O nacemento de novos estados en Europa no século XIX
Que novos Estados se crearon en Europa?
A independencia de Grecia e Bélxica:
Nos imperios plurinacionais xurdiron movementos independentistas, como no Imperio Otomán (Grecia). Noutros lugares, como no Reino dos Países Baixos, Bélxica tamén demandou a súa independencia.
*Grecia (1821-1830):
Grecia formaba parte do Imperio Otomán ou Turco desde había séculos. Aínda que algunhas elites gregas formaban parte da burocracia otomá, a maioría da poboación sentíase marxinada, sometida a fortes impostos e dominada por un pobo de distinta relixión e cultura.
En 1822, os gregos proclamaron a súa independencia en Epidauro, que, ao non ser recoñecida polos turcos, provocou o inicio dunha guerra. A causa grega contou coa solidariedade dos liberais europeos, que apoiaron un territorio considerado o berce da cultura europea.
En 1827, Francia e Inglaterra interviñeron militarmente e axudaron a derrotar ao Imperio Otomán, que recoñeceu a independencia grega en 1829, e entrou en vigor en 1830.
*Bélxica (1830-1839):
Bélxica fora unida a Holanda en 1815 polo Congreso de Viena, creando o Reino dos Países Baixos.
A expansión das ideas liberais fixo que en 1830 triunfase a revolución, que estableceu un sistema de monarquía liberal baixo o reinado de Leopoldo I.
O novo goberno proclamou a independencia e tras un conflito armado, Holanda recoñeceu a nova Bélxica en 1839.
As unificacións de Italia e Alemaña:
A comezos do século XIX, Italia estaba dividida en diversos Estados e Austria incorporara ao seu imperio a Lombardía e o Véneto. Alemaña tamén estaba fraccionada en 36 Estados e integrada na Confederación Xermánica, onde rivalizaban as dúas grandes potencias xermánicas: Prusia e Austria.
*Italia:
En 1859, o Piemonte, coa monarquía liberal de Savoia e gobernado por Cavour, iniciou un proceso unificador e enfrontouse a Austria, conseguindo a anexión da Lombardía. Paralelamente, un levantamento popular, dirixido por Garibaldi, derrocou os monarcas absolutistas do centro e sur de Italia.
En 1861, o primeiro parlamento italiano proclamou rei de Italia a Víctor Manuel II de Savoia; en 1866, os austríacos abandonaron o Véneto, e en 1870, foron anexionados os Estados Pontificios, convertendo Roma na capital.
*Alemaña:
Prusia tomou a iniciativa primeiro e, en 1834, potenciou unha unión aduaneira (Zollverein) que agrupaba gran parte dos Estados alemáns. En 1848, un intento de unificar estes Estados, liderado por un parlamento reunido en Frankfurt, fracasou porque o rei de Prusia non aceptou a coroa da nova Alemaña.
O impulso definitivo chegou na década de 1860, cando Guillerme I accedeu ao trono prusiano e nomeou chanceler a Otto von Bismarck. O novo chanceler impulsou unha política agresiva con Estados veciños: en 1864, declaroulle a guerra a Dinamarca, en 1866, a Austria, e, en 1870, a Francia.
A vitoria nestes conflitos permitiu unir todos os Estados baixo o cetro do rei de Prusia, e, en 1871, produciuse a proclamación do II Imperio (Reich) alemán e de Guillerme I como káiser (emperador).