Normalización do galego: retos e axentes implicados
Linguas minorizadas e minoritarias
O galego: lingua en vías de normalización
As linguas minorizadas son as que están en situación de desvantaxe con respecto a unha lingua dominante coa que comparten territorio. Moitas veces, estas linguas cualifícanse por defecto como minoritarias. Isto non é sempre así, senón que se dan casos de linguas minorizadas pero maioritarias, cunha porcentaxe de falantes superior á lingua dominante.
Trátase de dous conceptos distintos: minoritaria fronte a maioritaria por un lado e minorizada fronte a dominante polo outro. Independentemente do seu número de falantes, cando unha lingua é minorizada, recibe a presión da lingua dominante. De aí que falemos de conflito lingüístico. Co fin de superalo, cómpre poñer en marcha o que se coñece como proceso de normalización, o cal implica varios aspectos:
- A normativización do corpus, que consiste na fixación da norma gráfica, léxica e fónica que define a variedade estándar.
- A normalización do status, que fai referencia á extensión social da lingua, á súa transmisión e uso.
Ambos os procesos están estreitamente relacionados.
As institucións e a normalización lingüística
Na Xunta de Galicia existe unha Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo a promoción da lingua galega na administración e na sociedade en xeral. Desde que entrou en vigor a Lei de Normalización Lingüística (LNL) en 1983, o proceso de planificación levado a cabo en Galicia non conseguiu deter a progresiva substitución do galego polo castelán.
Durante este tempo, as actuacións centráronse en:
- Mellorar a competencia en galego a través de cursos de formación.
- Introdución do galego en espazos dos cales estivera marxinado.
- O financiamento da CRTVG.
- A extensión do galego nas novas xeracións.
O ensino constituíu un dos sectores prioritarios no proceso de revitalización social do galego.
Axentes normalizadores non institucionais
A cidadanía creou movementos, asociacións, etc. que interveñen en diferentes ámbitos, como a Mesa pola Normalización Lingüística, que naceu en 1986 e desempeña un labor que vai desde denuncias do incumprimento das leis ata campañas sociais diversas.
A importancia dos plans de normalización
A lexislación relativa á lingua galega caracterízase por certa imprecisión temporal e denotativa. Por este motivo, debe materializarse nunha serie de medidas de actuación concretas. Non obstante, durante máis de 20 anos levouse a cabo o proceso de normalización do galego sen a existencia dun plan xeral. Como consecuencia, este proceso viuse sometido á desorganización, improvisación, etc.
O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) elaborouse en marzo de 2004, pero a súa aplicación está aínda pendente na maioría dos ámbitos, a excepción dalgunhas medidas concretas. A elaboración dos plans sempre se fai establecendo un diagnóstico da situación do galego, definición dos problemas, determinación dos obxectivos específicos e asignación de medidas de actuación a cada obxectivo. A isto hai que sumarlle a temporalización e a análise dos medios dispoñibles e, por último, cómpre establecer unha fase de avaliación.
En moitas organizacións tamén se crearon Servizos de Normalización Lingüística que levaban a cabo tres funcións (asesoramento, formación e dinamización), pero na maioría dos casos, estes servizos non cumpren os seus obxectivos.
As oracións bipolares
Presentan unha estrutura con dúas partes unidas por unha relación de interdependencia e complementariedade.
Oracións simples e complexas
- Simples: caracterízanse por non conter outra ou outras oracións no interior.
- Complexas: caracterízanse por conter polo menos unha unidade do seu mesmo tipo no interior.
Tipos de oracións bipolares
- Concesivas: están formadas por un nexo, unha obxección e unha concesión.
- Condicionais: formadas por un nexo, un condicionante e un condicionado.
- Causais: unha causa e unha consecuencia e cun nexo do tipo que, como.
- Consecutivas: un antecedente e un consecuente e cun nexo do tipo daquela.
- Comparativas: dous termos e con partículas ou nexos do tipo tan, coma.