Literatura Galega: Posguerra, Exilio e Renovación (1936-1976)

Lingua e literatura4,14 KB

Contexto histórico e cultural

Os avances que Galicia experimentara no primeiro terzo do século XX víronse interrompidos pola sublevación militar de 1936 e a posterior derrota da República na Guerra Civil, dando paso á ditadura franquista. Este réxime supuxo unha forte represión política e cultural, coa censura e a redución do uso público do galego, limitado ao ámbito familiar e rural. Moitos intelectuais foron exiliados ou silenciados, freando o desenvolvemento da literatura galega.

A partir dos anos 60, prodúcese unha mellora económica e unha modernización social, aínda que a recuperación cultural comeza xa nos anos 50 coa creación da editorial Galaxia.

O galeguismo na posguerra

Na posguerra, o galeguismo sobreviviu principalmente no exilio, sobre todo en Arxentina. Coa morte de Castelao en 1950 e a desaparición do Partido Galeguista, a loita política transformouse nunha loita cultural. Nos anos 60 xurdiron novos partidos nacionalistas como o PSG e a UPG.

A situación da lingua galega

Na inmediata posguerra, o galego foi prohibido na escrita e perdeu prestixio social. A súa recuperación comezou a mediados dos anos 40, consolidándose nos anos 60 e 70 coa creación de asociacións como O Facho e O Galo, e institucións como o Instituto da Lingua Galega (1971).

Luís Pimentel

Poeta ligado ás vangardas, a súa obra (Sombra do aire na herba, Triscos) destaca pola sinxeleza, o uso de símbolos e o verso libre, expresando sentimentos de angustia e soidade.

A lírica no exilio

A represión provocou o exilio de intelectuais en América (Arxentina, México, Cuba, Venezuela), onde mantiveron viva a cultura galega. Destacan:

  • Luís Seoane: Poeta do exilio centrado na emigración e a historia de Galicia (Fardel de eisilado).
  • Lorenzo Varela: Autor de Lonxe, que combina a saudade coa denuncia social.

A lírica galega (1936-1976)

A poesía deste período é heteroxénea, conectando coa tradición medieval, a poesía de denuncia do século XIX e o intimismo de Rosalía de Castro. Destacan tres grandes grupos:

Xeración do 1936

Autores como Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e Xosé M. Álvarez Blázquez. Actúan como ponte entre a literatura anterior e as novas xeracións.

Promoción de Enlace

Escritores inicialmente bilingües que mesturan poesía social e angustia existencial, como Antón Tovar e Luz Pozo Garza.

Xeración das Festas Minervais

Autores nacidos entre 1930 e 1940, como Manuel María, Uxío Novoneyra ou Méndez Ferrín, que evolucionan entre a Escola da Tebra e o socialrealismo.

A narrativa galega de posguerra

A narrativa sufriu unha ruptura total en 1936. A produción no exilio (Ramón de Valenzuela, Silvio Santiago) caracterízase polo carácter autobiográfico e o testemuño directo.

Principais tendencias

  • Realismo social: Eduardo Blanco Amor (A esmorga).
  • Mundo mítico: Álvaro Cunqueiro (Merlín e familia).
  • Realismo popular: Ánxel Fole (A lus do candil).

A Nova Narrativa Galega

Nos anos 60 e 70, autores como Méndez Ferrín, Carlos Casares e María Xosé Queizán introducen técnicas experimentais (monólogo interior, ruptura temporal) influenciadas pola literatura europea.

O teatro galego (1936-1970)

O teatro foi o xénero máis castigado pola censura. O seu mantemento debeuse ao exilio (Varela Buxán, Luís Seoane) e, posteriormente, á dramática social (Daniel Cortezón, Xohana Torres) e ao grupo de Ribadavia, con figuras como Roberto Vidal Bolaño e Manuel Lourenzo, que impulsaron un teatro experimental e comprometido.

Descargar

PDF Word HTML