Guía Completa de Saúde: Probas Diagnósticas e Dieta Saudable

Bioloxía4,47 KB

Probas Diagnósticas Cardíacas e Sanguíneas

A saúde é fundamental, e para mantela, é crucial coñecer e realizar certas probas diagnósticas. A continuación, detallamos algunhas das máis importantes:

Electrocardiograma (ECG): Actividade Eléctrica

A contracción do corazón iníciase por pequenas descargas eléctricas que xeran de forma automática nun grupo de células musculares, denominadas marcapasos, situadas na aurícula dereita. Os impulsos transmítense por vías específicas ao resto do corazón e provocan a súa contracción, primeiro das aurículas e despois dos ventrículos. O ECG é un rexistro gráfico da actividade eléctrica do corazón. Durante cada ciclo cardíaco de bombeo e enchido ten lugar un patrón coñecido de cambios eléctricos que reflicten exactamente o funcionamento do corazón. Estes pulsos eléctricos recóllense a través de electrodos pegados á superficie do corpo. A actividade do corazón, representada por ondas características, pode así ser avaliada instantaneamente nun monitor de televisión ou ser impresa sobre un papel milimetrado para o seu estudo posterior. A comparación entre o ECG obtido e o dun corazón san permite detectar alteracións na condución dos impulsos eléctricos e asocialos a determinadas enfermidades.

Medida da Presión Arterial: Tensión Sistólica e Diastólica

A presión arterial ou tensión mídese cun aparello denominado esfigmomanómetro que mide a presión que exerce o sangue nas paredes das arterias. Obtéñense dous valores:

  • A presión máxima ou sistólica: É a máxima presión na parede da arteria no momento en que o corazón se contrae (sístole) e impulsa o sangue cara a todo o corpo.
  • A presión mínima ou diastólica: É a mínima presión na parede da arteria cando o corazón está relaxado (diástole). Considérase que hai hipertensión se a máxima é superior a 140 mmHg ou a mínima é superior a 90.

Análise de Sangue: Tipos e Utilidade

Require a toma dunha pequena mostra de sangue, que se extrae normalmente dunha vea da zona interna do córbado. Dependendo da información que se quere obter, realízanse diferentes tipos de análises de sangue, como por exemplo un hemograma ou unha bioquímica.

Dieta Equilibrada e Hábitos Saudables

Unha alimentación axeitada é un piar fundamental para a saúde. Descobre como unha dieta equilibrada pode mellorar o teu benestar:

Unha Dieta Equilibrada: Nutrientes e Peso Axeitado

O conxunto dos alimentos que tomamos diariamente constitúen a nosa dieta. Estes alimentos son extremadamente variados, e con eles pódense confeccionar as dietas máis diversas, pero non todas son saudables. Unha dieta saudable ou equilibrada é a que achega todos os tipos de nutrientes e nas cantidades adecuadas para manter o noso organismo en bo estado e conseguir ou manter o peso axeitado.

Coidado coas Graxas: Tipos e Enerxía

A enerxía que proporciona unha dieta equilibrada debe provir, fundamentalmente, dos glícidos (cereais, legumes...) nun 55%. O resto proporciónano os lípidos (graxas), o 30%, e as proteínas, o 15%. Pero hai que ter en conta:

  • As graxas conteñen moita enerxía: Un gramo de graxa proporciona o dobre de enerxía ca un gramo de glícidos ou proteínas.
  • As graxas saturadas: De procedencia animal (e as graxas "trans") aumentan a concentración do colesterol LDL no sangue.
  • As graxas insaturadas: A maioría das graxas de orixe vexetal son máis saudables, aínda que o seu exceso pode favorecer a obesidade.

A Dieta Mediterránea: Un Exemplo Saudable

É un exemplo de dieta equilibrada e caracterízase por:

  • A base da alimentación constitúena os glícidos achegados por:
    • As froitas e verduras frescas.
    • Os cereais, como arroz, e os seus derivados, como o pan ou pastas. Unha parte destes cereais consómense "integrais".
    • Os legumes, como as lentellas ou feixóns.
  • As proteínas proceden máis do peixe ca da carne.
  • A principal graxa que se emprega é o aceite de oliva, tanto para cociñar como para condimentar os alimentos.

A dieta mediterránea considérase moi saudable porque achega unha cantidade axeitada de glícidos ricos en fibra, abundantes vitaminas, e as graxas proceden do aceite de oliva e do peixe.

Descargar

PDF Word HTML