Lingua galega: 1900-1936. Contexto e evolución
Contexto histórico e situación sociolingüística
A comezos do século XX, Galicia seguía sendo eminentemente rural, de xeito que a poboación urbana non acadaba nin sequera o 10%. En consecuencia, atopamos unha sociedade formada na súa maioría por labregos e mariñeiros, cunha estrutura socioeconómica continuísta dos séculos anteriores. Non obstante, neste primeiro terzo do século comezan a albiscarse algúns cambios: os labregos reivindican a propiedade da terra protagonizando un poderoso movemento social (agrarismo), a fidalguía entra en decadencia e a burguesía, que fala castelán, representa o novo mundo urbano en vías de crecemento.
O proceso de substitución do galego polo castelán vai vir da man da industrialización e urbanización, isto é, do abandono da cultura tradicional. En tres décadas, de 1900 a 1930, a porcentaxe de poboación urbana pasa do 9% ao 19%. Demograficamente, por tanto, o galego era indiscutiblemente a lingua maioritaria, pero desde o punto de vista do prestixio social e económico, o castelán consolida a súa posición como lingua dominante, xa que as clases urbanas e acomodadas instaláranse nesa lingua: dirixentes da Administración do Estado, o mundo empresarial e comercial, a igrexa...
Co obxectivo de paliar esta subordinación, xorden a principios de século organismos e agrupacións que resultan de gran relevancia cultural e política para Galicia e a lingua galega. Cómpre salientar algúns sucesos notables acontecidos nesta época:
- Fundación en 1906 da Real Academia Galega, vello soño dos intelectuais galeguistas que se fará realidade a comezos do século.
- Creación das Irmandades da Fala (1916), asociacións que procuran a defensa, difusión e emprego do galego. Con elas aparece a tendencia a utilizar sistematicamente o galego de forma exclusiva para todo tipo de escritos.
- Vicente Risco, Otero Pedrayo e outros intelectuais ourensáns, coa colaboración destacada de Castelao, comezan a publicar integramente en galego na revista Nós, que dá nome ao grupo que a creou, o grupo Nós, e a unha xeración de escritores monolingües en galego que cultivarán todo tipo de xéneros.
- Constitución do Seminario de Estudos Galegos, en 1923. Manifestarán as preocupacións do sector universitario e intelectual por Galicia, que será obxecto de investigación en todos os eidos: natural, cultural, histórico...
Son dignas de mención tamén a aparición de numerosas publicacións xornalísticas preocupadas polo rexurdir do galego (A Nosa Terra), editoriais (Lar, Nós...), e estudos lingüísticos destacados (Dicionario da RAG...).
A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) supuxo un novo reforzo da dinámica castelanizadora e un poderoso obstáculo no proceso de recuperación e normalización do uso do galego iniciado polas Irmandades.
A proclamación da II República no Estado español (abril de 1931) e a fundación do Partido Galeguista (decembro de 1931) son dous fitos que supoñen a apertura dun novo período en que renacen as esperanzas e os esforzos para a recuperación de usos sociais do noso idioma.
No programa do PG recóllense como obxectivos a galeguización do ensino e a cooficialidade do galego e o castelán. A actividade política dos seus representantes nas institucións terá a cuestión do galego como elemento central. Así, a primeira intervención de Castelao no Parlamento español estará referida ao artigo IV da Constitución Republicana, onde se fixa o castelán como única lingua oficial. Este deputado propoñía que non se limitase o uso das linguas propias de cada comunidade.
O Partido Galeguista tamén participou decisivamente no proceso de elaboración e aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, plebiscitado popularmente en sentido afirmativo o 28 de xuño de 1936, poucos días antes da sublevación militar. Este texto recolleu, finalmente, as teses galeguistas de cooficialidade do galego e do dereito ao seu uso na escola, pero o conflito bélico e o triunfo franquista impediron a súa aplicación.
Características lingüísticas fundamentais
A aplicación do galego a novos ámbitos de cultivo e usos, tanto escritos como orais (textos literarios, ensaísticos, xornalísticos, científicos...) facía necesario dotalo dun nivel de elaboración do que carecera até o momento. Os escritores deste período intentaron buscar un galego máis puro, afastado das interferencias do castelán. Isto lévaos a resaltar o aspecto máis enxebre do galego como unha vía de afirmación da súa singularidade. Á hora de cubrir lagoas léxicas, normais nun idioma que está inaugurando ámbitos de uso cultos e científicos, acudirán con frecuencia ao portugués ou ao galego antigo. Pero este afán purista levounos a rexeitar en moitos casos formas galegas lexítimas considerando erroneamente que eran formas contaminadas polo castelán, para substituílas por arcaísmos (*tíduo), vulgarismos (*probe) e hiperenxebrismos (*carreteira).
A pesar de todo, os castelanismos non desaparecen, sobre todo os adaptados á fonética galega (*lexos, *parexa...).
Por último, cómpre salientar o esforzo das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos na elaboración das primeiras normas unificadas para o idioma, así como de diversos estudos e materiais lingüísticos (dicionarios, gramáticas...) que veñen cubrir o baleiro existente nese ámbito.