Normativización do galego: fases e evolución
Un proceso fundamental para a normalización e unificación da lingua é o establecemento dunha norma estándar que recolla o modelo de lingua común identificada e aceptada polos falantes como a forma correcta do código lingüístico, asociada a un nivel medio ou culto e ao rexistro formal.
Esta instauración da norma estándar denomínase normativización e consiste en definir un código formal establecendo unha serie de normas fonéticas, gráficas, morfosintácticas e semánticas consideradas como correctas e recollidas en gramáticas e dicionarios. Ademais, este código debe estar adaptado á evolución histórica da lingua, ás relacións con outras das que recibiu préstamos e influencias e aos cambios producidos na evolución da sociedade. Así, a lingua estándar deberá axustarse aos novos ámbitos sociais nos que tradicionalmente non se empregaba para converterse nun instrumento eficaz de comunicación.
Fases da normativización do galego
No caso do galego, o proceso de normativización pasou por catro fases:
1. Etapa dialectal ou popularizante (século XIX)
Estaba baseada na lingua oral da época na que predominaban castelanismos, vulgarismos e dialectalismos. Nesta etapa, os escritores vense na obriga de escribir de acordo cos trazos propios do seu lugar de orixe e, aínda que na segunda metade do século se intentou elaborar algúns dicionarios e gramáticas, todos tomaban como referencia o castelán.
2. Etapa enxebrizante (inicio do século XX - 1936)
Caracterízase polo emprego de hipergaleguismos (*posibre, *primaveira), lusismos (*proprio, *leitor) e arcaísmos (*cibdade, *vegada) co fin de afastar o galego do castelán. Neste período tamén comezan os intentos de normativizar a lingua levando a cabo iniciativas como as do Seminario de Estudos Galegos.
3. Etapa protoestándar (posguerra - anos 70)
Despois do final da Guerra Civil ata os anos 70, o galego atravesou a súa etapa "protoestándar". Este período caracterizouse pola simplificación ortográfica mediante a eliminación dos apóstrofos, os acentos circunflexos ou os guións, así como pola busca dunha lingua máis purista e selecta e a necesidade dun modelo único que servira como estándar. Este feito leva á editorial Galaxia a adoptar unha norma interna.
4. Etapa do galego estándar (anos 70 - actualidade)
Finalmente, desde os anos 70 ata a actualidade atopámonos na etapa do "galego estándar". Nesta fase as autoridades académicas e universitarias sentan as bases para a creación dun modelo supradialectal, simplificado na grafía e liberado de castelanismos, arcaísmos e hiperenxebrismos. As decisións adoptadas baséanse en estudos realizados polos integrantes do Instituto da Lingua Galega a partir dos datos reais obtidos mediante as enquisas do Atlas Lingüístico da Lingua Galega.
Normas ortográficas e morfolóxicas do galego
Todo este proceso concluíu coa aprobación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Galego en 1982, aínda que contaron coa oposición dos partidarios da liña reintegracionista e lusista, que pretendían asumir a ortografía do portugués. Tras anos nos que a norma se foi asentando e aceptando na sociedade, esta tivo unha pequena reforma en 2003 acordada entre todas as tendencias lingüísticas.
Conclusión
En resumo, o proceso de normativización lingüística do galego iniciouse séculos atrás debido á ausencia dunha normativa e á necesidade de buscar un modelo de lingua común a todos os galegofalantes. Non obstante, o establecemento da norma estándar da lingua galega foi, pese a todos os esforzos, bastante lento e non se finalizou ata fai tan só unhas décadas.