A Italia e Alemaña de Posguerra: Fascismo e Nazismo
A Italia na Posguerra
A fin da guerra deixou en Italia graves secuelas humanas e económicas: morreron 700.000 homes, moitas industrias quedaron inutilizadas e a elevada débeda exterior aumentou a inflación. Para moitos italianos, o custo da vida incrementouse, mentres que os salarios reais diminuíron e o número de obreiros en paro non paraba de medrar.
Así mesmo, os acordos de paz supuxeron unha gran decepción, xa que os aliados entregaron a Italia o Trentino, Trieste e Istria, pero non Dalmacia e Fiume, como se acordara no Tratado de Londres (1915). Deste xeito, comezou a estenderse a idea de que a participación italiana na guerra fora un engano, e o irredentismo (reivindicación de territorios habitados por italianos) foi gañando adeptos. A esta situación sumóuselle a inestabilidade política: os gobernos da monarquía non conseguían unha maioría suficiente e, entre 1919 e 1922, sucedéronse cinco gobernos diferentes.
Doutra banda, a crise económica xerou unha forte tensión social. No norte de Italia desenvolveuse un movemento folguista que, a miúdo, presentou obxectivos revolucionarios. Algúns campesiños ocuparon as terras dos grandes propietarios e os obreiros incautáronse de numerosas fábricas. Todos estes movementos foron reprimidos, pero o medo ao estalido dunha revolución social comezou a asustar as clases conservadoras.
O Ascenso do Fascismo
Nesta situación de crise apareceu a figura de Benito Mussolini que, en 1919, creou os Fasci di Combattimento, os chamados camisas negras. Tratábase duns grupos paramilitares cos que pretendía frear o auxe do movemento obreiro, a base de atacar violentamente os sindicatos obreiros e os seus líderes.
En 1921, os fasci transformáronse no Partido Nacional Fascista, que se presentaba como o recurso máis eficaz para deter os movementos revolucionarios en Italia. O seu programa estaba baseado na construción dun Estado forte, que garantise a propiedade privada e unha política exterior expansionista.
O novo partido contou co apoio da pequena burguesía, co financiamento dos grandes propietarios agrícolas e industriais, e coa tolerancia da Igrexa católica e do mesmo monarca, Vítor Manuel III.
Nas eleccións de 1922, o partido fascista só conseguiu 22 deputados dun parlamento de 500. Pero, este mesmo ano, con 300.000 camisas negras, esmagou a folga xeral dos sindicatos socialistas e anarquistas. Mussolini esixiulle ao rei que lle entregase o goberno e, para amosar a súa forza, organizou unha marcha sobre Roma cos seus camisas negras. En outubro, o monarca, inducido pola presión das forzas conservadoras, nomeouno xefe do goberno.
A Ditadura Fascista
Entre 1922 e 1925, Mussolini desenvolveu un proceso de restrición das liberdades e de persecución dos seus adversarios (socialistas, comunistas e demócratacristiáns), pero mantivo a ficción dun réxime parlamentario.
Despois das eleccións do ano 1924, gañadas pola coalición de Mussolini grazas á violencia exercida cara aos seus opoñentes, este anunciou a instauración dun réxime autoritario. O Estado e máis o partido fascista quedaron totalmente identificados nun réxime no que Mussolini se atribuíu plenos poderes e se fixo chamar Duce.
Os partidos políticos foron prohibidos, os seus líderes perseguidos e levados á cadea, e o parlamento substituído por unha cámara dos fasci. As folgas foron prohibidas e os sindicatos substituídos por un sistema de corporacións por oficios que abranguían a representantes obreiros, dos patróns e máis do Estado.
O Estado exercía un forte control a través do partido, que dirixía todos os aspectos da vida social e dominaba os medios de comunicación (radios, prensa, cinema). Tamén controlaba a economía e apoiaba as empresas privadas cos pedidos militares e fortes subvencións.
