A Narrativa Galega do Século XX: Cunqueiro, Blanco Amor e a Nova Narrativa
A obra narrativa de Álvaro Cunqueiro
As novelas de Álvaro Cunqueiro
A súa obra aparece organizada en dous conxuntos:
- Dunha parte, o grupo que conforman as tres novelas: Merlín e familia, As crónicas do sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas.
- Doutro lado, xorde a triloxía de relatos galegos, constituída por Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes.
Igualmente, estes textos participan dunha serie de características comúns, tanto desde o punto de vista estrutural como desde a concepción dos personaxes e na conformación dos recursos estilísticos.
Características comúns das novelas
En primeiro lugar, rexistramos que emprega nas tres primeiras novelas nomeadas unha mesma organización estrutural que ten base na técnica de historias interpoladas no discurso argumental. Trátanse de narracións que aparecen entrelazadas por un nexo común.
Nas tres novelas, o mundo do que nos fala Cunqueiro é un espazo que está fóra da realidade; trátase dun universo propio, prodixioso, que foxe das leis habituais da física. Para levar a cabo o anterior, o autor bota man dun labor de desmitificación do que forman parte o recurso á ironía, ao humor, aos desaxustes espaciais ou cronolóxicos e, sobre todo, mediante a confluencia entre o mundo real e o lendario.
Desde o apartado estilístico, observamos como o estilo narrativo das tres novelas se aproxima conscientemente aos xeitos do relato popular oral.
A triloxía de relatos galegos
A triloxía de relatos galegos de Álvaro Cunqueiro (Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Os outros feirantes) conforman un verdadeiro único libro. Tal unidade vén determinada por unha serie de factores:
- A oralidade: Estamos diante de narracións nas que o autor se vale de recursos característicos do relato contado, tales como o emprego do rexistro coloquial, a interpolación da voz do narrador, as dúbidas na situación de personaxes ou as constantes rectificacións ou reafirmacións.
- Personaxes: Un verdadeiro catálogo de personaxes que ou proceden do imaxinario colectivo galego ou forman parte dun mundo rural ou vilego dunha Galicia preindustrial.
- Estrutura: Os relatos cunqueirianos caracterízanse por presentar un esquema moi definido: logo de presentar o personaxe, a acción do relato configúrase mediante o encadeamento de anécdotas; asistimos á narración dos feitos desenvolvidos polo protagonista. Canto ao seu final, este preséntase en moitas ocasións en forma de anticlimax, de tal xeito que o conxunto do relato se remite aos sentimentos do lector.
Vida e obra de Eduardo Blanco Amor
Naceu en Ourense. Emigra a Bos Aires e alí continúa a súa formación autodidacta e entra en contacto cos intelectuais arxentinos. Así mesmo, na revista Céltiga aparece a súa primeira contribución narrativa, trátase do relato curto «Conto no ceo».
Como correspondente do xornal La Nación, regresa a Galicia e contacta cos membros do Grupo Nós. A viaxe repítese e durante uns anos relaciónase con algúns dos membros da Xeración do 27 española, singularmente con Federico García Lorca, a quen lle prologaría os seus Seis poemas galegos.
De volta en Arxentina, defende a causa republicana durante a Guerra Civil, e rematada esta, colabora cos exiliados en actividades políticas e culturais. Ante a censura de publicar a súa nova obra en Galicia, publica en Bos Aires A Esmorga. A editorial viguesa publicará o libro Os Biosbardos.
Uns anos despois, decide regresar definitivamente ao seu país natal e, vivindo os seus últimos anos nunha situación económica precaria, seguiu a participar en numerosas actividades culturais, sobre todo do teatro. Durante este tempo publica Teatro para a xente (antes publicara Seis farsas para títeres), e por último dá a coñecer a súa última gran novela, Xente ao lonxe. Blanco Amor falece en Vigo.
As novelas de Blanco Amor
Comezou a redacción dunha primeira novela, A escadeira de Jacob, da que os tres primeiros capítulos apareceron publicados na revista Nós, pero a achega á novela galega por parte do autor aparece conformada por dous textos fundamentais para a historia das nosas letras: A Esmorga e Xente ao lonxe.
Xente ao lonxe aparece como unha narración ambiciosa que tenta relatar unha crónica individual dos principais personaxes e asemade ofrecer unha verdadeira panorámica social do tempo no que viven.
