A Lírica Galega na Posguerra: Xeracións e Autores Clave (1936-1976)
A Poesía Galega entre 1936 e 1976
Tras a Guerra Civil, o Segundo Rexurdimento galego freouse cun forzoso silencio pola represión contra o galeguismo, o que levou a moitos intelectuais ao exilio.
Entre os galegos que non se exiliaron, houbo que esperar ata 1947 para a publicación da primeira obra na nosa lingua durante a ditadura: Cómaros Verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño.
A partir de aquí, a nosa lingua comezou a recuperarse. En 1950 fundouse a Editorial Galaxia, con puntos semellantes aos de Risco e Nós, que fomentou a publicación de obras en galego e aglomerou a moitos escritores galegos. Cabe así mesmo destacar as coleccións de poesía Benito Soto e Illa Nova, así como a aparición do Día das Letras Galegas, coma vías para fomentar e divulgar a nosa literatura.
Os Grupos Líricos da Posguerra
Ao longo desta época, a nivel lírico, déronse tres grandes grupos de poetas:
- A Xeración do 36
- A Promoción de Enlace
- A Xeración das Festas Minervais
Porén, cabe destacar a importancia dun autor á marxe destes grupos, Luís Pimentel, membro da Xeración do 25 e coetáneo dos poetas da Vangarda, cuxa única obra en vida, Triscos, non se publicou ata 1950. Nela hai unha visión pesimista, e é a que mellor reflicte a Guerra Civil.
A Xeración do 36
Neste grupo sitúanse os escritores nados entre 1910 e 1920 (agás Cunqueiro). Entre eles destacan:
- Aquilino Iglesia Alvariño, autor de Cómaros verdes.
- Celso Emilio Ferreiro (CEF), poeta coñecido pola súa poesía social-realista atopada en obras coma Longa noite de pedra e Viaxe ao país dos ananos.
- Xosé María Díaz Castro, autor dunha única obra, Nimbos, que inclúe poemas de reflexión filosófica cun claro matiz relixioso.
- María Mariño.
A Promoción de Enlace
Atópanse aquí os escritores nados entre 1920 e 1930, aos cales o peche de fronteiras realizado na posguerra afectou moito, pois os illou dos movementos europeos. Neste grupo destacaron:
- Antón Tovar, poeta de temática relixiosa con reflexións filosóficas.
- Luz Pozo Garza, autora de poemas de liña culturalista.
- Manuel Cuña Novás, autor que residiu varios anos en París, de onde trouxo o existencialismo, e que foi iniciador da Escola da Tebra.
A Xeración das Festas Minervais
Esta xeración incluíu autores nados entre 1930 e 1940 e que, a diferenza dos anteriores grupos, non eran voces illadas, xa que algúns coincidiron no grupo Brais Pinto en Madrid. Moitos destes poetas foron premiados nas Festas Minervais, restauradas no ano 1953. Salientan nomes coma:
- Manuel María
- Xosé Luís Méndez Ferrín
- Uxío Novoneyra
- Xohana Torres
- María Xosé Queizán
Conclusión da Lírica na Posguerra
En definitiva, a nosa lírica sufriu un duro golpe tras a Guerra Civil, cun silencio poético que durou ata 1947, mais pouco a pouco foron aparecendo novas voces que axudaron á recuperación da nosa poesía. Ademais, todos estes poetas influíron en xeracións posteriores, destacando a do social-realismo de CEF dende os anos 60 ata a fin deste período.