Narrativa Medieval: Obras e Autores

Lingua e literatura2,86 KB

Século XIII: Prosa Didáctica e *As mil e unha noites*

Un pouco apartado destes presupostos está o Roman de la Rose, unha alegoría sobre o amor cos presupostos do amor cortés, aínda que con algunhas diferenzas: a moza non está casada. As primeiras obras de prosa narrativa danse no século XIII en forma de prosa didáctica. Presenta dúas modalidades: a prosa doutrinal, que instrúe mediante máximas e proverbios, e o apólogo, que presenta a súa ensinanza a través do exemplo dun conto ou unha fábula. O ton deste tipo de narracións é serio, teñen unha estrutura moi formalizada (presentación das personaxes e o conflito, corpo do relato e moralexa). A colección de apólogos medievais máis importante é a do español Don Juan Manuel: El conde Lucanor ou El libro de Patronio.

Non se pode esquecer neste apartado o libro máis importante da literatura árabe medieval, As mil e unha noites. Este libro é unha compilación de relatos orais de orixe persa, india, exipcia ou árabe que se transmitían de forma oral desde o século XI e que foron recollidos por escrito no século XIV. A compilación susténtase na seguinte trama argumental: un rei impón aos seus súbditos, como tributo pola infidelidade da súa esposa, que lle entreguen cada día unha moza, á que fai matar despois de pasar a noite con ela. Scherezade, filla do visir, consegue librarse desa condena contando ao rei historias durante a noite que deixa interrompidas no amencer, facendo así que aprace a súa execución. Despois das mil e unha noites e de ter tres fillos co monarca, este acaba co seu costume e tórnaa a esposa favorita. Este libro tivo tal transcendencia que, até día de hoxe, algunhas das súas historias seguen facendo parte das lecturas familiares (Aladino e a lámpada marabillosa, Simbad o mariño...).

Século XIV: Chaucer, Bocaccio e Don Juan Manuel

No século XIV, coincidindo xa co fin do réxime feudal e da nova clase burguesa, escriben os máis grandes narradores en prosa medievais: Ramón Llull na literatura catalana, Bocaccio na italiana, Chaucer na inglesa e Don Juan Manuel na española.

Geoffrey Chaucer é autor dunha das grandes obras narrativas medievais: The Canterbury Tales (Os contos de Canterbury). É unha colección de relatos, a maioría en verso, ambientados no marco dunha peregrinación ao santuario de Santo Tomás de Canterbury. O autor, xunto con outros vinte e nove peregrinos, contan contos nunha pousada. Os temas son moi variados, abarcan tanto as lendas cortesás como as fábulas de animais ou os sermóns.

Semellante concepción ten o Decamerón de Bocaccio, onde sete mulleres e tres homes, fuxindo da peste en Florencia, retíranse a unha vila da aforas e contan cada día unha historia cada un, até chegar aos cen contos que compoñen a obra.

Descargar

PDF Word HTML