Linguas minorizadas, bilingüismo e narrativa galega

Lingua e literatura5,13 KB

Lingua minorizada e lingua minoritaria

Dende o punto de vista sociolingüístico, convén non confundir lingua minorizada con lingua minoritaria: a primeira ten unha dimensión cualitativa e funcional; a segunda, meramente cuantitativa. Por esta razón, podemos atopar linguas minoritarias que están minorizadas, por teren restrinxidos os seus usos, pero tamén linguas minoritarias perfectamente normalizadas, no sentido de que son o instrumento habitual de interacción entre os seus falantes.

Unha lingua minorizada é aquela lingua autóctona dunha zona que non cobre todas as funcións posibles na súa comunidade porque retrocede nos diferentes ámbitos de uso baixo a presión dunha lingua dominante que se introduciu dentro do seu territorio xeográfico. Unha lingua minoritaria é a que ten un número relativamente pequeno de falantes en comparación con outras, pero iso non fai referencia ao seu status.

A lingua propia dun territorio pode ir perdendo protagonismo na vida dunha comunidade e cedendo funcións e ámbitos de uso a favor doutra lingua máis poderosa coa que está en contacto social: a este proceso chámaselle minorización lingüística. Case sempre a competencia de dúas linguas prodúcese por causa da imposición dunha lingua oficial ou máis prestixiosa. O máis conveniente para a normalización, e case que o único que garante a pervivencia das linguas minorizadas, é o sistema suízo e belga.

Bilingüismo e diglosia

A maioría dos estados do mundo son multilingües, xa que neles conviven dúas ou máis linguas que están en contacto. A reflexión sobre este feito lévanos a falar sobre dous conceptos: o bilingüismo e a diglosia.

  • Bilingüismo: denota que se falan dúas linguas sen considerar unha por encima da outra, pero en situacións moi diversas. Deste xeito, hai varios tipos: bilingüismo individual, bilingüismo social e bilingüismo territorial.
  • Diglosia: trátase da situación en que dúas linguas son usadas con valor diferente: unha lingua A é destinada ás funcións de máis prestixio e a outra lingua B úsase en relacións cotiás e informais.

A desigualdade entre o galego e o castelán remóntase a varios séculos atrás. A lingua dominante, o castelán, foi acaparando gradualmente cada vez máis ámbitos, e a lingua B, o galego, viuse reducida ao uso oral, coloquial ou familiar. O mesmo sucedeulle a outras linguas como o vasco ou o catalán.

A diversidade plurilingüe e multicultural

Apenas existen estados monolingües, senón que o que predomina son os estados plurilingües. Disto dedúcese que en moitos estados do mundo fálanse varias linguas, un deles é o noso. A diversidade lingüística no estado español está recoñecida e protexida pola Constitución e polos estatutos de autonomía das comunidades autónomas onde se fala máis dunha lingua, aínda que o status de cada unha delas varía segundo os casos: galego, castelán, catalán, éuscaro, asturiano, aragonés, aranés.

Os modelos estéticos narrativos de finais do século XX

A narrativa da inmediata posguerra comezou a ser renovada nos anos 60 e 70 grazas ao labor de diversos autores novos, os cales poden ser agrupados do seguinte xeito:

  • Nova Narrativa Galega: (Mourullo, Ferrín, Casares, Queizán).
  • A épica rural: con Neira Vilas.
  • A promoción dos premios de narrativa: con Víctor Freixanes, Alfredo Conde, Xavier Alcalá.

A Nova Narrativa Galega tomou o seu nome do Nouveau Roman francés e xurdiu co mesmo desexo de renovación técnica e temática. Dende o punto de vista temático, intentaron reflectir nas súas obras a situación alienante vivida pola xente a causa da ditadura, a industrialización e a sociedade de consumo. Dende o punto de vista técnico, puxeron en práctica novos puntos de vista: o narrador-protagonista, o narrador observador, o monólogo interior e o multiperspectivismo.

Gonzalo R. Mourullo foi o pioneiro na renovación formal e a súa obra Memorias de Tains serviu de inspiración a todo o grupo. Camilo González Suárez-Llanos con Lonxe de nós e dentro, Cara a Times Square, e Queizán con A orella no buraco, Amantia, tamén salientaron. Xosé Luís Méndez Ferrín, pola cantidade e calidade da súa obra, convértese en referencia obrigada da narrativa galega dos últimos 40 anos (Amor Artur). A obra de Carlos Casares é unha das máis fecundas e importantes: Vento ferido, Os escuros soños de Clio.

Baixo a epígrafe rural está Neira Vilas. As súas obras son unha crónica da sociedade rural e da emigración a América: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo.

A partir dos anos 70, o contexto sociopolítico galego mudou, e comezou unha evidente dinamización cultural. Proba disto foi a proliferación de premios e concursos literarios: Premio Modesto R. Figueiredo, Premio Blanco Amor…

Descargar

PDF Word HTML