Historia da Lingua Galega: Do Rexurdimento á Normalización
Aínda así, houbo algúns estudosos como o Padre Sarmiento, o Padre Feijoo e o Cura de Fruíme, que iniciaron a defensa do galego.
A Defensa da Lingua Galega: Unha Traxectoria Histórica
O Rexurdimento Galego: Século XIX
No século XIX produciuse o Rexurdimento do galego como lingua literaria. Este novo renacer iniciouse coa Guerra de Independencia (1808-1814) e tería como continuación os traballos literarios de diversos autores que se comprometeron coa defensa da lingua e cultura de Galicia. Un dos momentos máis importantes foi a publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro en 1863.
Neste período fixéronse as primeiras gramáticas (Saco e Arce) e os primeiros dicionarios (Valladares) do galego; escribiuse tamén a primeira novela, Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares.
Este renacemento cultural estivo ligado a dous movementos políticos, antecesores do nacionalismo: o Provincialismo (co Levantamento de 1846 e os Mártires de Carral) e o Rexionalismo.
O Galego no Século XX: Loita e Avances
No século XX xurdiron correntes de opinión que propugnaban un cambio na situación do galego. O primeiro movemento que se realizou foi a fundación da Real Academia Galega (RAG) en 1906, tendo como primeiro presidente a Manuel Murguía. O traballo non foi moi frutífero, xa que no dicionario só chegaron a “cativo” e as actas das reunións estaban escritas en castelán.
En 1916 fundáronse as Irmandades da Fala (IF), sociedades que tiñan como obxectivo a defensa e promoción da lingua. Creouse tamén A Nosa Terra, o seu medio de expresión escrita. A finalidade das IF era: a cooficialidade do galego, a creación dunha cátedra de galego na Universidade de Santiago de Compostela (USC), un plan pedagóxico para o ensino, e a redacción dun dicionario e dunha gramática. A actividade das IF provocou:
- Unha maior concienciación na sociedade sobre o carácter diferenciador da lingua.
- Avances na normativización do idioma e creación dunha variedade culta; publicáronse gramáticas e dicionarios.
- Aumento na escrita literaria e do número de lectores.
- Ruptura de pautas diglósicas.
- Recuperación da toponimia.
- Creación de editoriais.
- Creación de compañías teatrais e coros.
- Publicacións periódicas monolingües.
- Creación de entidades científico-culturais (Sociedade de Estudos Galegos - SEG).
Todo este impulso galeguizador viuse freado pola ditadura de Primo de Rivera; a Segunda República semellou unha esperanza que foi efímera. Durante este período aprobouse o Estatuto de Autonomía, no que se aprobaba a cooficialidade do galego. Tamén se vían recoñecidos os dereitos das linguas rexionais, aínda que a lingua oficial do Estado foi o castelán (houbo unha disputa aceda por este tema entre Castelao e Otero Pedrayo con Miguel de Unamuno).
A Guerra Civil supuxo unha ruptura total con todo o acontecido desde o século XIX. A represión que houbo foi brutal e planificada. Hai arredor de 800 fusilados e uns 5.000 paseados.
Posguerra e Recuperación Cultural do Galego
No 1950 fundouse a Editorial Galaxia polos galeguistas que decidiran adoptar a vía cultural e non a política, encabezados por Ramón Piñeiro.
Os anos seguintes á posguerra foron un ermo para a cultura galega, agás as actividades desenvolvidas no exilio. O galego era considerado como un dialecto vulgar e impropio de persoas educadas.
En 1954 o Centro Galego de Bos Aires presentou unha denuncia na UNESCO sobre “A perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol”; este feito supuxo unha relaxación na presión que exercía o Réxime e creouse a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas (LLG) Rosalía de Castro na Universidade Complutense de Madrid.
Nos anos seguintes creouse unha cátedra de galego na Universidade de Santiago de Compostela e, nos anos 70, apareceu na televisión, no programa Panorama de Galicia.
Normalización Lingüística e o Galego Actual
Por outro lado, produciuse nesta época un proceso desgaleguizador debido sobre todo a factores como a penetración do castelán no rural, o aumento do monolingüísmo en castelán e o aumento de prexuízos e comportamento diglósico.
A Constitución democrática de 1978, aínda que recoñece as linguas cooficiais, só aceptou o castelán como a única lingua oficial do Estado.
Do Estatuto de Autonomía de 1981 xurdiu a Lei de Normalización Lingüística, a partir da que se formularon decretos e ordes para desenvolvela; aínda así, só se recoñecen dereitos e non deberes.
A implantación do galego no ensino foi gradual desde o inicio en 1979 ata hoxe. Hoxe en día a presenza do galego é habitual en moitas facetas da vida cotiá: prensa, radio, televisión, cinema, administración, libros, etc.
A primeira normativa oficial do galego foi promulgada no ano 1981, non sen antes haber unha gran polémica pola forma que debería ter. Estas normas son as primeiras na historia da lingua (a última revisión foi no ano 2003).