Puntos en común entre A Esmorga e Xente ao lonxe
Entre A Esmorga e Xente ao lonxe podemos atopar uns apartados en común:
- Ambas as obras presentan a incorporación de técnicas estilísticas modernas.
- As dúas transcorren nun espazo urbano ou semiurbano que corresponde con Auria (Ourense).
- Tamén amosan protagonistas que proveñen das clases sociais populares e mesmo da marxinación social.
- Nos dous casos asistimos á presentación dun verdadeiro mural, un cadro de tipos e costumes.
- Os protagonistas aparecen deseñados na súa complexidade e Blanco Amor tenta levar adiante un verdadeiro exercicio de linguaxe.
Os relatos breves de Blanco Amor (*Os Biosbardos*)
Blanco Amor publica un conxunto de sete narracións baixo o título común de Os Biosbardos, que se corresponde en realidade co quinto dos relatos, o titulado Bartomeu e os Biosbardos. De certo, o volume participa de moitas das características comúns ao conxunto da narrativa blancoamoriana; non obstante, estes contos presentan un conxunto de riscos definitorios:
- Todos os relatos están narrados en primeira persoa, cun protagonista infantil ou adolescente.
- Todos eles se desenvolven nun marco urbano ou semiurbano.
- Asistimos á presenza dunha estrutura familiar na que a figura do pai é concibida de xeito negativo, mentres acontece o contrario coas nais, que aparecen idealizadas.
- Os protagonistas manteñen unha conciencia clara da súa diferenza, da súa singularidade, motivo polo cal estamos diante de seres solitarios e que se consideran incomprendidos polos seus semellantes.
O experimentalismo: A Nova Narrativa Galega
Cronoloxía e factores determinantes
Con isto coñécese un conxunto de textos cuxa cronoloxía pode estar situada entre 1954, ano da aparición de Nace un arbore de Gonzalo R. Mourullo, e 1969, ano da aparición de Cambio en tres de Carlos Casares. Outros críticos xulgan que os motivos técnicos e temáticos continúan aínda por máis tempo e sinalan como punto final 1980, cando Camilo Gonsar dá a coñecer Cara a Times Square.
En calquera caso, cabe considerar que a verdadeira vixencia da denominación ten lugar durante a década dos 60, e obedece a tres apartados:
- O afán de renovación temático-formal.
- A coincidencia xeracional e tamén a datación das obras.
- O interese pola literatura europea e americana modernas, especialmente Joyce, Kafka e o nouveau roman francés.
Algunhas características
Algunhas características da Nova Narrativa Galega referidas á temática e ás estruturas narrativas son:
- A desaparición da trama argumental lóxica.
- A ruptura da linearidade na narración.
- A perda da unidade do suxeito narrativo.
- O protagonismo de espazos urbanos.
- A concepción obxectalista.
- A reiteración das situacións violentas.
Autores e obras
Destacan:
- Gonzalo R. Mourullo: Autor de dous volumes de relatos, Nace unha árbore e Memoria de Tains, caracterizados pola superposición de planos e pola introspección do subconsciente. O simbolismo, o subxectivismo e mais o discurso metaliterario configuran outros tantos trazos presentes no labor de Mourullo.
- Xosé Luís Méndez Ferrín: Autor de Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas e Arrabaldo do Norte, por máis que títulos posteriores como Retorno a Tagen Ata e Elipsis e outras sombras presenten aínda elementos que as poderían situar dentro do mesmo ciclo que as anteriores: mestura de elementos oníricos con outros procedentes da realidade; experimentalismo; espazos pechados e obsesivos con resonancias kafkianas.
- Carlos Casares: Publicou Vento ferido e Cambio en tres. Ambos están situados a medio camiño entre a narración realista clásica e os procedementos modernos, se ben o autor, a pesar de participar de certo experimentalismo, non chega a abandonar nunca os moldes do realismo.
- Camilo Gonsar: Deu lugar a Lonxe de nós e dentro, Como calquera outro día, Arredor do non e A noite da aurora. En 1980 publica Cara a Times Square, título que a pesar de estar situado fóra xa dos límites cronolóxicos da nova narrativa, vén concluír en boa medida os logros desta. Os personaxes de Gonsar, polo demais, son individuos que deambulan arreo, simbolizan a inadaptación ao medio que os rodea.