A Industria e a Minaría: Países en Desenvolvemento e UE

Xeografía3,12 KB

A industria en países menos desenvolvidos

Nestes países, o emprego no sector secundario aumenta. Con frecuencia, o desenvolvemento industrial e o emprego de moitos dos seus habitantes dependen das multinacionais que se establecen no seu territorio. Estas empresas exercen unha grande influencia sobre os gobernos destes países, que lles ofrecen unhas condicións moi vantaxosas co fin de atraer e manter os seus investimentos. A instalación de multinacionais supón vantaxes e inconvenientes. A maior parte dos beneficios económicos reverten nos países desenvolvidos, lugar de orixe das empresas e onde se localizan as sedes centrais. Pero as multinacionais impulsan a actividade económica, traen técnicas novas de produción e crean traballo. Nos países en desenvolvemento, a actividade industrial concéntrase nas grandes cidades, onde a man de obra é abundante e as infraestruturas de transporte son axeitadas. Nos países costeiros, as industrias establécense preto dos principais portos, xa que gran parte da produción se destina á exportación.

A minaría na UE

A extracción de minerais é unha actividade reducida na UE e está en retroceso desde hai varias décadas. A minaría está controlada por grandes empresas. Polo seu valor económico, é máis importante a explotación dos minerais enerxéticos, sobre todo o petróleo cru e gas natural, que suman o 78% do negocio.

A problemática do sector

  • A escaseza dalgúns recursos.
  • Uns elevados custos de extracción.
  • O abaratamento das importacións que fai que resulte máis barato importar certos minerais que explotalos.
  • O compromiso ambiental.

Por todo iso, a UE ten unha gran dependencia do exterior para satisfacer o seu consumo (principalmente o petróleo cru e gas natural, que representaron o 84% das importacións). A UE só é autosuficiente en produtos non metálicos (xeso, feldespato, pedra, area ou arxila) necesarios para a construción.

A industria na UE

A UE é a primeira potencia industrial do mundo. A produción dos estados membros pode venderse libremente nos outros países comunitarios, o que asegura un importante mercado para os produtos europeos. Ademais, a lexislación facilita a fusión empresarial, que permitiu a formación de grandes empresas industriais europeas. A industria achega arredor do 27% do PIB comunitario e ocupa unha porcentaxe similar da poboación activa. Destacan a metalurxia, a fabricación de maquinaria e outros bens de equipo, a química, a automobilística, a alimentaria e a fabricación de equipos ópticos.

Diversidade rexional da industria europea

Alemaña é a 1ª potencia industrial da UE. Preto dun 30% da poboación traballa no sector.

A industria evoluciona de forma diferente

  • Nos países de Europa Occidental: O emprego industrial está descendendo por: os procesos de reconversión e a deslocalización.
  • Nos países de Europa Oriental: Romanía, Eslovenia, República Checa e Eslovaquia, a industria ten un peso moi importante.

Descargar

PDF Word HTML