A Normativización do Galego: Etapas, Variedade Estándar e Interferencias
A Historia da Normativización do Galego
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar contribúe a frear esa dispersión.
A Construción da Variedade Estándar
A construción da variedade estándar é o que se coñece co nome de NORMATIVIZACIÓN LINGÜÍSTICA: a fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
Contexto Histórico do Proceso Normativizador
O galego perdera o primeiro gran momento de normativizarse: o Renacemento. É por isto que o proceso normativizador se inicia en Galiza no Rexurdimento, a finais do século XIX. O século XX vive plenamente o proceso, aínda que interrompido por certos acontecementos. Con todo, cara aos anos 60 e 70 retómase o proceso en dúas vertentes que, pouco a pouco, se van radicalizando. O proceso remata nos anos 80, recuperada a democracia.
Etapas da Normativización do Galego
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
Galego Popularizante (ata finais do s. XIX)
Non existe realmente unha intención normativizadora. Utilízase o galego oral no seu rexistro popular, cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
Galego Enxebrizante (ata 1936)
Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclínanse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientables son:
- Busca dun galego supradialectal.
- Eliminación de castelanismos.
- O portugués é o seu modelo de lingua culta.
Galego Protoestándar (ata finais dos 70)
Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase, sobre todo, pola simplificación ortográfica.
Galego Estándar (ata a actualidade)
O mellor coñecemento lingüístico axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores.
Interferencias e Desviacións da Norma Lingüística
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil. Son típicas da fala, pero poden aparecer tamén na escrita. As interferencias poden producirse en calquera dos niveis lingüísticos.
Diante desta realidade, o falante reacciona intentando protexer o seu propio idioma, polo que pasa ao lado contrario e provoca a aparición de desviacións da norma. Estas son voces que non se axustan á normativa, ben porque:
- Non pertencen ao nivel culto.
- Non son palabras de uso actual.
- Son inventos motivados indirectamente pola presión do castelán ou por influxo do portugués.