Historia da Lingua Galega: Contexto e Normalización (1930-1936)
O Galego na Primeira Metade do Século XX: Contexto e Normalización
1. Contexto Demográfico e Económico
En 1930, a poboación galega chegou a 2.230.000 habitantes, a pesar das persoas que emigraran nas décadas precedentes. Comezou a ser notoria a súa concentración en espazos urbanos e costeiros, en paralelo ao despoboamento da Galiza interior.
A economía galega caracterízase por:
- Exportación de materias primas.
- Escasa industrialización.
- Fuga de capitais e de recursos humanos.
- Inmobilismo nas estruturas agrarias.
- Precariedade nas vías de comunicación.
Na agricultura iníciase unha renovación pola mecanización, a introdución de fertilizantes e o labor da Misión Biolóxica de Pontevedra. Na industria vaise producir un desenvolvemento, asentado sobre varios sectores: industria da conserva, construción naval, minería e industria turística.
2. Contexto Sociopolítico
Do panorama político-social hai que sinalar que funcionou o sistema político herdado da Restauración, baseado nun turnismo bipartidista, corrupto e pouco democrático. Este sistema deu síntomas de descomposición nos anos 20, presionado polo agrarismo, o obreirismo e os nacionalismos galego, vasco e catalán, e polo impacto da Guerra de Marrocos.
En 1923, sectores do exército impuxeron a súa ditadura, liderada por Primo de Rivera. A oposición a esta ditadura logrou implantar en 1931 a Segunda República. Iniciouse así unha etapa de cambios sociais e políticos. En xullo de 1936 comeza a Guerra Civil, tras a sublevación dos militares encabezados por Franco contra o goberno lexítimo da República, que presidía Azaña.
Dentro do panorama social destaca a aparición do agrarismo, movemento de masas campesiñas que loita pola redención dos foros e pola mellora das condicións de vida no agro. Solidaridad Gallega e a Liga de Acción Gallega son as principais organizacións.
3. Situación da Lingua Galega
O galego continúa a ser a lingua de comunicación oral da maioría da poboación. A pesar disto, perde cada vez máis falantes debido ao desprazamento poboacional cara ás vilas e cidades. O desarraigo territorial trae consigo o abandono lingüístico. Medra a difusión de estereotipos negativos sobre o galego.
En numerosos ámbitos de uso formais, a exclusividade do español continuou a ser case absoluta. Dous dos máis importantes foron a Igrexa e o Ensino:
- Igrexa: A maior parte da xerarquía e do clero católico en Galiza mantivo posicionamentos contrarios ao uso do galego, que se traduciron en prácticas abertamente diglósicas.
- Ensino: A situación era de marxinación do galego: os currículos ignoraban a existencia da lingua e literatura galegas, ningunha materia era explicada en galego e castigábase o seu emprego.
4. Iniciativas Normalizadoras
As Irmandades da Fala e a Dignificación da Lingua
No ano 1916 fúndase na Coruña a primeira Irmandade da Fala, liderada por Antón Vilar Ponte. Axiña xorden outras Irmandades en moitas vilas e cidades do país, agrupando no seu seo a moitos dos protagonistas do xornalismo, da literatura e da política galegas deses anos. Os dous núcleos máis importantes foron A Coruña e Ourense. A nova asociación crea como voceiro o boletín A Nosa Terra.
O corpus teórico vai ser plasmado en dúas obras fundamentais:
- Teoría do Nacionalismo (1920), de Vicente Risco.
- Doutrina Nazonalista (1921), de Ramón Vilar Ponte.
As Irmandades da Fala foron un revulsivo na sociedade galega. En poucos anos conseguiron que se falase máis en galego culto que antes nun século.
Programa e Actividades das Irmandades
O seu programa demandaba a cooficialidade dos idiomas galego e castelán e incluíu reclamacións como:
- Implantación na Universidade de Santiago dunha cátedra de Lingua e Literatura Galegas.
- Deseño dun plan para a introdución do galego no ensino.
- Elaboración dun dicionario e dunha gramática do galego.
- Fin da marxinación do galego, etc.
Os membros das Irmandades despregaron unha intensa actividade que significou:
- A existencia dun novo discurso reivindicador e dignificador do idioma.
- Un avance no progreso de estandarización e creación dun rexistro culto do galego.
- Un enorme pulo, cuantitativo e cualitativo, no emprego literario do galego. Introdúcense novos xéneros que acompañan a lírica e, en paralelo, amplíanse os círculos de lectores na nosa lingua.
- A ruptura de pautas diglósicas, ao empregar a lingua en novos ámbitos.
- O inicio da recuperación da auténtica toponimia galega.
- A creación de editoriais dedicadas á potenciación e diversificación do libro en galego (Céltiga, Alborada, Libredón, Lar, Nós).
- A fundación de compañías teatrais, cadros de declamación e coros músico-vocais que representaban, interpretaban e compuñan obras musicais e teatrais en galego.
- A creación de publicacións periódicas monolingües como A Nosa Terra, Rexurdimento…
- A posta en marcha de entidades científico-culturais como o Seminario de Estudos Galegos.
Actuación das Irmandades no Ensino e na Igrexa
Son de salientar as iniciativas das Irmandades para tentar contrarrestar a negativa situación do galego no ensino:
- Publicación da primeira revista infantil galega (As Roladas).
- Creación das Escolas de Insiño Galego.
- Elaboración de materiais para a aprendizaxe do galego.
- Elaboración de plans para a galeguización das escolas.
Iniciativas excepcionais no ámbito da Igrexa:
- O arcebispo Lago González escribiu poesía en galego e fixo parte do Seminario de Estudos Galegos.
- En 1931 un grupo de cristiáns impulsan a revista Logos e mais o colectivo Deus Fratesque Gallaeciae publica na nosa lingua artigos sobre diversas cuestións teolóxicas e defende a súa incorporación ás cerimonias litúrxicas.
O Partido Galeguista e a Segunda República
A proclamación da Segunda República en España supuxo a creación dun marco legal menos hostil coa nosa lingua. No programa do Partido Galeguista recóllense como obxectivos a galeguización do ensino e a cooficialidade do galego e o español.
Tamén participa na elaboración do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1936. Nese texto legal proclamábase a oficialidade do galego e o dereito ao seu uso na escola, pero a guerra e o triunfo franquista impediron a súa aplicación.