O Imperio Hispánico baixo Filipe II

Historia3,73 KB

O Imperio Hispánico: Filipe II

En 1556, dous anos antes da súa morte, Carlos I abdicou no seu fillo Filipe II e cedeulle todos os seus territorios, agás as posesións austríacas e o título imperial alemán, que lle entregou ao seu irmán Fernando.

O Goberno de Filipe II

Filipe II (1527-1598), fillo de Carlos I e Isabel de Portugal, reinou sobre un inmenso imperio, no que os dominios americanos acadaron a súa máxima expansión; pero ao non ser emperador, puido gobernar en función dos intereses da monarquía hispánica. Diferenciándose do seu antecesor, o monarca encargábase persoalmente do goberno desde Madrid, que converteu en capital en 1561. Nos arredores de Madrid fixo construír O Escorial, tamén residencia real e sede do goberno.

O poder real continuou coas atribucións e institucións da monarquía autoritaria, creada polos Reis Católicos. Pero o poder do monarca aumentou e acentuouse a centralización. As Cortes convocábanse en raras ocasións e todas as decisións emanaban do rei, que era axudado na súa tarefa por unha lexión de funcionarios (burocracia). Filipe II ampliou o sistema de Consellos coa función de que o asesorasen: creou o Consello de Estado, o de Guerra e o de Facenda e reestruturou os Consellos territoriais. Tamén impuxo a figura do corrixidor, un representante real para controlar os municipios.

A Defensa da Ortodoxia Católica

Na Península, Filipe II impuxo o espírito da Contrarreforma e a súa loita contra o protestantismo. Impulsouse a actuación da Inquisición que convocaba procesos e autos de fe para xulgar os católicos sospeitosos de calquera desviación relixiosa. Tamén se impulsou o concepto "limpeza de sangue", impedíalles posuír cargos aos que tivesen antepasados xudeus ou musulmáns.

Os problemas máis graves producíronse pola persecución dos mouriscos granadinos, aos que se lles prohibiu o uso da súa lingua, vestidos e costumes. Isto desencadeou a sublevación das Alpuxarras, que foi sofocada despois de tres anos de loita e que supuxo a dispersión duns 80.000 mouriscos por outras zonas da Península.

A Política Exterior

Filipe II, para manter a hexemonía política e impoñer o catolicismo:

  • Continuou a guerra cos franceses aos que derrotou definitivamente na batalla de San Quintín (1557).
  • Para frear a expansión musulmá polo Mediterráneo, organizou unha gran flota aliada (o Papado, Venecia e España) que se enfrontou aos turcos, aos que derrotou na Batalla de Lepanto (1571).
  • Contra Inglaterra, que lles daba apoio aos protestantes e atacaba a flota española que comerciaba con América, enviou unha enorme flota, a Armada Invencible (1588), que acabou destruída por un temporal preto das costas inglesas.
  • O maior problema do seu reinado foi a rebelión de Flandres, ocasionada polo descontento por mor dos fortes impostos, e polo conflito relixioso debido á expansión do calvinismo naquelas terras.

O malestar provocou un forte sentimento nacionalista que acabou nunha sublevación (1566) dirixida por Guillerme de Orange.

A presenza dos terzos españois non conseguiu rematar co problema e, ao final, os Países Baixos dividíronse en dúas zonas: o Norte protestante (Holanda) e o Sur católico e baixo dependencia española.

  • O seu maior éxito exterior foi a anexión de Portugal (1581), como consecuencia dos enlaces matrimoniais entre as dúas familias reais.

Descargar

PDF Word HTML