Normalización e normativización do galego

Lingua e literatura6,79 KB

As linguas, ademais de seren instrumentos de comunicación, desempeñan outras funcións máis específicas. Manuel Portas estableceu sete funcións: internacional, cultural, institucional, local, laboral, familiar e individual. A coexistencia de dúas ou máis linguas nunha mesma sociedade terá como consecuencia a competencia entre elas por acadar o máximo número de funcións posibles. Cantas menos funcións posúa, máis risco ten de desaparecer. Con frecuencia, para referirse a esta convivencia das linguas nunha sociedade tense usado o termo bilingüismo. Pero, neste punto, é necesario distinguir entre bilingüismo social e individual. Xa que no bilingüismo social a aparición doutra lingua non serve para enriquecer ao falante, senón para inferir na vitalidade da que era a propia ao usurparlle funcións que lle son necesarias para desenvolverse con normalidade. A isto denomínaselle diglosia.

A diglosia

A diglosia consiste, pois, na especialización das linguas coexistentes de tal modo que unha das linguas, lingua A, acaba por desempeñar as funcións superiores (cultural, institucional...) e a outra, lingua B, pervive só nas máis inferiores (local, familiar...). A situación tende a complicarse se, co tempo, a lingua A comeza a empregarse nas funcións reservadas para a lingua B.

Nas sociedades diglósicas as linguas minorizadas, ao non seren empregadas nas funcións "altas", achegan valores connotativos de ignorancia, atraso, pobreza, rexistros informais non cultos... Isto ocorre porque estas linguas son máis usadas polas clases baixas que, por estereotipo, se identifican con estes valores. Deste xeito, o prexuízo lingüístico nace ao estender as características estereotipadas deste grupo de falantes á propia lingua e, de aí, a todos os falantes dela.

Daquela, para conseguir avanzar no proceso de normalización, será moi importante identificar estes estereotipos e prexuízos para combatelos. Non obstante, ás veces a superación destes prexuízos non abonda para que a lingua minorizada recupere os seus usos. Hai outros factores que poden influír dunha maneira determinante neste obxectivo, como poden ser o hábito de expresarse desde pequeno na outra lingua, a escasa competencia lingüística...

En todo caso, a superación dos prexuízos lingüísticos é un paso esencial para iniciar o proceso normalizador.

A normativización do galego

Co fin de ser instrumento útil e eficaz para a sociedade, un idioma necesita a fixación dunha variedade unificada común a todos os seus falantes, unha variedade que sirva de modelo para a comunicación formal. O proceso a través do cal se elabora esta variedade denomínase normativización.

Algunhas linguas da nosa contorna fixaron os seus estándares xa nos séculos XVI e XVII, pero o galego, debido á situación de subordinación que vivía, quedou á marxe dese proceso. Só cando empezou a recuperarse como lingua de cultura (s. XIX) puido iniciar a normativización do idioma.

Planificación lingüística

Este proceso forma parte, polo tanto, dun proxecto máis amplo de recuperación da lingua da súa situación diglósica que se vén coñecendo co nome de planificación lingüística. Esta ten dous obxectivos: o primeiro, aumentar o número de falantes e levar o idioma a todos os ámbitos sociais (normalización); e o segundo, fixar un modelo de referencia para que efectivamente esta lingua se poida empregar para calquera función social (normativización).

O galego estándar

A construción dunha variedade estándar é un proceso longo e laborioso. Os primeiros pasos consisten na fixación dunha ortografía, a escolla dunha variedade común e a elaboración de gramáticas e dicionarios. No caso do galego, os dicionarios e gramáticas comezan a aparecer a partir de 1860. Non obstante, aínda que os autores desta época son conscientes da necesidade dunha norma común, as primeiras propostas serias non aparecerán ata o século XX.

Evolución da normativa

  • A primeira proposta atópase en Algunhas normas para unificación do idioma galego, publicadas en 1933 polo Seminario de Estudos Galegos.
  • Logo do silencio da posguerra, a Real Academia Galega (RAG) publica en 1970 as Normas ortográficas do idioma galego.
  • Xa no ano 1982, o Instituto da Lingua Galega e a RAG publican as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, declaradas oficiais pola Xunta de Galicia.

A aprobación destas normas non estivo exenta de polémica, xa que outra tendencia, a reintegracionista, considera estas normas oficiais "isolacionistas" e pouco respectuosas co criterio histórico e etimolóxico que debería aproximar o galego ao estándar portugués. A revisión da normativa oficial do 2003 pretendeu superar estas diverxencias, polo que recibiu o nome de "normativa de concordia" ao incluír algunhas das solucións que recollía a normativa reintegracionista máis estendida, chamada "de mínimos".

Conseguido este importante consenso, hoxe un dos problemas máis importantes aos que se enfronta o modelo estándar é a consolidación dun modelo oral non contaminado polo castelán.

Desviacións da norma e interferencias

Desde o momento no que existe unha variedade estándar, declarada oficial, toda forma que se afaste dela será considerada "incorrecta" nas situacións nas que se deba empregar esta variedade. Poden clasificarse en dous tipos: desviacións da norma e interferencias. Entre as primeiras están os hiperenxebrismos, os dialectalismos, os vulgarismos e os arcaísmos; e entre as segundas atopamos os castelanismos, os lusismos...

  • Hiperenxebrismos: Búscase a diferenciación do castelán por medio dunha falsa galeguización da palabra.
  • Dialectalismos: Constitúen a forma característica dunha zona e, polo tanto, non poden considerarse incorrectos pero si inapropiados para usos formais, polo tanto tamén é un desvío da norma.
  • Vulgarismos: Altérase o timbre vocálico, pérdese ou engádese algún elemento. Aparecen en persoas que non tiveron moita instrución, aínda que, ás veces, foron utilizados como forma de diferenciarse do castelán.
  • Lusismos: Palabras do portugués que substitúen outras lexítimas do galego.
  • Arcaísmos: Termos que se empregaron na Idade Media e que hoxe caeron en desuso.

Pero as interferencias máis frecuentes e máis graves son os castelanismos, que se poden clasificar en varios tipos: fónicos, ortográficos, morfosintácticos e semánticos. Boa parte destes castelanismos levan tanto tempo e están tan introducidos que son sentidos pola poboación como as formas correctas, as que se utilizaron "toda a vida".

Descargar

PDF Word HTML