A Importancia do Solo: Usos, Erosión e Sustentabilidade

Xeografía9,83 KB

O solo é a capa superficial, disgregada e de espesor variable que recobre a codia terrestre, procedente da meteorización mecánica ou química da rocha preexistente; tamén se pode considerar unha interfase entre todos os sistemas estudados, pois está constituído por compoñentes de todos eles.

Usos e fraxilidade do solo

Usase para a edificación, soporte das plantas, construcións lineais, fosas sépticas, fonte de recursos minerais; é posuidor de recursos xeolóxicos, xeomorfolóxicos ou paleontolóxicos. É receptor de impactos como a erosión, a contaminación, a sobreexplotación, o empobrecemento da fertilidade, a degradación biolóxica e a súa perda irreversible.

Composición e estrutura

No solo coexisten 3 estados da materia, distribuidos en 2 tipos de compoñentes:

  • Inorgánicos: que comprenden o aire, auga e compoñentes procedentes da meteorización da rocha nai, adoitan ser fragmentos de rocha e sales minerais.
  • Orgánicos: constituídos por materia orgánica sen procesos de transformación e microorganismos diversos que forman o humus a partir de transformacións parciais da materia orgánica. A humificación é un proceso previo á mineralización e a presenza de humus confírelle ó solo un carácter ácido.

Perfil do solo

É a estrutura en corte transversal do mesmo. Vense capas de horizontes ou niveis relacionados co grao de madurez. Os niveis do solo ideal son:

  • Horizonte A de lixiviado: ten poucos sales minerais; no nivel A0 hai follaxe e restos de animais non descompostos; no A1, temos humus que forma agregados coa materia mineral, retendo auga e ións; e no A2 domina a materia mineral e o lavado é intenso.
  • Horizonte B de precipitación: ten cor clara debido á acumulación de sales dos niveis superiores.
  • Nivel C: en contacto coa rocha nai, ten fragmentos da meteorización mecánica ou química da rocha.
  • Rocha nai: materia orixinal sobre a que se desenvolve o solo. Pode ser unha rocha dura, compacta e impermeable.

Proceso de formación do solo

Realízase en sucesivas etapas que transcorren paralelamente ó mecanismo de sucesión ecolóxica da comunidade que sustenta, madurando á par que esta tende a acadar o seu clímax.

Factores que condicionan a evolución dun solo

Son os seguintes:

  • O clima: é o factor máis importante. Entre os factores climáticos máis relevantes están:
    • O balance hídrico ou equilibrio existente entre todas as entradas e as saídas, pois predomina a precipitación, incrementándose o lixiviado de ións e o seu arrastre cara ós horizontes inferiores do solo.
    • O aumento de temperatura incrementa a velocidade das reaccións químicas e biolóxicas.
  • A topografía: a pendente favorece a erosión e condiciona a orientación respecto co Sol.
  • A natureza da rocha nai: depende dos compostos minerais que ten o solo.
  • A actividade biolóxica: os organismos descompoñedores contribúen á formación do solo por transformación da materia orgánica contida nel.
  • O tempo: este factor fai considerar o solo como un recurso non renovable.

A erosión do solo e a desertización

A erosión é un proceso xeolóxico natural que pode verse intensificado polas actividades humanas e orixinar graves consecuencias, tanto ecolóxicas como sociais: o aterramento ou colmatación dos encoros por acumulación de sedimentos; o agravamento das inundacións; o deterioro de ecosistemas; e a formación e acumulación de areais e graveiras, así como a perda de solo cultivable e o proceso de desertización.

Factores que inflúen no risco de erosión

Vese afectada por factores de tipo climático, polo relevo, o tipo de solo e de vexetación e os usos humanos. Todos os factores poden agruparse en dous:

  • Erosividade: expresa a capacidade erosiva do axente xeolóxico predominante que depende do clima, sendo un factor para a elaboración de mapas de erosividade a escala nacional.
  • Erosionabilidade: expresa a susceptibilidade do substrato para ser mobilizado, depende do tipo de solo, da pendente e da cobertura vexetal.

Control e recuperación das zonas erosionadas

Control da erosión en terras cultivadas

O mellor medio é a ordenación do territorio, plantando as especies vexetais de maior cobertura en cada caso e fomentando unha rotación de cultivos para poder lograr unha producción alta e sostible no tempo. Para frear ou deter os procesos erosivos mediante planos de recuperación, entre os que destacan:

  • Aumentar a infiltración e evitar a escorrentía mediante cultivos adecuados e con técnicas de arado que sigan as curvas de nivel.
  • Evitar o retroceso dos barrancos mediante a construción de diques nas cárcavas ou repoboacións forestais.
  • Abandono de cultivos en zonas marxinais con excesiva pendente.
  • Aplicación de medidas contra a erosión eólica.