A República de Weimar
No ano 1918, a piques de finalizar a Primeira Guerra Mundial, o káiser Guillerme II abdicou do seu cargo e proclamouse a República, que estableceu a súa capital na cidade de Weimar e se asentou sobre unha constitución democrática.
Alemaña tivo que asumir a derrota militar e aceptar as duras condicións de paz impostas polos vencedores. En efecto, moitos alemáns consideraron humillante o Tratado de Versalles xa que, acusada Alemaña de ser a causante da guerra, lle arrebataba territorios, reducía o seu exército e lle impoñía fortes reparacións económicas.
Os anos da posguerra foron para Alemaña de crise económica, miseria e paro. As débedas de guerra e máis as reparacións provocaron unha elevada inflación, que veu acompañada dunha gran depreciación do marco. A República de Weimar, que estaba dirixida por demócratacristiáns e socialistas, tivo que lle facer fronte a esa dura situación económica e ao descontento de amplos sectores da poboación.
Así, nos primeiros anos viuse ameazada por movementos revolucionarios de esquerda (levantamento da Liga Espartaquista ou comunista) e por varios intentos de golpes de estado da extrema dereita (Putsch de Múnic das milicias nazis).
Hitler e o Partido Nazi
Adolf Hitler era un soldado desmobilizado da Primeira Guerra Mundial que non aceptara a derrota alemá e que, en 1920, fundou o Partido Nacionalsocialista dos Traballadores de Alemaña, do que se erixiu en líder indiscutible. O partido escolleu como emblema a bandeira vermella coa cruz gamada e dotouse dunha organización paramilitar: as Seccións de Asalto.
A súa ideoloxía foi recollida no libro A miña loita, onde expresou o seu desprezo pola democracia parlamentaria e o seu odio ao bolxevismo. Así mesmo, defendía o antisemitismo, a superioridade da raza aria e a necesidade de forxar un grande imperio (Reich) que unise a todos os pobos de fala alemá.
Para cativar as clases traballadoras, Hitler non dubidou en usar a demagoxia: prometeu traballo para todos, reducir os beneficios industriais, mellorar os salarios e avanzar cara a unha sociedade máis solidaria. Nos seus discursos arremeteu fortemente contra os que acusou de seren os responsables da crise alemá: xudeus, comunistas e demócratas.
As milicias nazis opuxéronse violentamente á República e foron protagonistas de varios intentos insurreccionais. Tamén se enfrontaron ás organizacións e aos militantes comunistas e presentáronse como unha garantía de orde social fronte á axitación revolucionaria.
O Nazismo no Poder
O período entre 1924 e 1929 foi de relativa mellora das condicións económicas e dunha certa estabilidade social. Pero as consecuencias da crise de 1929 resultaron moi duras en Alemaña. A retirada do capital americano arrastrou moitos bancos á creba, o que provocou o peche de fábricas, paro e descontento social. No ano 1932 había máis de seis millóns de parados en Alemaña.
O malestar social inclinou unha boa parte da poboación cara ás propostas dos partidos extremistas. Burgueses arruinados, campesiños e obreiros desesperados foron atraídos polas promesas nazis; os intelectuais e a maioría de obreiros inclináronse polo partido comunista.
Doutra banda, o partido nazi comezou a contar co apoio de importantes personalidades da industria e das finanzas, e a dispoñer de fortes axudas económicas.
Nas eleccións de 1932, o partido nazi conseguiu 13 millóns de votos e, en xaneiro de 1933, logrou que o presidente Hindenburg nomease a Hitler chanceler. Pouco despois, os escuadróns nazis provocaron un incendio no Reichstag (Parlamento) e acusaron deste aos comunistas.
Este incidente serviulle de pretexto a Hitler para eliminar os seus adversarios e esixir plenos poderes. En 1934, tras a morte de Hindenburg, proclamouse Führer e Chanceler do III Reich (Imperio).
