Marxismo e Revolución Industrial: Análise e Consecuencias

Historia10,18 KB

Marx desenvolve o seu pensamento no século XIX, século de revolucións onde nace unha nova clase social, o proletariado. Trasládase a Bonn para estudar Dereito e posteriormente adícase ao xornalismo. É un home comprometido na organización do movemento obreiro (funda a AIT, Primeira Internacional do Traballo). O marxismo non se pode definir cunha única concepción e marca un dos grandes paradigmas do pensamento contemporáneo. A filosofía de Marx comprende dous niveis:

  • Teórico: De coñecemento científico da realidade histórica.
  • Práctico: De programa político de transformación social sobre a realidade histórica.

O socialismo científico de Marx e Engels pretende responder ao problema social desencadeado pola Revolución Industrial.

Influencias do Socialismo Utópico, Esquerda Hegeliana e Economía Política

Marx trata unha ampla variedade de campos de reflexión, polo que se lle podería considerar filósofo, economista e revolucionario, pero moitos estudosos intentan comprender a súa obra en conxunto. A súa obra é o resultado dunha tripla influencia:

1. Filosofía Hegeliana (Idealismo)

  • Crítica de Marx ao Idealismo Hegeliano:
    1. O idealismo reduce toda a realidade a unha idea, mentres que o materialismo considera que a idea é o reflexo da realidade.
    2. O idealismo considera a realidade como un concepto, abstracción, mentres que o materialismo considéraa algo concreto.
    3. O idealismo considera que o home é principalmente espírito, como unha idea, mentres que o materialismo considera que o home é un ser histórico. É dicir, a súa natureza vén definida polas condicións da sociedade na que se desenvolve.
  • Influencia:
    • O concepto de Dialéctica (concibe o universo en constante movemento e cambio). O marxismo emprégaa para explicar a sociedade, véndoa como produto do cambio xerado polas contradicións. Exemplo: Ao desenvolverse o feudalismo xorde a burguesía que o destruirá. O capitalismo, á súa vez, creou o proletariado que, segundo Marx, destruirá a burguesía.

A filosofía hegeliana bifurcouse en dúas correntes:

  • Unha dereita, máis conservadora nas cuestións sociais e políticas, que se apoia na filosofía da relixión. Marx vai criticar o seu papel xustificador por desenvolver unha filosofía que propón a aceptación da historia e do seu resultado.
  • Unha esquerda (representada por Bruno Bauer, Feuerbach e Arnold Ruge), onde primaba a crítica da filosofía da relixión. Marx, a pesar das simpatías iniciais desta esquerda, vai criticar a incapacidade de ir máis aló da crítica relixiosa. De Feuerbach atráelle o materialismo, ateísmo e as ideas principais sobre alienación. Pero decepciónalle que trate un materialismo mecanicista que non ten en conta a dialéctica.

2. Socialismo Utópico Francés (Claude-Henri, Saint-Simon)

  • O socialismo utópico propón medidas para erradicar a pobreza e a explotación. Os pasos intermedios para chegar á sociedade xusta e igualitaria serían as reformas sociais.
  • O anarquismo de Bakunin propón que o paso intermedio para acadar o estado de xustiza e igualdade é tan só a revolución.
  • Marx vai establecer, mediante o seu socialismo, que os pasos esenciais para superar os antagonismos e volver ó estado de igualdade natural serían a revolución e a ditadura do proletariado. Propón, por tanto, unha sociedade comunista.

3. Economía Política Inglesa (Adam Smith e David Ricardo)

Eran expertos no traballo da actividade industrial. Estudaron a teoría do valor, a división do traballo e a orixe da riqueza.

  • Ricardo elabora a teoría do traballo, que establece que o valor do traballo equivale ao que custa renovar, rexenerar a capacidade de traballo consumida (o patrón debe pagar o necesario para subsistir). O traballo preséntase como unha mercadoría.
  • Marx establece que o traballo é unha mercadoría especial, xa que o seu consumo satisface unha necesidade e, ademais, xera un produto superior ao consumido (plusvalía). A acumulación destas plusvalías dá lugar ao capital e, de aí, ás desigualdades.
  • Marx profunda nestas ideas para elaborar a noción de alienación económica, e critica á Economía Política a ocultación desta alienación.

En conclusión, a obra de Marx non se reduce a estas influencias, senón que a partir delas e da relación que establecen entre si, desenvolverá o seu característico pensamento orixinal e á vez creativo.

