A Industria Galega no Contexto da Globalización e Deslocalización

Xeografía4,48 KB

A Industria Española no Contexto Global

O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Esta rede caracterízase pola concentración de capital e de decisión en poucas empresas multinacionais, co que o papel da economía estatal se reduce. Numerosas decisións tómanse fóra de España.

Isto explica que, malia ser unha potencia industrial, España non teña un papel relevante na economía mundial.

Globalización e Deslocalización Industrial

Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado. Disto derívanse as causas da deslocalización:

  • A busca de menores custos laborais.
  • A procura das mellores condicións fiscais e técnicas.

A localización dos establecementos industriais flexibilizouse, de maneira que a empresa pode deslocalizar parte do proceso produtivo. Este é o caso dalgunhas fábricas téxtiles españolas.

As consecuencias das deslocalizacións son o aumento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que cada vez tende máis á terciarización.

As políticas industriais proporciónanlles axudas ás empresas para frear o proceso de deslocalización e o aumento do paro.

O Proceso de Industrialización de Galicia

En 1955, preto do 70% da poboación galega aínda se dedicaba ás actividades agrícolas. O proceso industrializador en Galicia estivo marcado por un evidente atraso debido á falta de iniciativas locais, á deficiente organización do sector primario e á súa posición periférica e mal comunicada con respecto aos centros de decisión.

Ata as décadas centrais do século XX, as únicas actividades fabrís foran desenvolvidas grazas a investimentos exteriores. Posteriormente, as actuacións do goberno central en materia de desenvolvemento apoiaron un incipiente desenvolvemento industrial.

A instalación de Citroën Hispania en Vigo (1957) supuxo o inicio do proceso de internacionalización e diversificación da economía galega. Desde 1960, chegaron a Galicia varias multinacionais alimentarias, que favoreceron o desenvolvemento das actividades primarias ao garantir e estabilizar a demanda industrial dos nosos produtos agrícolas.

En definitiva, as grandes empresas localizadas en Galicia contan con capital eminentemente foráneo e están máis vinculadas á industria española ou europea no seu conxunto que á do resto da comunidade autónoma.

Estrutura e Principais Áreas Industriais Galegas

Na actualidade, o sector secundario ocupa en torno ao 29% da poboación activa galega, o que indica un importante desenvolvemento do sector nas últimas décadas. Algúns dos subsectores empresariais localizados en Galicia supoñen un gran custo ambiental. Tal é o caso da celulosa de Pontevedra.

Características da Industria Galega

As empresas industriais galegas caracterízanse polo seu pequeno tamaño, o que as fai pouco competitivas. Os principais subsectores industriais localízanse ao longo do Corredor Atlántico, sobre todo na área metropolitana de Vigo e no Golfo Ártabro.

Principais Subsectores Industriais

  • Construción naval: Localízase fundamentalmente nas cidades de Ferrol (Navantia) e Vigo (Barreras).
  • Industria automobilística: Concéntrase fundamentalmente en Vigo e a súa comarca arredor de Citroën Hispania.
  • Sector alimentario: Conta cunha ampla representación en Galicia, dada a vocación agropecuaria e mariñeira do territorio. Destacan:
    • As industrias de conserva de peixe (preferentemente nas Rías Baixas e na de Arousa, como Ribeira).
    • Os conxelados de produtos do mar (ex. Pescanova).
    • O sector lácteo e o das augas minerais (Ourense e Pontevedra).
    • O grupo Coren, especializado en produtos avícolas.
  • Ramo da madeira: Composto por industrias de primeira transformación (ex. FINSA, con sede en Santiago).
  • Industria téxtil e da confección: Os principais núcleos de implantación do sector son o eixe Arteixo-A Coruña (Grupo Inditex) e a proliferación de multitude de pequenos talleres (Vigo-Redondela, Ourense, etc.).

Descargar

PDF Word HTML