Historia da Literatura Galega: dos Séculos Escuros á Ilustración

Lingua e literatura6,31 KB

Que son as Festas Minervais?

As Festas Minervais teñen a súa orixe en Roma e son concursos poéticos onde se lles daba unha coroa de loureiro aos vencedores. Estas festas viñan celebrándose na Universidade de Santiago desde 1535. Consistían en diversos actos académicos e literarios en honra ao arcebispo Alonso de Fonseca, fundador do colexio do mesmo nome. Os organizadores do certame en 1697 acordaron editar os poemas do concurso daquel ano e, grazas a iso, conservamos hoxe nove composicións. Os romances non teñen un excesivo valor poético. Estas festas recupéranse máis adiante no século XX en Santiago, na década dos 50. Autores como Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra ou Manuel María, entre outros, pertencen á xeración Alexandrina das Festas Minervais.

Entremés famoso sobre a pesca do río Miño

Entremés famoso sobre a pesca do río Miño (1671), de Gabriel Feixóo de Araúxo, é a única peza teatral que posuímos desta época e a primeira conservada que nos chegou. Foi descuberta en 1953 por Fermín Bouza Brey na Biblioteca Nacional de Madrid. Temos que esperar case dous séculos ata que A. Benito Fandiño publique A Casamenteira en 1812.

A Ilustración no século XVIII

A Ilustración é a corrente intelectual de pensamento que dominou Europa no século XVIII, baseada no corpo doutrinal dun grupo de filósofos, na súa maioría franceses, que facían énfase na razón e na ciencia como formas de explicar o universo. Foi un dos movementos impulsores do capitalismo e da sociedade moderna. Tivo unha dinámica rápida nos países protestantes e máis lenta nos demais estados de Europa. En Galicia, a Ilustración, movemento que procura a exaltación da razón, caracterízase por:

  • Cultivo das ciencias.
  • Estudo das humanidades clásicas.
  • Preocupación polas linguas modernas.
  • Preocupación pola educación.

O obxectivo principal dos ilustrados galegos é tentar superar o atraso económico, social e cultural no que está sometida a nosa terra. Para iso, xorden voces na nosa lingua e inténtase mellorar o nivel educativo dos rapaces na escola.

Autores ilustrados galegos do século XVIII

No século XVIII, en Galicia, salienta unha serie de figuras ilustradas. Velaquí algunhas das súas obras e os seus autores:

  • Catálogo de voces y frases gallegas e Diálogo dos 24 rústicos: Padre Sarmiento.
  • Dicionario galego: Padre Sobreira.
  • Soneto "A Filida": Xosé Cornide Saavedra.
  • Pranto da Frouseira por unha ninfa: Anselmo Feijoo Montenegro.
  • "Escoiten, eu que falo na miña lingua galega": Plácido Feijoo.
  • Romance ao señor abade de Fruíme: María Francisca Isla y Losada.

O Padre Sarmiento, precursor da sociolingüística

Entre as personalidades do pensamento ilustrado que se preocuparon polo desenvolvemento de Galicia, cabe salientar o Padre Sarmiento. Profesor de teoloxía galega e un dos maiores defensores da lingua galega, reivindica de maneira total e absoluta a lingua galega. Propuña:

  1. Ensino obrigatorio en galego.
  2. Obrigatoriedade do coñecemento da lingua galega para todos os funcionarios de fóra.
  3. Crítica á castelanización da Igrexa.
  4. Necesidade da recuperación da lingua por medio de gramáticas e dicionarios para dignificar o idioma galego.
  5. Rematar co autoodio dos galegofalantes.

Dedicou moitos traballos ao estudo da lingua galega, especialmente á lexicografía. Foi o precursor da sociolingüística.

Primeiras gramáticas: datas e autores

Nos séculos XVI e XVII xorde en Europa o Humanismo, ou movemento renacentista, onde se comeza a sentir a necesidade de facer dos romances linguas cultas e unificadas que deben ser ensinadas ao igual que o latín. Aparecen así as primeiras gramáticas, dicionarios e obras ortográficas:

  1. Castelán: Nebrija: Gramática de la lengua castellana e Reglas de ortografía en la lengua castellana (1492).
  2. Portugués: Fernão de Oliveira: Gramática da linguagem portuguesa (1536).
  3. Italiano: Lorenzo de Medici: Le regole de la lingua florentina (1583).
  4. Francés: Louis Meigret: Le tretlé de la gramática françoese (1550).

Pola contra, o galego non terá a súa primeira gramática ata a segunda parte do século XIX:

  • Francisco Mirás: Compendio de gramática gallego-castellana (1864).
  • Saco y Arce: Gramática gallega (1868).

Características da literatura popular oral

  1. Transmisión oral: contada de xeración en xeración e conservada só na memoria.
  2. Variabilidade na forma: un mesmo texto presenta varias versións.
  3. Necesita a aceptación da comunidade: cando é aceptada, ten unha ampla difusión; cando non, pérdese.
  4. Anónima: ignórase o nome do autor das composicións.
  5. Ten unha función concreta: divertir, ensinar, ridiculizar, etc.
  6. Moitas veces vai acompañada de melodías ou elementos parateatrais.

Clasificación da literatura popular

1. Cancioneiro popular

  • Composto por: alalás, desafíos, cantigas de maio ou berce, panxoliñas, etc.
  • Léxico corrente e sintaxe sinxela.
  • Frecuentemente acompañado de música.
  • Estrofas:
    • Breves.
    • Con recursos mnemotécnicos: repeticións, paralelismos, etc.
    • Tipos: coplas ou cantigas, terceto de octosílabos, muíñeira de hendecasílabos.

2. Narrativa oral

2.1 Contos

  • Marabillosos: personaxes fantásticos con poderes sobrenaturais.
  • Exemplares: función didáctica ou moral.
  • Humorísticos.

2.2 Lendas

  • Etimolóxicas: falan sobre a orixe dalgún feito.
  • Haxiográficas: falan sobre feitos ou figuras relixiosas.
  • Históricas.

Descargar

PDF Word HTML