Control da erosión orixinada por obras

As construcións producen cortes nas ladeiras, dan lugar a formación de regatos, cárcavas e esmoroamentos que levan a unha intensa e progresiva erosión. Para minimizar os efectos, tomanse medidas como a construción adaptada á xeomorfoloxía, realización de foxos e a repoboación.

Desertización e desertificación

A desertización é o proceso de degradación ecolóxica polo cal a terra productiva perde parte ou todo o seu potencial de producción e leva á aparición de zonas desérticas. Todos os autores afirman que o proceso de desertización resulta da confluencia de factores climáticos con outros debidos á acción humana. Os procesos que poden dar lugar a situacións de tipo desértico son:

  • Degradación química: pode ser de 3 tipos: perda da fertilidade por lavado de nutrientes ou por acidificación; toxicidade ou empobrecemento do solo por elementos contaminantes; e a salinización e alcalinización de solos por acumulación de sales.
  • Degradación física: produce a perda da estrutura.
  • Degradación biolóxica: ten lugar por desaparición de materia orgánica ou por mineralización do humus.

Erosión hídrica e eólica: é o proceso de maior importancia no noso país.

Erosión e desertización en España

España é o único país europeo con alto risco de desertización por erosión dos seus solos. Unha paisaxe como a española, con fortes pendentes e acusado relevo, con clima mediterráneo, abundancia de terreos arxilosos de difícil drenaxe, degradados por unha precaria xestión dos recursos hídricos e unha inadecuada política forestal e agraria, ofrece o caldo de cultivo ideal para a acción devastadora da erosión.

Os recursos forestais

Os bosques diminuíron nos últimos 50 anos, reducindo até un terzo da súa superficie orixinal. As principais causas da deforestación son a consecución de terras para o cultivo ou o pastoreo, a obtención de madeira, os incendios e o desenvolvemento urbano.

Os beneficios dos bosques

Destacan:

  • Crean un solo e moderan o clima.
  • Controlan as inundacións.
  • Almacenan a auga e prevén a seca.
  • Amortecen a erosión nas pendentes onde se intensifica o efecto.
  • Albergan e soportan a maior parte das especies viventes da Terra.
  • Proporcionan combustible en forma de leña e de carbón para o uso humano.

Uso sostible do solo

Consiste en:

  • Aumentar a eficiencia das industrias madeireiras e mellorar as medidas de transporte e eliminación de desperdicios.
  • Diminuír o uso do papel e aumentar a reciclaxe.
  • Diminuír o consumo de leña substituíndo os fogóns tradicionais.
  • Aumentar a planificación de bosques de alto rendemento.
  • Buscar alternativas de emprego dos bosques.

Agricultura sostible

É sostible cando é ecoloxicamente segura, economicamente viable e socialmente xusta. Hai que aplicar 3 regras básicas nos ecosistemas naturais:

  • Reciclar o máximo a materia para obter minerais, que non se escapen e que non se produzan desperdicios non utilizables.
  • Utilizar o máximo a luz solar como fonte de enerxía e protexer a biodiversidade.
  • As recomendacións que se deben seguir son:
  • Que prime a conservación do solo e a economía da auga sobre a productividade.
  • Que se tomen as medidas adecuadas para a preservación da biodiversidade.
  • Cultivar preferentemente plantas adaptadas ó clima de cada rexión.
  • Aforrar a auga utilizada para a rega mediante a implantación de técnicas de aforro.
  • Redución dos custos ocultos polos combustibles fósiles e substituílos.
  • Evitar a xeración de contaminación e de residuos a unha velocidade superior á capacidade de asimilación.
  • Fomentar os cultivos mixtos ou os policultivos.
  • Utilizar fertilizantes orgánicos.
  • Atallar as pragas con controles biolóxicos.
  • Aplicar todas as medidas posibles para loitar contra a erosión.

Agricultura alternativa

Inclúese a agricultura integrada que baséase no emprego de produtos químicos e de especies seleccionadas xeneticamente, que se deben someter a controles para respectar o medio ambiente; e a agricultura biolóxica que renuncia por completo ó emprego de substancias químicas, utilizando fertilizantes orgánicos, aínda que emprega certos fungicidas, non utiliza praguicidas sintéticos que controlan as pragas mediante cultivos barreira ou insecticidas naturais.

Descargar

PDF Word HTML