Normalización lingüística do galego: avances e desafíos
Lingua en vías de normalización é o proceso polo cal unha lingua minorizada vai estendendo os seus usos até conseguir un estatus de normalidade ao acabar sendo utilizada en todos os ámbitos e funcións por parte de todos os membros da comunidade.
Desafíos na normalización do galego
Hai que considerar en primeiro lugar que a nosa lingua tivo e ten que loitar contra unha serie de factores negativos: un proceso de substitución do galego polo castelán que leva séculos en marcha. Unha tendencia á globalización cultural. Unha situación de sectores como a administración periférica do estado, a administración de Xustiza, a Igrexa, o exército etc.
Avances e retrocesos
Nas últimas décadas houbo un avance significativo na normalización do galego: No seu recoñecemento oficial e, en parte, como lingua da administración; Na actividade política; Nunha tímida entrada no ensino e medios de comunicación, pero as medidas normalizadoras foron poucas e ás veces negativas: a lexislación é discriminatoria en favor do castelán. As institucións oficiais non utilizan en moitos casos o galego cos seus administrados ou só o fan en parte. O español continúa a ser a única lingua de alfabetización e maioritariamente a vehicular do ensino.
Accións necesarias para a normalización
En conclusión, os avances do galego foron importantes pero superficiais e continúa a retroceder alarmantemente como primeira lingua, aquela en que se aprende a falar. Para que o proceso normalizador avance é necesario que funcionen nese sentido tres factores ou accións conxuntamente: acción institucional do poder político, acción colectiva non institucional (organizacións que apoian o galego) e acción individual (o que fai cada individuo á hora de empregar o galego).
Conclusión
Por tanto, neste proceso normalizador están implicada toda a cidadanía a título individual, as institucións de carácter público e privado e todos os grupos sociais. A normalización máis efectiva non é a exclusivamente individual senón especialmente a social. A acción individual, moi positiva e necesaria, é totalmente insuficiente por si mesma se non prosperan ao mesmo tempo as outras dúas accións, a institucional e a colectiva non institucional, que permitan superar a situación de bilingüismo diglósico facendo que o galego chegue a todos os ámbitos dos que hoxe está relegado.