Guía de Conceptos Demográficos Esenciais en Galego
Censo de Poboación
Reconto da poboación dun estado referido a un momento determinado e que inclúe as características socioeconómicas máis importantes da devandita poboación. Organizados polos gobernos, en España a través do INE, realízanse simultaneamente en todo o territorio. No século XX, en España, os Censos de poboación realizáronse cada 10 anos, primeiro nos anos rematados en 0, e desde a década de 1980, nos anos rematados en 1.
Padrón Municipal
Rexistro que desenvolve cada Concello sobre os habitantes que residen no seu territorio. Contén información sobre as características socioeconómicas da poboación, aínda que algo menos detallada que o Censo. A súa principal vantaxe, respecto deste, é que se trata dun documento vivo, xa que rexistra as altas e baixas que se producen. Así, cando unha persoa se traslada dun concello a outro ten a obriga de darse de alta no concello ao que chega e de baixa no que deixa. Polo que tamén é denominado Padrón Continuo de Poboación. No século XX realizáronse Padróns cada 10 anos, nos anos rematados en 5, e na década de 1980 nos rematados en 6. Por exemplo: O Padrón Municipal de Habitantes de 2006.
Transición Demográfica
Modelo que describe os cambios rexistrados ao longo do tempo nos países desenvolvidos: un proceso de transición desde unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso das mesmas, pasando ademais por unha fase intermedia, de descenso da mortalidade antes ca natalidade.
Taxa de Fecundidade
Número de nacidos vivos rexistrados nun momento dado nun lugar determinado por cada 1000 mulleres en idade fértil (15-49 anos). A taxa de fecundidade exprésase en tantos por mil.
Réxime Demográfico
Períodos correspondentes ao modelo de transición demográfica cunhas características propias en canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Sóense distinguir 3 etapas ou períodos:
- O antigo réxime demográfico: con altas taxas de natalidade e de mortalidade, e crecemento vexetativo escaso.
- O réxime demográfico moderno: con taxas de natalidade e de mortalidade moi baixas.
- A transición demográfica: polo que descenden rapidamente primeiro a mortalidade e logo a natalidade.
Esperanza de Vida
Cálculo do número de anos que unha persoa pode esperar vivir desde que nace ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das estatísticas da mortalidade. Por exemplo: a esperanza de vida en España é maior entre as mulleres que entre os homes, situándose no 2011 en 84,4 anos para as mulleres e 78,8 para os homes.
Éxodo Rural
Fenómeno migratorio que supón o cambio de residencia desde zonas rurais cara ás cidades.
Movemento Pendular
Desprazamentos, polo xeral de curta distancia, que as persoas realizan diariamente desde o lugar de residencia ao lugar de traballo e viceversa. Sóense realizar do centro á periferia nos días laborables debido á concentración de empregos no centro da cidade. Resulta máis intenso canto maior sexa o crecemento en extensión do espazo residencial das periferias urbanas.