Imperio británico: Foi o máis grande dos imperios. Os seus intereses básicos centráronse fundamentalmente na India, a "xoia da Coroa", e no control das principais rutas comerciais. Dentro do imperio colonial británico cómpre destacar un tipo especial de colonias: os dominios, que son aquelas zonas de ultramar nas que se instalaron importantes continxentes de poboación inglesa.
Imperio francés: Francia foi a potencia que logrou formar un imperio colonial de importancia mundial. No entanto, a súa expansión foi máis reducida e orientouse, principalmente, ao control da África mediterránea e do Extremo Oriente asiático.
Alemaña: Non amosou un excesivo interese pola carreira colonial. O seu chanceler, Bismarck, non era partidario dunha política colonial de carácter estatal, senón de apoiar as iniciativas privadas de carácter comercial. O imperio alemán posuía varias colonias en África e abundantes no Pacífico. Tras a dimisión de Bismarck, a política volveuse máis agresiva e foi fonte de continuos conflitos internacionais.
Bélxica: Os intereses belgas centráronse na zona do Congo. A Asociación Internacional Africana foi un instrumento eficaz para dominar e colonizar o territorio.
Rusia: Os intereses rusos tiveron un obxectivo permanente: a ocupación dos estreitos do Bósforo e dos Dardanelos para conseguir así unha saída ao Mediterráneo.
Italia: Os italianos centraron os seus intereses coloniais no Mediterráneo. Os intentos de ocupar Abisinia fracasaron e non puideron conquistala ata 1935-1936.
Holanda, Portugal e España: Trataron de manter as posesións que lles quedaban dos seus vellos imperios coloniais: Holanda en Indonesia; Portugal en África; España no Caribe, Pacífico e África. España levou a peor parte, xa que perdeu o que lle quedaba do seu imperio (Cuba e Filipinas) fronte aos Estados Unidos.
Estados Unidos e Xapón: Os principais intereses norteamericanos centráronse fundamentalmente en dúas zonas (Caribe e Pacífico), mentres que Xapón pretendía o dominio das illas adxacentes e continuar a súa expansión cara á China, onde acabaría enfrontándose a Rusia.