A Industrialización en España: Unha Visión Xeral

Xeografía6,19 KB

A Evolución do Proceso de Industrialización Español

Caracteres Rexionais da Industria Española

O proceso de industrialización en España iniciouse a mediados do século XIX, polo tanto, con atraso respecto a outros países de Europa occidental debido a que España contaba cunha mala dotación de materias primas e produtos enerxéticos básicos (algodón insuficiente e carbón mediocre), cun espírito de empresa escaso, pouco capital dispoñible, atraso tecnolóxico, limitada demanda de produtos industriais, así como unha situación exterior desfavorable pola guerra de independencia española e pola perda das colonias en América e por unha política industrial inadecuada que favoreceu, entre outras cousas, que as explotacións mineiras pasaran a mans estranxeiras. Dende os inicios, a industria española caracterizouse polo enorme peso das industrias básicas como a industria siderometalúrxica, localizada en Andalucía (Málaga), onde se crearon os primeiros altos fornos aproveitando os minerais da zona, pero este foco decaeu axiña, pola competencia doutros emprazamentos máis favorables no norte peninsular (Asturias, Cantabria e País Vasco). Xunto a esta industria, destacou tamén a industria téxtil do algodón (Cataluña). Polo tanto, a industrialización española localizouse na periferia, agás Madrid, onde se converteu no principal foco administrativo e financeiro, e atraeu moita poboación, o que estimulou o seu desenvolvemento industrial. Isto explica como dende os inicios, o proceso industrializador, xerou desequilibrios territoriais no reparto da industria.

O Primeiro Tercio do Século XX

Non foi ata o primeiro tercio do século XX cando se produce un crecemento industrial grazas ó auxe da minería do carbón, as novas fontes de enerxía (electricidade e o petróleo), o aumento do investimento nacional, o impulso das obras públicas e o proteccionismo que eliminou a competencia exterior. Este crecemento estivo ligado sobre todo ós sectores básicos (siderurxia, refinerías, petroquímica e construción naval); e ás industrias de bens de consumo (téxtil e calzado, automobilística, electrodomésticos). As áreas industriais seguiron tamén sendo as mesmas, polo que os desequilibrios consolidáronse.

A Guerra Civil e a Posguerra

Durante a Guerra Civil e a Posguerra o crecemento interrompeuse pero a partir de 1960 ten lugar a etapa coñecida como O Desenvolvemento Industrial que durara ata 1975, pois produciuse un enorme crecemento da industria motivado polas seguintes causas: a liberalización das importacións despois de eliminarse a política autárquica en 1959; a expansión da economía capitalista mundial e a vantaxosa situación económica (demanda en alza, baixos custos de produción, man de obra abundante e barata, o baixo prezo da enerxía) que atraeron capitais á industria; e tamén influíu a política estatal que impulsou a industria a través dos plans de desenvolvemento.

Desenvolvemento Industrial (1960-1975)

Durante este período, as áreas industriais xa existentes, afianzaron a súa hexemonía, pero iniciouse unha certa difusión cara a espazos novos:

  • As periferias das grandes aglomeracións urbanas recibiron industrias, que buscaban solo barato.
  • Creáronse eixes industriais nacionais ao longo das principais vías de comunicación, como o val do Ebro e o do Mediterráneo.
  • Xurdiron eixes rexionais resultantes da política de desenvolvemento do franquismo, como o do litoral galego e o de Andalucía occidental.
  • Xurdiron enclaves illados en cidades como Puertollano ou Ponferrada ou en Valladolid e Zaragoza, ó seren declarados polos de promoción ou desenvolvemento industrial.

Mentres, no resto do territorio, a industrialización seguía sendo escasa.
Ademais, aínda que España se industrializou as múltiples limitacións estruturais: predominio das pemes, vinculadas á produción de bens de consumo (téxtil, calzado, alimentación...); escasez de grandes empresas vinculadas á industria pesada; o atraso tecnolóxico, dependencia enerxética, tecnolóxica e de capitais... situaron a España nunha posición periférica ou semiperiférica no contexto mundial.
En canto á localización da industria dende mediados do século XIX ata 1975, os factores que máis influíron foron os chamados "factores clásicos":

  • A proximidade ás materias primas e fontes de enerxía.
  • A facilidade para o transporte (áreas portuarias).
  • A proximidade a un mercado amplo de gran consumo.
  • A dispoñibilidade de man de obra abundante e barata, así como dos servizos e equipamentos necesarios.
  • A política industrial que estivo nun primeiro momento, caracterizada polo proteccionismo e por unha forte intervención do Estado. Dende 1960, orientouse, fundamentalmente, cara á promoción e cara á desconxestión industrial.

A promoción levouse a cabo mediante os polos de promoción e desenvolvemento que seleccionaban certas cidades nas rexións atrasadas e trataban de promover nelas, un proceso de concentración industrial, que actuase como motor para o desenvolvemento do seu contorno. Estas industrias debían axustarse a uns tipos establecidos, e a cambio, recibían subvencións, créditos oficiais, desgravacións fiscais, solo barato, boas infraestruturas e axudas para a formación profesional.
Os polos de desenvolvemento situáronse en cidades, que xa contaban con certa industria (A Coruña, Vigo, Sevilla, Valladolid, Zaragoza, Granada, Córdoba, Oviedo, Logroño e Vilagarcía); e os polos de promoción en áreas máis deprimidas como, Burgos e Huelva. A diferenza entre ambos, residía no tope máximo de subvención, 10% nos de desenvolvemento e o 20%, nos de promoción.
Os resultados desta política foron mediocres: os investimentos e os postos de traballo non acadaron as previsións, e o efecto sobre o contorno foi escaso, e tampouco se logrou un mellor reparto territorial da industria, dado que, as rexións máis atrasadas apenas atraeron iniciativas e só se conseguiu certo éxito nas que contaban cunha mellor situación de partida, caso de Valladolid, Vigo, Sevilla, A Coruña; e mesmo se acentuaron as desigualdades.

Descargar

PDF Word HTML