Guía completa dos animais invertebrados: características

Bioloxía4,13 KB

Poríferos ou esponxas

Os poríferos ou esponxas son animais acuáticos, algunhas esponxas carecen de simetría. Son animais sésiles (viven fixos ao substrato). A maioría delas viven no mar, aínda que unhas poucas son de auga doce.

O seu corpo ten forma de saco e está perforado por multitude de poros que se comunican con canles. O seu interior está ocupado por unha cavidade, a cavidade atrial, que se abre ao exterior a través dunha apertura chamada ósculo.

As esponxas aliméntanse por filtración: a auga, con partículas en suspensión que lles serven de alimento, entra cara á cavidade atrial onde estas partículas son atrapadas. A auga filtrada expúlsase a través do ósculo.

Celentéreos

Son animais de corpo brando e simetría radial como, por exemplo, as medusas, corais, anémonas ou hidras. Son todos mariños, agás as hidras.

Os celentéreos teñen unha abertura que actúa como boca e ano, rodeada de tentáculos. Esta abertura comunica coa cavidade gastrovascular. Os tentáculos posúen unhas células urticantes que, ao ser excitadas, segregan un veleno que lles permite paralizar as súas presas para poder capturalas.

Presentan dúas formas de organización corporal:

  • Pólipo: é unha forma sésil. Ten forma de saco tubular cunha abertura chea de tentáculos na parte superior. Poden vivir illados ou formando colonias, como os corais.
  • Medusa: vive flotando na auga. Ten forma de paraugas, no que a abertura que dá paso á cavidade gastrovascular se sitúa na parte inferior do corpo.

Anélidos

Son animais de corpo brando, alongado e simetría bilateral. A maioría son acuáticos, aínda que algúns viven en ambientes húmidos. Os anélidos terrestres respiran a través da súa pel, mentres que os acuáticos poden posuír branquias.

O seu corpo está organizado en metámeros ou aneis, que son segmentos que se van repetindo no corpo destes animais. Moitos posúen uns apéndices chamados quetas.

Moluscos

Son animais de corpo brando e simetría bilateral. Na súa maioría son acuáticos, aínda que algúns, coma a lesma ou o caracol da horta, viven en ambientes terrestres húmidos.

Os moluscos posúen as seguintes partes:

  • Pe musculoso: presenta formas diferentes (para reptar, escavar ou nadar).
  • Masa visceral: contén case todos os órganos do animal.
  • Manto: fina membrana que recobre a superficie do corpo e que en moitos produce unha cuncha protectora.

Grupos máis coñecidos:

  • Bivalvos: (ex. longueirón, vieiras ou mexillóns). Cuncha formada por dúas valvas articuladas.
  • Cefalópodos: (ex. polbo, sepia ou náutilo). Cabeza ben diferenciada con tentáculos con ventosas.
  • Gasterópodos: (ex. lapas, lesmas ou caracois). Moitos posúen unha cuncha en espiral. Respiran por branquias (mariños) ou pulmóns (terrestres).

Equinodermos

Son animais mariños de simetría radial cando son adultos (as larvas teñen simetría bilateral). Exemplos: ofiuras, ourizos, estrelas, lirios e cogombros de mar.

Non teñen cabeza diferenciada e posúen un esqueleto interno con placas e, ás veces, pugas. Dispoñen dun aparato ambulacral, un sistema de canais internos cheos de líquido implicado na locomoción.

Artrópodos

É o grupo máis numeroso dos invertebrados. Son animais de simetría bilateral, tanto acuáticos coma terrestres.

  • Exoesqueleto: articulado, formado por quitina. Protexe e evita a desecación. Durante o crecemento prodúcese a muda.
  • Corpo: dividido en cabeza, tórax e abdome (ás veces fusionados en cefalotórax).
  • Apéndices: articulados (antenas, patas, pezas bucais).
  • Desenvolvemento: algúns nacen semellantes ao adulto; outros pasan por un proceso de metamorfose (larva ou ninfa).

Descargar

PDF Word HTML