Literatura galega: historia, etapas e autores

Lingua e literatura3,54 KB

A literatura galega na historia: etapas

A Idade Media

Cronoloxicamente, pódese facer unha división en dous grandes períodos:

  1. Etapa trobadoresca (1196-1354): Abarca máis de 150 anos e subdivídese en:
    • Período inicial, ata 1230.
    • Período afonsino (1230-1280), influído polo reinado de Afonso X, rei de Galicia, León e Castela.
    • Período dionisíaco (1280-1325), caracterizado pola influencia de don Dinís, rei de Portugal.
    • Período posdionisíaco (1325-1354).
  2. Etapa de Decadencia (1354-1465): Nesta última etapa enmárcase a chamada escola galego-castelá, na que se inclúen os trobadores que empregan o galego ou castelán indistintamente, presentes en diferentes cancioneiros, sobre todo no Cancioneiro de Baena.

Séculos Escuros

Este período abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII. Dende finais do século XV, Galicia vaise integrando na coroa española. O castelán imponse como lingua da administración e do poder político, e o galego perde a súa condición de vehículo literario. Coa morte do conde de Barcelos, fillo do rei don Dinís, derradeiro mecenas dos trobadores, darase paso ao emprego maioritario do castelán, alternando durante algún tempo coa lingua galega, que entrará nun progresivo período de silencio.

Podemos alentar dúas etapas:

  • Séculos XVI e XVII.
  • A Ilustración (século XVIII).

Nos séculos XVI e XVII a poesía culta en galego case desaparece. A memoria da lingua e da expresión creativa mantense e transmítese a través da tradición oral: contos, refráns... O século da Ilustración trae consigo unha certa preocupación polo estudo do galego, presente fundamentalmente en Martín Sarmiento.

Idade Contemporánea

Os Xogos Florais de 1861 e a aparición do Album de la Caridad (1862) anuncian o Rexurdimento, que comeza con Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro. A partir de 1916, o período rexionalista dá paso ao nacemento das Irmandades da Fala e ao Grupo Nós. O uso culto do galego convértese en motivo central das súas ideas. Algúns autores falan de Segundo Rexurdimento (1916-1936). A Guerra Civil (1936-1939) trunca esta renacenza e obriga a literatura galega a un relativo silencio ata a década de 1950. Despois da morte de Franco e coa restauración da democracia, a lingua galega aumenta a súa presenza pública e busca novos camiños.

A Xeración Nós

Os membros da Xeración Nós contribuíron poderosamente á modernización da Literatura Galega. O nome débese a Ramón Piñeiro, que así os bautizou nos anos 50. Foron un grupo importante de intelectuais e artistas que, entre 1920 e 1936, expresaron as súas inquedanzas a través da revista do mesmo nome, fundada por Vicente Risco e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Era unha publicación que loitaba por dotar a Galicia dunha identidade cultural de seu. O idioma de expresión, único, era o galego.

As Vangardas do Século XX

Manuel Antonio (1900-1930) foi un dos autores que máis pulo puxo á hora de incorporar a literatura galega ás vangardas poéticas europeas. A modernidade do seu poemario De catro a catro (1928) é difícil de discutir incluso hoxe en día. Especial importancia ten o manifesto Máis alá (1922), que publicou xunto co debuxante Álvaro Cebreiro. Neste texto reivindicaban unha nova maneira de entender a creación artística e animaban aos novos a superar a arte do seu tempo.

Descargar

PDF Word HTML