A Lingua Galega no Primeiro Terzo do Século XX: Recuperación e Desafíos

Lingua e literatura3,15 KB

Durante o século XX, o proceso de recuperación cultural iniciado no XIX avanza, e o galego comeza a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nos que nunca estivera presente, ata chegar ao recoñecemento oficial na Democracia. Porén, asemade, descende preocupantemente o seu uso como medio de comunicación social.

Contexto e Iniciativas Clave (1900-1936)

Se nos centramos no primeiro terzo deste século, cómpre destacar unha serie de iniciativas fundamentais para a lingua e a cultura galegas:

  • As Irmandades da Fala (1916): Ligadas ao nacemento do nacionalismo galego, tiñan como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos, así como impulsar a narrativa e o teatro.
  • A Xeración Nós: Estendeu o uso do galego a todos os xéneros literarios e foi a responsable da revista Nós, escrita integramente en galego.
  • O Seminario de Estudos Galegos (1923): Constituído por universitarios que investigaban Galiza desde diferentes campos do saber.
  • O Partido Galeguista: A última institución importante da época, na que militaron durante a II República personalidades como Castelao ou Bóveda. Este último redactaría un Estatuto de Galiza, no que se incluía o ensino do galego e en galego. Aprobado en xuño de 1936, non puido entrar en vigor ao iniciarse a Guerra Civil poucos días despois, pero propiciaría a consideración de Galiza como nacionalidade histórica ao instaurarse a Democracia.

Outras Contribucións Relevantes

Outras iniciativas dignas de ser mencionadas son as editoriais Lar e Nós, así como a publicación de diferentes estudos lingüísticos que contribuíron á dignificación e estudo da lingua.

O Uso Social da Lingua e os seus Desafíos

Fronte a esta emerxente situación cultural, o uso do galego como vehículo de comunicación seguiu o camiño oposto. Aínda que continuaba a ser moi maioritario no país, acelerouse o proceso de substitución polo castelán, que avanzaba como lingua de relación habitual, mentres o número de falantes monolingües en galego ía descendendo.

Causas do Declive Sociolingüístico

Como causas principais deste proceso podemos citar:

  • O aumento da urbanización.
  • A aparición da radio.
  • O maior índice de alfabetización (que moitas veces se realizaba en castelán).

A Normalización da Lingua Escrita: O Galego Enxebrista

Finalmente, no que se refire á lingua utilizada na escrita, non existía aínda un modelo único, e continuaban os intentos de crear unha norma. Hoxe coñecemos este período como galego enxebrista ou diferencialista, porque a intención dos escritores era marcar a diferenza co castelán, deixar patente que son dúas linguas independentes. Para o cal, elixiron o portugués como modelo e esforzáronse por "limpar" a lingua de castelanismos, utilizando recursos como:

  • Arcaísmos.
  • Lusismos.
  • Hipergaleguismos.
  • Pseudoevolucións.

Descargar

PDF Word HTML