Historia de España: Conceptos Clave do Século XVIII e XIX

Historia3,85 KB

Conceptos Clave da Historia de España: Séculos XVIII e XIX

Guerrilla

Táctica militar empregada durante a Guerra da Independencia Española, na que a resistencia ante o invasor fíxose dun xeito espontáneo, popular e de grande eficacia. Ante a incapacidade do exército tradicional español de frear ao invasor, pequenos grupos de carácter local de entre 30 e 50 membros fustigaban ao exército francés por sorpresa: destruían as súas instalacións, interferían os seus movementos e asaltaban os convois de aprovisionamento, sometendo aos franceses a unha presión e desgaste permanente. (T.4)

Indianas

Tecidos de algodón brancos ou estampados que se puxeron de moda na segunda metade do século XVIII. Na produción destes tecidos iniciouse o proceso de innovación tecnolóxica na península ibérica en certas comarcas de Cataluña. (T.3)

Internacionalismo

A partir da IAT (1864), termo que se emprega para expresar a necesidade de unión dos obreiros de todo o mundo para defenderen os seus intereses e reivindicacións. En España a difusión do internacionalismo prodúcese no contexto do Sexenio Democrático, cando se legaliza o asociacionismo obreiro. (T.6)

Malcontents

Partidas realistas que se alzan en 1827 en Cataluña na última etapa do reinado de Fernando VII contra as medidas reformistas do goberno de López Ballesteros. Estes grupos de realistas reclamaban un programa de goberno ultraconservador e defendían o retorno aos costumes e foros tradicionais. Na corte este sector aglutinouse ao redor da figura de Carlos María Isidro, irmán do rei e o seu posible sucesor, antes do nacemento das fillas de Fernando VII. (T.4)

Milicia Nacional

Creada polas Cortes de Cádiz, representou o ideal liberal do pobo en armas para defender a orde constitucional. Cumpriu funcións militares e de mantemento da orde pública no ámbito local xa que dependía dos concellos. Suprimida por Fernando VII en 1814, restaurouse durante o Trienio Liberal, e converteuse nun dos principios do liberalismo progresista (1837, 1868) que asentaba grande parte da súa base social nos sectores urbanos. Pola contra, o moderantismo disolveuna sempre que gobernou (1845) pois confiaba máis no exército e institucións como a Garda Civil para garantir a orde, a autoridade e a defensa da propiedade. (T.5)

Moderantismo

Tendencia do liberalismo durante o reinado de Isabel II aglutinados ao redor do "Partido Moderado". Constituíu o núcleo principal dos isabelinos, recollía a antigos ilustrados, jovellanistas, antigos afrancesados e liberais doceañistas. Defendía o dereito de propiedade como garantía de orde que querían preservar e defendían o sufraxio censitario restrinxido para que o poder quedase en mans dunha minoría de propietarios. Constitucionalmente defendían o principio de soberanía compartida, a preeminencia do executivo sobre o lexislativo, a limitación de dereitos individuais e a estrita confesionalidade católica. Os seus líderes máis destacados foron Ramón María Narváez e Francisco Bravo Murillo. Representaban aos terratenentes, restos da antiga nobreza, á grande burguesía comercial e financeira, ao alto clero e aos mandos militares. (T.5)

Motín de Esquilache

Revolta popular con epicentro en Madrid no ano 1766 contra as medidas de saneamento e orde pública tomadas polo ministro de Carlos III, Esquilache: limpeza urbana, iluminación pública e prohibición dos xogos de azar e do uso de armas, así como de utilizar chapeus chambergos e capas longas. Aínda que esta foi a causa inmediata, as causas deste motín son múltiples: malestar popular pola escaseza e carestía do trigo, rexeitamento do poder dos ministros de orixe italiana (Grimaldi e o propio Esquilache) e descontento dos privilexiados fronte ás medidas reformistas e ilustradas tomadas por Carlos III. (T.3)

Descargar

PDF Word HTML