Irmandades da Fala e Xeración Nós: Prosa Galega Moderna
As Irmandades da Fala procuraron crear os medios e canles de difusión necesarios para desenvolver aqueles xéneros literarios (narrativa, ensaio, teatro...) que no Rexurdimento do século anterior non lograran poñerse á altura da lírica. A prosa galega experimentou uns avances notables na época das Irmandades da Fala, pois foron obxectivos básicos destas crear editoras, conformar unha masa lectora cada vez máis ampla e fomentar o cultivo deses xéneros, abríndoos ao mesmo tempo ás tendencias estéticas máis modernas. Así, debemos ao seu labor:
- A aparición do ensaio como medio de difusión da ideoloxía nacionalista.
- O desenvolvemento da prensa en galego. Entre os periódicos máis representativos cómpre destacar A Nosa Terra, que tivo como primeiro director a Antón Vilar Ponte e como colaboradores a Vicente Risco, Castelao...
- A difusión de diferentes coleccións de narrativa, por exemplo, as das editoriais Céltiga ou Lar. As Irmandades propúñanse tamén a modernización da narrativa, polo que baixo o seu maxisterio os autores desenvolveron diferentes liñas temáticas que trataban non só de consolidar a narrativa como xénero literario, senón tamén de incorporar á mesma diferentes tendencias da narrativa europea da época. Estas liñas temáticas foron as seguintes:
- Humorismo e macabrismo
- Narrativa etnográfica
- Neoceltismo
- Narrativa naturalista
- Simbolismo
Pódese dicir que a prosa moderna nace coa Xeración Nós. Baixo esta denominación recóllense unha serie de autores que contribuíron decisivamente ao progreso da literatura galega, en especial no ámbito da prosa. Trátase de figuras como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Castelao. O nome de Grupo Nós provén do título da revista que publicaron a partir de 1920; esta revista é a publicación máis importante da Galicia de preguerra e nela publicaron autores pertencentes ás Irmandades xunto con poetas das vangardas, poetas portugueses ou traducións da literatura universal clásica e contemporánea. Os escritores que se adoitan incluír neste grupo son Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Antón Losada Diéguez e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A pesar de que Castelao diverxe dos restantes en cuestións fundamentais, nos anos 20 manteñen todos unha estreita relación persoal e unha actividade cultural compartida. Podemos establecer tres etapas na evolución deste grupo:
- O pregaleguismo. O núcleo do grupo xurdiu en Ourense, coñecido como o "cenáculo ourensán". Entre os seus compoñentes estaban Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Arturo Noguerol. Todos estes autores presentaban unhas características comúns:
- Procedían da clase acomodada.
- Estaban desvinculados da cultura galega e do movemento nacionalista.
- Os seus presupostos ideolóxicos e estéticos baseábanse na defensa do individualismo e na procura do exótico (especialmente, a cultura oriental).
- O galeguismo. Entran en contacto coas Irmandades da Fala e a adhesión ao galeguismo foi case inmediata. Chegaron á conclusión de que o camiño da universalidade pasaba pola asunción e o coñecemento da propia cultura. Esta evolución está recollida nos ensaios de Risco “Nós, os inadaptados” e de Cuevillas “Dos nosos tempos”, e na novela de Otero Pedrayo Arredor de si. Estes autores desenvolveron un intenso labor político e, sobre todo, cultural.
- A etapa da posguerra. O estouro da guerra en 1936 supuxo a ruptura da unidade do grupo e o remate da súa actividade como tal: Risco acabaría renunciando ás súas conviccións galeguistas, Pedrayo e Cuevillas víronse obrigados ao silencio intelectual e político, e Castelao tomou o camiño do exilio.
O labor deste grupo de intelectuais deu grande impulso á prosa galega, que madureceu con eles por vez primeira desde o Rexurdimento. As características fundamentais da prosa deste grupo de autores son as seguintes:
- Axéitase o idioma para a expresión científica.
- Incorpóranse técnicas narrativas dos autores máis destacados da narrativa europea.
- Diversifícase a temática: novela realista, histórica, psicolóxica...
- Consolídase o conto literario.
- Desenvolven o ensaio científico ao abeiro do Seminario de Estudos Galegos.
A revista NÓS foi o principal elemento aglutinador deste grupo.