Normativización do Galego: Etapas e Evolución
Historia da Normativización do Galego
A construción da variedade estándar é o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar. Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
- Galego popularizante (ata fins do s. XIX): Utilízase o galego oral no seu rexistro popular, cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
- Galego enxebrizante (ata 1936): Os autores comezan a inclinarse por un modelo que marque distancias co castelán.
- Galego protoestándar (ata fins dos 70): Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego.
- Galego estándar (ata a actualidade): O mellor coñecemento lingüístico axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións.
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, e que afectan á lingua máis débil. Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa.
O Galego no Primeiro Terzo do Século XX
Durante o século XX avanza o proceso de recuperación cultural iniciado no XIX e o galego comeza a usarse ata chegar ao recoñecemento oficial na democracia. Hai que destacar a creación das Irmandades da Fala no ano 1916, que teñen como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos, así como impulsar a súa normalización. A Xeración Nós estende o uso do galego e será a responsábel da revista Nós. No 1923 constitúese o Seminario de Estudos Galegos, formado por universitarios. A última institución importante da época é o Partido Galeguista, no que militarán durante a II República personalidades como Castelao.
No que se refire á lingua utilizada na escrita, continúan os intentos de crear unha norma. Hoxe coñecemos este período como galego enxebrista ou diferencialista, porque a intención dos escritores é marcar a diferenza co castelán.
O Galego de 1936 a 1975
Cando comeza a guerra, Galiza queda axiña baixo o dominio dos sublevados e iníciase unha forte represión xeneralizada. Algúns dos máis destacados galeguistas pagarano coa vida (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal), outros con expedientes (Otero Pedrayo) ou cárcere (Carballo Calero) e os máis afortunados co exilio (Castelao). Durante os primeiros anos da ditadura son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega creando editoriais, revistas, programas de radio... O galego convértese nunha lingua inferior, que só se utiliza coa familia ou cos amigos.
A recuperación cultural iníciase lentamente ben avanzada a década dos 40: publicación de Cómaros Verdes no 1947. Na década dos 60 xorden os partidos nacionalistas, créanse asociacións culturais que loitan polo noso idioma e cultura:
- 1963: celebración do Día das Letras Galegas.
- A partir dos anos 60 aumenta a castelanización por imitación das clases altas ou medias.
- O ensino desenvólvese exclusivamente en castelán.
A Prosa do Primeiro Terzo do XX
As Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo)
Esta etapa, de 1916 a 1936, é coñecida como a Época Nós pola importancia que estes autores terán na cultura galega. Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas (o Cenáculo Ourensán) teñen unha primeira etapa de inadaptados e só a partir de 1918 centran a súa atención en Galicia. Castelao, en cambio, provén do agrarismo.
Otero Pedrayo
Podemos clasificar a súa obra en:
- Novelas realistas: Ambientadas na Galiza rural do s. XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Destaca Os camiños da vida (1928).
- Novelas culturalistas: Narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. A máis representativa é Arredor de si (1930).
Apartadas da súa temática habitual están Fra Vernero e A romeiria de Xelmirez. Podemos dicir que hai tres temas recorrentes na narrativa de Otero:
- A tradición
- A fidalguía
- A paisaxe: dotada de vida, goberna a vida do home.
Castelao
Foi unha personalidade polifacética, que cultivou múltiples campos sempre defendendo Galiza e todos aqueles que sofren. A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
- Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922): visión sintética da realidade social, na que sae particularmente maltratada a figura do cacique.
- Cousas: relatos moi curtos que Alonso Montero considera un novo xénero narrativo. 45 relatos nos que aparecen as constantes do autor: humor, denuncia dunha realidade inxusta e posicionamento ao lado dos máis débiles.
- Os dous de sempre (1934): fan referencia ao emprendedor e ao conformista.
- Retrincos (1934): cinco relatos sobre cinco momentos pseudoautobiográficos (O segredo, O inglés, O retrato, Peito de Lobo e Sabela).
Rafael Dieste
Pertencente á Xeración do 25, escribiu Dos arquivos do trasno (1926), colección de contos que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Vinculados a Cousas porque neles se conta só o esencial, hai lirismo e humorismo, mais o sentimento non é tan fondo como en Castelao.
Ensaio e Xornalismo
Todos estes autores (e outros moitos) foron tamén os impulsores do ensaio e a investigación en galego, en torno ao Seminario de Estudos Galegos, grupo nacido na Universidade de Santiago. Risco publicou no 1920 Teoría do Nacionalismo Galego, que servirá de guía dos nacionalistas antes da II República. Castelao publica en Buenos Aires Sempre en Galiza (1944) onde, partindo de ideas propias e alleas, elabora unha nova teoría do nacionalismo, comenta a actuación da República... Converteuse na biblia do galeguismo despois da guerra civil.
Nesta fecunda etapa da nosa cultura hai que facer mención tamén ao labor desenvolvido no xornalismo, no que todos colaboraron desde A Nosa Terra ata a Revista Nós, pasando por El Pueblo Gallego e outros moitos.