Impacto ambiental da actividade humana
Repercusións ambientais da acción humana
Existe unha dobre vertente na acción humana sobre o medio, xa que, por unha banda, ocasiona problemas ambientais como a sobreexplotación, a contaminación e a destrución de elementos ambientais, pero, por outra, desenvolve políticas encamiñadas a combatelas e protexer os espazos naturais.
A contaminación e os seus tipos
En primeiro lugar, a contaminación é unha das maiores e máis negativas consecuencias ambientais e sociais que teñen as actividades humanas. Supón a introdución nun medio calquera dunha substancia en cantidade abonda como para provocar algún dano, irreversible ou non, e que pode ser prexudicial.
Contaminación atmosférica
Un dos tipos de contaminación máis relevante é a contaminación atmosférica, que consiste na introdución no aire de substancias nocivas emitidas á atmosfera e que poden xerar a campá de contaminación, a chuvia ácida ou a concentración de ozono no aire. As consecuencias deste tipo de contaminación son danos maioritariamente na saúde humana e no medio natural. As solucións derivan das directivas da UE, pero tamén pódense propor alternativas propias como, por exemplo, o uso da bicicleta ou o transporte público.
Contaminación da auga
Outro tipo de contaminación importante é a contaminación da auga, que xeralmente se produce por verteduras e refugallos industriais, así como de augas residuais procedentes do saneamento de cidades. Isto xera consecuencias como danos á saúde por problemas sanitarios ou a perda de calidade da auga para beber e para o baño, entre outros. Algunha solución pode ser o control das verteduras, a mellora de vixilancia, a depuración, etc.
Contaminación do solo
Tamén é habitual a contaminación do solo, que ten como causas a extracción mineira, as verteduras industriais e urbanas e o emprego abusivo de substancias químicas na agricultura. Como consecuencia, o solo adquire características tóxicas, danando os ecosistemas, a produción agraria e o valor económico do terreo.
Ademais disto, existen moitos outros tipos de contaminación que afectan directamente ao medio ambiente, como poden ser a luminosa, a acústica ou a visual.
Quecemento global e efecto invernadoiro
Outro factor que ocasiona problemas ambientais é o quecemento global. É o aumento da temperatura media da Terra desde que temos rexistros e sitúase (neste século) entre os 0,3-1,7 °C ata 2,6-4,8 °C. É causado maioritariamente polo efecto invernadoiro, producido polo vapor de auga e certos gases como o CO2 e o metano, que deixan pasar a radiación solar, pero reteñen parte da calor irradiada pola superficie terrestre, evitando que escape ao espazo. Actúa como un invernadoiro, pero de forma natural.
O incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro, motivado pola influencia humana, provoca o cambio climático, que podería xerar graves consecuencias como a subida do nivel do mar, cambios nas precipitacións ou fenómenos meteorolóxicos extremos. Nos últimos tempos, este incremento da emisión de gases provocou o aumento global da temperatura, que tivo unha importante repercusión no medio ambiente e nas actividades humanas.
A pegada ecolóxica
Por último, a pegada ecolóxica é un indicador de sustentabilidade que resume, para cada individuo, cal é a área necesaria para producir os recursos que utiliza e para asimilar os refugallos que xera, co obxectivo de avaliar o impacto sobre o planeta nun determinado modo de vida. Chegouse á conclusión de que, a nivel global, se consomen máis recursos e se xeran máis refugallos dos que o planeta pode xerar e admitir.
Conclusión
Polos distintos factores dos que falamos previamente, e moitos outros que faltan por mencionar, podemos decatarnos de que o ser humano resulta prexudicial para o medio ambiente, xa que o noso egoísmo e a busca do beneficio económico constante provocan verdadeiros desastres no mundo natural. Por iso, cada persoa debería saber as consecuencias das súas accións sobre o medio e así poder actuar de forma responsable e consciente cara ao planeta.