As Irmandades da Fala: Historia, Literatura e Teatro
As Irmandades da Fala: Orixe e obxectivos
As Irmandades da Fala nacen a partir de 1916 en diversas localidades galegas, tendo como obxectivo a dignificación e a expansión dos usos do galego mediante unha serie de iniciativas:
- A) Animan o cultivo literario do galego mediante a convocatoria de concursos, revistas e xornais, fundando cadros de declamación e representando pezas teatrais.
- B) Amplían, a través dos seus asociados, os reducidos círculos de lectores cos que contaba o galego ao empezar a centuria.
- C) Conseguen diversificar e renovar progresivamente os xéneros e propostas literarias, dotándoos dunha maior pluralidade e calidade.
- D) Verten por vez primeira obras da literatura universal ao galego.
A poesía e o panorama literario a comezos do século XX
A comezos do século XX, a calidade dos textos que se producían era inferior á lograda por Rosalía, Pondal e Curros no Rexurdimento. A prensa en galego desaparecera por completo e o galego usábase exclusivamente na edición de versos e no subtitulado de viñetas humorísticas. Non había ningunha editorial dedicada a libros galegos. En relación coa narrativa e o teatro, seguían sendo xéneros de magros resultados, onde o panorama principal estaba dominado pola poesía.
A narrativa nas Irmandades da Fala
As Irmandades da Fala procuraron crear os medios e canles de difusión necesarios para desenvolver aqueles xéneros literarios que no Rexurdimento do século anterior non lograran poñerse á altura da lírica. Crear editoras, conformar unha masa lectora cada vez máis ampla e fomentar o cultivo deses xéneros foron obxectivos para a entidade. As principais tendencias narrativas foron:
- O humor e o macabrismo para cativar o gusto dun público urbano (ex: Un ollo de vidro).
- O neoceltismo, que clama pola recuperación das raíces celtas.
- A narrativa etnográfica (ex: A Santa Compaña).
- A narrativa naturalista.
- Unha tendencia simbolista.
O teatro nas Irmandades da Fala
O teatro presenta catro tendencias básicas:
- A) Social e anti-caciquil (ex: A ponte).
- B) Costumista-humorística, plasmada nos xéneros menores.
- C) Histórica, centrada na evocación ou recreación de momentos e figuras do pasado (ex: A torre de Peito Burdelo).
- D) Teatro lírico (ex: Os Ártabros).
A falta de actores e a carencia de compañías teatrais dedicadas á representación de obras en galego foron grandes atrancos. Tamén foi difícil a edición de pezas teatrais e a desvalorización que padecía o galego nas capas medias e urbanas da sociedade, sumado á competencia do cine. As principais correntes teatrais foron a conservadora, a social, a costumista e a histórica.