A Ditadura Nazi
No ano 1934, e nuns poucos meses, os nazis transformaron Alemaña nunha ditadura. En primeiro lugar, disolvéronse todos os partidos e sindicatos, clausurouse o Parlamento, suprimíronse as eleccións e as liberdades individuais e iniciouse a persecución sistemática dos seus opositores. Unicamente quedou autorizado o partido nazi, que monopolizaba todo o poder. Os traballadores foron chamados a afiliarse á Fronte do Traballo Nacionalsindicalista, o único sindicato permitido.
A administración pública foi depurada cunha lei que autorizaba o despedimento por razóns políticas e raciais. A xudicatura desapareceu como poder independente e ficou sometida á vontade do partido. Os poderes locais dos diferentes estados (Länder) foron suprimidos e transferidos ao Reich.
Desde o punto de vista social, o Estado nazi aspiraba a unha total cohesión da sociedade alemá, baseada na superioridade da raza aria e na ideoloxía nacionalsocialista. A universidade, o sistema educativo, a cultura e máis a arte debían seguir consignas nazis, polo que moitos artistas e intelectuais foron perseguidos e fuxiron do país. Censurouse toda a produción literaria e artística, creáronse listaxes de autores prohibidos e realizáronse actos públicos para queimar os libros considerados perniciosos.
O nazismo outorgáballe á muller un papel social moi marxinal, xa que limitaba a súa actividade aos chamados tres "K": Kinder, Kirche, Küche (fillos, igrexa, cociña). Para asegurar o adoutrinamento das novas xeracións de mozos arios, creáronse as Xuventudes Hitlerianas, que se encargaban de orientar o lecer e máis a educación dos mozos.
Un Réxime de Terror
O Estado alemán converteuse nun Estado policíaco que impuxo o seu réxime por medio do terror.
Uns poderosos corpos policiais (as Seccións de Seguridade e a GESTAPO), baixo o control de Himmler, encargábanse de perseguir calquera conato de oposición e de impoñer a orde.
O mantemento da pureza racial da sociedade alemá implicou a persecución dos xudeus. En 1933 promulgouse o boicot aos negocios xudeus, no ano 1935 ditáronse as Leis de Nuremberg, que impedían os matrimonios mixtos e excluían os xudeus da cidadanía alemá, e en 1938 foron obrigados a levar un distintivo.
A partir de 1933, creáronse os campos de concentración para recluír os opositores e inimigos do Reich. Moitos xudeus foron internados neles, obrigados a realizar traballos forzados e, en parte, exterminados.
Autarquía Económica e Rearmamento
Desde un punto de vista económico, o III Reich propúxose promover un relanzamento que fixese de Alemaña unha potencia económica mundial, preparada para enfrontarse, nunha guerra que se cría inevitable, a Francia e Gran Bretaña. Deste xeito, a política económica nazi respondía fundamentalmente aos proxectos militaristas e expansionistas de Hitler.
O Estado nazi exerceu un forte dirixismo económico, que tiña como obxectivo conseguir a autarquía económica e converter a Alemaña nun Estado autosuficiente. Déuselle prioridade á industria pesada, sobre todo á de armamento, que acadou un gran desenvolvemento. Para lle facer fronte ao paro, levouse a cabo un ambicioso programa de obras públicas coa construción de numerosas autoestradas e outras infraestruturas.
As ambicións expansionistas precisaban dun exército poderoso e Hitler iniciou unha política militarista: reforzou o exército coa institución do servizo militar e a creación dun novo exército, a Wehrmacht, e dunha aviación moderna, a Luftwaffe.
Cun exército poderoso e unha economía orientada cara á guerra, Hitler sentiuse preparado para lanzarse á construción dun gran imperio e á conquista dun "espazo vital" ao leste de Europa. O camiño cara á Segunda Guerra Mundial estaba xa preparado.