Literatura Galega no Exilio: Guerra Civil e Recuperación
A Literatura Galega no Exilio: Un Refuxio para a Cultura Durante a Ditadura
A Guerra Civil e a conseguinte ditadura franquista supuxeron o desmantelamento do sistema literario galego en Galicia. Co establecemento dun réxime estrito de censura que desconfiaba de toda manifestación artística que non estivese en castelán, a produción literaria en galego trasládase a Hispanoamérica. O centro de actividade literaria galega será Bos Aires, onde entran en contacto os emigrados cos exiliados e comezarán a desenvolver un amplo traballo intelectual coa publicación de revistas como Vieiros e obras literarias, a creación de editoriais como Galicia e mesmo emisións radiofónicas. Eles van ser os continuadores do que non se podía facer na Galicia interior pola represión do réxime, publicando as obras que pola censura non podían ver a luz.
O Papel dos Centros Galegos e a Diversidade Xenérica
No exilio potenciáronse, a través dos Centros Galegos, moitas facetas da nosa cultura, non só a literatura. Dentro desta, o xénero máis cultivado foi a poesía, seguido da narrativa; mais tamén o teatro tivo un pulo decisivo, chegando a haber numerosas compañías que ocuparon con regularidade a carteleira. Na temática xeral predominan os contidos reivindicativos, que estaban censurados en Galicia, e os referidos á emigración masiva do pobo galego.
A Saudade e as Influencias Formais na Literatura do Exilio
Publícase tamén literatura intimista na que ocupa un lugar central o tema da saudade, motivada polo desterro e focalizada en temas como o da exaltación da paisaxe natal, os amores, os amigos, a infancia, a mocidade ou o baleiro interior. Dende o punto de vista formal, na poesía hai influencias da literatura de preguerra como o imaxinismo ou o vangardismo; tamén é frecuente o prosaísmo, caracterizado polo emprego do verso longo e o estilo realista e coloquial, para desenvolver a temática máis comprometida.
Autores Destacados e as Súas Obras Emblemáticas
De entre todos os autores que desenvolveron a súa actividade no exilio podemos destacar os poetas Seoane, Pita e Lorenzo Varela, todos eles moi marcados pola guerra civil. Por iso cultivan a poesía social en poemarios como: Fardel do exiliado, Na brétema e As cicatrices. Á beira delas publícanse outras como Jacobusland, que trata da traxedia da guerra civil, ou Lonxe, centrada na saudade pola Galicia que se deixou atrás. Esta mesma temática vai estar presente tamén na produción dos narradores como Ramón de Valenzuela ou Silvio Santiago, en novelas como Non agardei por ninguén, centrada na Guerra Civil, ou Era tempo de apandar, centrada no exilio, xunto con O silencio redimido, obra na que se denuncia a opresión franquista.
O Teatro Galego no Exilio: Entre a Modernidade e o Costumismo
No ámbito teatral había dúas grandes tendencias: o teatro culto, impulsado por autores como Castelao e Blanco Amor, que incorporaron as técnicas dramáticas máis innovadoras, intentando modernizar o xénero e promover a conciencia galeguista no público a través de obras como Os vellos non deben de namorarse, estreada en Bos Aires. A outra gran tendencia, o teatro popular, foi escrito, sobre todo, por emigrantes sen vocación de modernidade, como Varela Buxán. Este director é autor de moitas obras de tipo popular, que seguen unha liña costumista, encadradas nun ambiente rural e que pretenden exaltar os costumes, as tradicións e a dignificación da lingua para provocar nos paisanos o orgullo de seren galegos.
Compañías Teatrais e o Legado Ensaístico
Neste aspecto, cómpre lembrar algunhas das numerosas compañías teatrais, como a Compañía Maruja Villanueva, fundada por Varela Buxán, ou o Teatro Popular Galego, fundada e dirixida por Blanco Amor. Pola súa banda, os ensaístas do exilio continúan, en colaboracións en xornais e revistas, o labor iniciado polo Grupo Nós, coas mesmas inquedanzas e cos mesmos obxectivos. De aí que un dos temas esenciais sexa o nacionalismo galego alentado por Castelao, que publica Sempre en Galiza, e Luís Seoane, en obras como O que fixeron en Galicia.
A Importancia do Exilio na Preservación da Cultura Galega
Todo este ambiente cultural que se levou a cabo no exilio foi o que evitou que a nosa lingua desaparecese dos rexistros cultos nos primeiros anos da posguerra, ao tempo que facilitou a posterior recuperación do noso sistema literario a partir dos anos 50.