Revolución Industrial e Movemento Obreiro (Segunda metade do XVIII e comezos do XIX)

Período de maior número de transformacións socioeconómicas, tecnolóxicas e culturais da humanidade dende o Neolítico. A economía baseada no traballo manual pasará a basearse na industria e na manufactura. Producirase unha expansión do comercio, así como numerosos avances tecnolóxicos (máquina de vapor, máquina téxtil). Redúcese o tempo de fabricación e auméntase a cantidade de elementos producidos. Inglaterra será a pioneira nestas transformacións, o que a colocará á cabeza dos países do mundo. A industria téxtil algodoeira foi o sector líder. En Gran Bretaña desenvolveuse de pleno o capitalismo industrial; no resto de Europa e noutras rexións como América, a industrialización será posterior e seguirá o modelo inglés. Outros países seguiron un modelo de industrialización moi diferente e tardío (España, Rusia, Italia).

Causas da Revolución Industrial

  1. Situación política: A aristocracia e a burguesía vense favorecidas (actitude emprendedora).
  2. Revolución agrícola: Debido á mellora nos métodos de cultivo e ao uso de fertilizantes, a produción fíxose máis eficiente, producindo menos traballos humanos e alentando así a sociedade a traballar na industria.
  3. Cambios de poboación e sociedade: As melloras en alimentación e medicamentos fan que aumente. Tamén hai migracións ás grandes cidades (con traballo na industria).
  4. Melloras no transporte e nas comunicacións: Impulsan o comercio e o mercado interior.
  5. Expansión colonial, desenvolvemento do comercio internacional, acumulación de capital e maior mercado doméstico: Explican a situación do Reino Unido.
  6. Moitos recursos enerxéticos e mineiros: Que favorecen moito o proceso de industrialización.

Consecuencias da Revolución Industrial

  1. A importancia dun país mídese polo nivel de industrialización: Provoca a división do mundo en industrializados e non industrializados (desenvolvidos ou atrasados).
  2. Desenvolvemento do resto de actividades económicas: Pois proporciona máquinas agrícolas e transporte para o comercio.
  3. Desenvolvemento do capitalismo: Pois esixe moito capital para financiarse.
  4. Desenvolvemento de ciencia e tecnoloxía: Necesarias para o desenvolvemento industrial.
  5. Nova sociedade de clases: Nace unha sociedade baseada na riqueza, na que a beneficiada será a burguesía enriquecida. Nace un novo grupo social: o proletariado industrial, que subsiste en pésimas condicións. Debido a isto, aparece o movemento obreiro, que intenta loitar por acadar unha lexislación que regule a pésima situación do proletariado industrial. Inglaterra será a pioneira.

O Movemento Obreiro

A revolución industrial creou unha sociedade de clases baseada na riqueza de cada individuo. Nesta sociedade, a burguesía era a clase dominante e, por debaixo dela, xorde o proletariado, que, debido ás malas condicións de traballo, inicia o Movemento Obreiro.

O movemento obreiro xorde en Inglaterra como consecuencia da falta de dereitos dos traballadores nas fábricas (xornadas de máis de 12 horas, traballo infantil, baixos salarios). Trátase dun conxunto de accións levadas a cabo polo proletariado para cambiar a súa situación precaria. Nos inicios, o movemento obreiro promoveu actos violentos como a destrución de máquinas. Máis adiante fúndanse as sociedades de socorros mutuos, que daban axudas en caso de accidente ou despido. Despois créanse os sindicatos para mellorar as condicións laborais e facer reivindicacións políticas, mediante manifestacións e folgas.

A crítica ao capitalismo orixinou dúas ideoloxías: o anarquismo e o socialismo ou marxismo.

  • O Anarquismo: Foi formulado por Bakunin. O seu obxectivo era lograr a máxima liberdade individual, loitando contra o Estado, a propiedade privada e as crenzas relixiosas. Para isto, propúñase unha revolución protagonizada polos sectores oprimidos. Tras o triunfo, aboliríase o estado e sería substituído por comunas igualitarias de produción e consumo.
  • O Socialismo: Formulado por Marx e Engels. O seu obxectivo era acabar coa propiedade privada, xa que causaba as diferenzas sociais entre burguesía e proletariado. Para isto, era necesaria unha revolución do proletariado para acceder ao poder. Unha vez no poder, o proletariado implantaría unha ditadura para substituír a propiedade privada por propiedade colectiva, construíndo unha sociedade sen clases.

A Asociación Internacional dos Traballadores (AIT) ou Primeira Internacional, foi a primeira gran organización que tratou de unir aos traballadores dos diferentes países. Os seus fins eran a organización política do proletariado e propoñer liñas de acción para loitar contra o capitalismo, pero fracasou polas disputas internas e acábase disolvendo. Máis adiante establécese unha Segunda Internacional e aparece a Asociación Internacional dos Traballadores, que é unha organización anarcosindicalista.

Descargar

PDF Word HTML