Oposición ao Franquismo: Movemento Obreiro, Maquis e Universitarios

Historia4,55 KB

Oposición ao Réxime Franquista

Finalizada a Guerra Civil, o novo réxime iniciou unha dura represión contra os vencidos na guerra e, como consecuencia, durante a posguerra, moitos dos “contrarios ao réxime” foron perseguidos, encarcerados e fusilados; outros marcharon ao exilio ou ben fuxiron aos montes para refuxiarse e seguir exercendo a oposición ao franquismo dende a clandestinidade.

Os Maquis: Guerrilla na Montaña

Os fuxidos ás zonas montañosas, chamados maquis, eran grupos desorganizados de tódalas tendencias políticas de esquerdas (Doc.1), pero sobre todo comunistas (“…homes perseguidos…homes de todalas tendencias…”); que máis tarde foron organizados en núcleos de guerrilleiros polo PCE e organizaron accións, como sabotaxes, asaltos a bancos, etc. Unha das accións máis destacadas destes grupos foi unha breve ocupación militar do Val de Arán en 1944.

Estes grupos contaron co apoio do pobo, que lles prestaba axuda, dándolles alimentos, mantas e ata refuxio, aínda a pesar do risco que corrían facéndoo (“…sabían perfectamente ao que se expoñían e, sen embargo, non vacilaban en acollernos”).

Conspiracións Monárquicas

Durante a posguerra, algúns sectores do franquismo tamén comezaron a conspirar para restablecer a monarquía na figura de D. Xoán de Borbón, xa que se opoñían ao réxime polo convencemento de que Franco non consideraba a ditadura como un réxime transitorio.

Movemento Obreiro e Estudantil

Durante a década dos cincuenta, empezan a manifestarse a oposición obreira con convocatorias de folgas e, por outro lado, un importante movemento universitario, que protagoniza no ano 1956 unhas grandes revoltas estudiantís (Doc.2).

Nese ano, o ministro de Educación, o profesor Joaquín Ruíz-Giménez, intentou liberalizar a universidade e permite celebrar un congreso de estudantes á marxe do SEU, Sindicato Español Universitario. Este grupo triunfa nas eleccións da facultade de Dereito, derrotando ao sindicato falanxista; e iniciaron manifestacións contra a Falanxe (“…os berros dos estudiantes contra a Falanxe e contra o réxime…”), tomando a cidade universitaria durante dous días e protagonizando loitas na rúa, que finalizaron co pechamento da universidade e Ruíz-Giménez viuse obrigado a dimitir.

Comisións Obreiras e Outros Sindicatos

A finais dos anos cincuenta, debido á oposición do movemento obreiro ao réxime e á presión que exercía, créase unha nova lei que permite crear comisións de obreiros para solucionar os problemas. Así, aproveitando esta lei, nace en 1962, Comisións Obreiras (CCOO):(Doc.3:“…que se caracterizou polo carácter permanente desas comisións elixidas en asembleas…”) e tamén a USO; ademais de continuar a UXT. Tanto os seus líderes como militantes sufriron a represión, tal como sucedeu en Ferrol en marzo de 1972, onde caeron mortos dous traballadores como resultado dun enfrontamento coas forzas da orde, durante unha gran protesta obreira. Pero a actuación dos sindicatos foi cada vez máis significativa e contribuíu ó desgaste do réxime.

O "Contubernio de Munich"

No ano 1962 tivo lugar en Munich unha reunión de varios grupos da oposición interior e do exilio, con motivo do Congreso do Movemento Europeo. Alí acordaron pedir a entrada de España no Mercado Común Europeo, estimando como requisito a existencia de institucións democráticas e a garantía dos dereitos e liberdades. O réxime reaccionou tomando represalias contra os asistentes ao que chamou “contubernio de Munich”. O réxime perseguíu a actividade dos partidos políticos, pero non puido impedir o seu labor clandestino, e en 1974 iniciaron un proceso de unificación (Doc.4) de varias forzas da oposición, entorno ao Partido Comunista de España, creando a Xunta Democrática, que reclamaba un goberno provisional, liberdade política, sindical e de prensa, así como o recoñecemento da personalidade política de Galicia, País Vasco e Cataluña.

O Final do Franquismo

O franquismo daba os seus últimos coletazos pois non era capaz de adaptarse ó profundo cambio que se produciu en España a partir dos anos sesenta.

Descargar

PDF Word HTML