Literatura galega no exilio: resistencia e compromiso

Lingua e literatura3,79 KB

Tras a Guerra Civil, a imposición da ditadura franquista supuxo a ruptura do proceso de expansión cultural e literaria conseguida no primeiro terzo do século XX. Como consecuencia, mentres que os autores que permaneceron en Galicia tiveron que estancar a súa actividade, os que fuxiron ao exilio hispanoamericano realizaron un intensa labor cultural que permitiu manter viva a nosa literatura.

Labor cultural no exilio

Este labor cultural levouse a cabo a través da edición de xornais e revistas (Vieiros, Galicia Emigrante), da creación de editoriais que reeditarán as obras dos autores clásicos (Rosalía, Pondal, Curros) e publicarán as que, pola situación de censura política, non se podían editar en Galicia, da emisión de programas radiofónicos ou da aparición de grupos teatrais que levarán a cabo representacións de obras de autores como Blanco Amor ou Castelao (Os vellos non deben de namorarse). As características xerais da literatura galega do exilio derivan do contexto vital e das dificultades que experimentaron os autores: presenza do compromiso galeguista, forte compoñente autobiográfica, o predominio da temática cívico-social, a mestura con novas culturas e o cosmopolitismo.

Poesía no exilio

Na poesía, os autores máis destacados son Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita. O primeiro resaltou principalmente na súa faceta como pintor e debuxante aínda que tamén escribiu obras literarias como Na brétema de Sant-Iago e As cicatrices, nas que evoca o esplendor da Galicia medieval e o noso pasado histórico ou Fardel de exiliado (1952), na que o tema central é a denuncia das causas da emigración e a exaltación do pobo galego como un heroe colectivo na loita pola súa liberdade. Por outra banda, Lorenzo Varela foi autor de Catro poemas para catro gravados (1944) nos que recrea figuras da historia galega (María Pita, María Balteira...) e dun poemario titulado Lonxe (1954) no que amosa a angustia do desterro e a saudade da patria. Por último, Emilio Pita tratou o tema da Guerra desde unha perspectiva de compromiso cívico en Jacobusland (1942) e trata unha temática popular e de inspiración neotrobadoresca en Cantigas de nenos (1944).

Narrativa no exilio

En canto á narrativa, o eixe principal será tamén a Guerra Civil, as anécdotas das vidas dos autores (desterros, exilios, fuxidas...) e a saudade. Destacan autores coma Ramón de Valenzuela (Non agardei por ninguén, 1957), Silvio Santiago (O silencio redimido, 1976) e Antón Alonso Ríos.

Xénero teatral no exilio

Finalmente, o xénero teatral gozou de gran importancia. Pódense distinguir dúas liñas principais: a “popular”, escrita por emigrantes e que resaltou os costumes e tradicións como forma de manter viva a nosa distinción galega e a de “culto”, escrito por exiliados e que tentou ser un teatro de calidade, buscar a estética e introducir técnicas dramáticas modernas. Respecto ao primeiro tipo, destacan autores como Manuel Varela Buxán con obras coma Taberna sen dono ou O ferreiro de Santán, ambas de temática cómica e sentimental ambientadas nun mundo rural, e Blanco Amor, autor de Farsas para títeres ou Teatro para a xente, que estiveron destinadas a un público maioritario. En relación co segundo tipo, sobresaen escritores como Castelao con Os vellos non deber de namorarse, Luís Seoane (que emprega o teatro como un instrumento reivindicativo de concienciación galeguista) e Blanco Amor, que tamén escribiu obras dirixidas a un público culto e minoritario (Proceso en Jacobusland).

Conclusión

Como conclusión, pódese dicir que durante esta etapa estivo caracterizada pola defensa dos ideais galeguistas e democráticos así como o mantemento da nosa literatura no exilio mentres atravesaba un momento crítico en Galicia.

Descargar

PDF Word HTML