposición moderada
No País Vasco apareceu ETA, unha organización revolucionaria e nacionalista radical que impulsou a loita armada contra o franquismo, con atentados contra personalidades do réxime e forzas de orde pública.
Dentro da Igrexa, pola influencia do Concilio Vaticano II, comezaron as críticas contra o réxime e aparecen movementos católicos de oposición. Tamén apareceu unha oposición moderada formada por disidentes do propio réxime, decepcionados polo mantemento dunha política represiva e antidemocrática. Boa parte desta oposición, xunto a demócratas e republicanos, participou no IV Congreso do Movemento Europeo para denunciar internacionalmente a ditadura.
Dos anos 70 á transición
Desde os anos 70 ata a morte de Franco, o réxime enfrontouse a un incremento da conflitividade social, a unha oposición democrática cada vez máis forte e a tensións internas. Foron factores decisivos o comezo dunha gran crise económica, o conflito do Sáhara e o asasinato de Carrero Blanco. Xurdiu a idea do cambio dentro das propias filas do franquismo e do exército.
No exterior crearon organismos unitarios para reivindicar un sistema democrático e impedir a continuidade do franquismo. A unión do PCE e do PSOE foi Platajunta, organización que tratou de formar un goberno provisional que sentase as bases dun novo sistema político democrático.
Tras a morte de Franco, as presións do movemento popular e a propia división de pensamento dentro do partido franquista provocaron o nomeamento de Adolfo Suárez como presidente do Goberno, o que fixo posible a transición cara á democracia.