A Ilustración en Galicia: Autores e Obras

Lingua e literatura4,46 KB

A Ilustración

Coñécese en España co nome de Ilustración un movemento cultural que se produciu en toda Europa ao longo do século XVIII. Algunhas das súas características máis importantes son a exaltación da razón, o cultivo das ciencias, o estudo das humanidades clásicas e a preocupación polas linguas modernas e pola educación. O obxectivo principal dos ilustrados galegos é tentar superar o estado de atraso económico, cultural e social no que está sumida a nosa terra. Para iso, propoñen un programa reformista que poida mellorar o sistema produtivo e fúndase, con tal motivo, a Academia de Agricultura do Reino de Galicia (1765) e as Sociedades Económicas de Amigos do País (1784). No plano cultural, aparecen voces que defenden a nosa lingua e intentan mellorar o nivel educativo dos nosos rapaces mediante o uso desta na escola.

A Xeración Crítica (1726-1760)

  • Frei Benito Xerónimo Feixoo (Ourense): O padre Feixoo non nos deixou textos escritos en galego, pero defendeu a dignidade da nosa lingua negando a súa condición de dialecto do castelán e equiparándoa a outras linguas romances coma o castelán e o portugués.
  • O padre Sarmiento (Vilafranca do Bierzo): Profesor de teoloxía, discípulo e seguidor de Feixoo, foi un dos maiores defensores da lingua e cultura galegas. Propuña que os escolares fosen ensinados na súa lingua materna e criticaba a castelanización da Igrexa e a introdución de funcionarios de fóra. Dedicou moitos traballos ao estudo da lingua galega, especialmente da lexicografía, e tamén realizou outros sobre a historia natural, en particular sobre a flora galega e as súas denominacións. En castelán é autor de obras como Sobre el origen de la lengua gallega e Catálogo de voces y frases de la lengua gallega. En lingua galega escribiu as 1201 cuartetas do Coloquio de Perico e Marica ou Coloquio de 24 gallegos rústicos, aínda que non con propósito literario, senón para, a partir delas, explicar as características léxicas do noso idioma.
  • Anselmo Feixoo Montenegro: Irmán do padre Feixoo, destaca polo seu Llanto de la Flota, por una ninfa gallega; poema composto de 15 quintillas en galego no que unha ninfa se laia do afundimento da escuadra española en Rande en 1702 por parte dos ingleses. Tamén é autor dunha Glosa en galego.
  • Plácido Feixoo Montenegro: Tamén irmán do padre Feixoo, pero del só conservamos unha glosa en galego.

Xeración Intermedia (1760-1780)

  • Xosé Andrés Cornide Saavedra: Ocupou diversos cargos de prestixio e pertenceu á Sociedade de Amigos do País e á Academia de Agricultura de Galicia. Dedicou importantes estudos á historia, á xeografía, á educación e á pesca (Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia-1774, Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia-1780). Conservamos del, ademais dalgúns traballos de lexicoloxía, tres poemas en galego entre os que destaca un soneto dedicado a Filida e considerado como unha peza de extraordinaria calidade.
  • Diego Antonio Cernadas e Castro: O cura de Fruíme foi o máis fértil dos poetas do século XVIII. Poeta tamén en castelán, os seus versos galegos son satíricos (neles predomina a ironía) ou de circunstancias. Home de grande enxeño, advírtese na súa obra un profundo amor por Galicia. Del conservamos 15 composicións en galego.
  • María Francisca de Isla e Losada: Foi unha das mulleres máis ilustres do século, ata o punto de exercer como conselleira do arcebispo de Santiago. Membro da Academia de Boas Letras do Porto, poeta e prosista en castelán, só deixou en galego unha obra de carácter humorístico, o Romance ao señor abade de Fruíme, xa que, antes de morrer, mandou queimar as súas obras inéditas.
  • Padre Sobreira: Grande estudoso do noso idioma, é autor de Idea de un diccionario de la lengua gallega, do que unicamente preparou as letras A e B.

Xeración Finisecular (a partir de 1780)

Os ilustrados desta xeración non escriben en galego, aínda que fixeron propostas para mellorar o noso país. Os máis salientables son Pedro A. Sánchez e Lucas Labrada.

Descargar

PDF Word HTML