A Nutrición Humana: Aparato Dixestivo e Tubo Dixestivo
A nutrición humana
O ser humano necesita extraer dos alimentos que toma moléculas simples, denominadas nutrientes. As células poden absorber estas moléculas, que son útiles para formar a súa propia materia e realizar as funcións vitais.
A nutrición é o conxunto de procesos que intervén na transformación dos alimentos en nutrientes, na distribución destes a todas as células e na eliminación dos residuos.
Na nutrición interveñen o aparato dixestivo, o aparato respiratorio, o sistema circulatorio e o aparato excretor.
O aparato dixestivo
Está constituído por un conduto longo denominado tubo dixestivo e polas glándulas anexas, que vertén as súas secrecións no tubo.
O tubo dixestivo
É un conduto situado en posición ventral. Empeza na boca e remata no ano. As súas paredes están formadas por varias capas concéntricas de distintos tecidos. Desde o interior ao exterior, estas capas son:
- Mucosa: está formada por epitelio e células secretoras.
- Submucosa: está composta por tecido conxuntivo.
- Muscular: está integrada por dúas capas de tecido muscular liso: unha ten fibras circulares e a outra fibras lonxitudinais.
- Serosa: está formada por tecido conxuntivo.
Está formado pola boca, a faringe, o esófago, o estómago, o intestino delgado, o intestino groso e o ano.
a. A boca
É a cavidade de entrada dos alimentos ao tubo dixestivo. Está sostida por dúas maxilares, que son estruturas óseas nas que se insiren os dentes.
- Mexillas: sitúanse nos laterais da cavidade bucal. Están formadas polos músculos.
- Padal: é a parte superior da boca. A zona anterior denomínase padal duro e a posterior, padal brando.
- Beizos: atópanse no bordo da boca. Están formados por músculos que permiten abrir e pechar a cavidade bucal.
- Lingua: é un órgano musculoso e móbil que participa na inxestión dos alimentos. Na súa parte superior atópanse as papilas gustativas, que permiten distinguir os diferentes sabores. Intervén na emisión de sons.
- Dentes: serven para cortar, tallar e triturar os alimentos.
O ser humano ten unha dentición temporal (dentes de leite) formada por 20 dentes. A dentición adulta consta de 32 pezas.
- Úvula ou campaíña: pende do padal brando e elévase cando se traga o alimento, de tal modo que impide que estes vaian cara ás fosas nasais. Ademais, intervén na emisión de sons.
b. A faringe
É un conduto muscular curto, común aos aparatos dixestivo e respiratorio. Sitúase a continuación da cavidade bucal. Remata no esófago.
c. O esófago
É un tubo muscular duns 25 cm. Está situado entre a faringe e o estómago, atravesando o diafragma.
d. O estómago
É un órgano con forma de saco. Ten unha grosa parede interna formada por tres capas musculares. Comunícase co esófago a través dun esfínter chamado cardias e co duodeno por outro chamado píloro.
A capa interna do estómago presenta numerosas glándulas gástricas que segregan moco e zume gástrico.